viernes, 30 de septiembre de 2011

Os populares alertan de que o Concello podería quedar sen luz o luns por impago das facturas

O Concello, aseguran, adebeda un total de 747 facturas por importe global de máis de 192.000 euros

Martínez Sanjurjo pide á empresa suministradora que salvaguarde a guardería e as instalacións deportivas do corte 

O Concello de Ordes podería verse afectado, a partir do vindeiro luns, de cortes eléctricos como consecuencia do impago das facturas pendentes coa empresa subministradora, tal e como recoñeceu o propio alcalde no pleno municipal logo de que a situación fose denunciada polo voceiro do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo.

Confírmase, deste xeito, a elevada morosidade do Concello de Ordes que, desde xaneiro de 2010, adebeda á empresa subministradora un total de 747 facturas por importe de mais de 192.000 euros.

Salvagardar os intereses dos veciños
 Neste escenario, o Partido Popular esixe á empresa eléctrica que salvagarde a subministración eléctrica a servizos esenciais como  a gardería municipal ou as instalacións deportivas.

Con todo, José Luis Martínez cuestiona que o Concello de Ordes continúe incrementando débedas que poñan en perigo servizos prioritarios, "mentres segue derrochando cartos públicos en obras innecesarias, como a redecoración dos despachos da antiga Casa Consistorial".

A confirmación do posible corte eléctrico xurdiu no Pleno Municipal cando se debatía unha moción do Partido Popular para instar ao Concello de Ordes a facer públicas todas as facturas pendentes de pagamento.

*

Regos blinda os servizos sociais e o servizo de guardería en Ordes

O pleno municipal aproba diferentes mocións do PP, PSOE e BNG, 

Regos asegura que se non está listo o  cuartel da Guarda Civil en 2012, o Ministerio pagará un aluguer ao Concello de Ordes

A corporación municipal do Concello de Ordes celebrou onte pola tarde o pleno ordinario do mes de setembro. Un pleno, no que en primeiro lugar, o alcalde Manuel Regos, deu conta de sendas reunións mantidas en Madrid, unha co Director Xeral da Garda Civil en relación á construción do cuartel, e outra cos encargados do Plan Miner do Ministerio de Industria para a mellora da estrada de Mercurín.

En canto ao cuartel da Garda Civil o alcalde explicou que trala reunión acordouse que se en 2012 non se leva a cabo a construción do cuartel, tal e como se asinara nun convenio entre ambas administracións, a Garda Civil pagará un aluguer polas instalacións que están a utilizar en Ordes.

Por outra banda e en canto á reunión coa responsable do Plan Miner en relación á mellora da estrada de Mercurín, o alcalde trasladoulle a necesidade de axilizar a sinatura do convenio para a realización das obras, xa que tal e como lembrou, o Concello xa ten realizado o proxecto técnico e enviado a Madrid.

O pleno do Concello de Ordes aprobou tamén a designación do edil de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible, José Luis Gómez Candal, como vogal e representante do Concello na Asamblea Xeral da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade, e ao concelleiro Roberto Iglesias como suplente.

Mocións da oposición
Ademais a sesión plenaria deste mes de setembro tamén tratou diferentes mocións presentadas por cada un dos grupos da oposición. Así, aprobáronse cos votos a favor do goberno local, BNG, PSOE e CideG e a abstención do PP, dúas mocións presentadas polo edil socialista, unha na que se insta á Xunta a que se esclarezan as causas do accidente nun salvaescaleiras do colexio Castelao, e que se repare e se revisen os aparatos de características similares que poida haber noutros centros; e outra na que se solicita á Xunta que axilice a transferencia dos cartos ao Concello para que este poida pagar á empresa encargada das obras da 2ª fase da rolda leste e finalizar as obras.

Nesta última cuestión, o alcalde, Manuel Regos, insistiu en que non quere entrar en polémicas, que se trata dun proxecto realizado en dúas fases, a primeira executada, pagada e en funcionamento, e unha segunda fase que confía, tamén se pagará por parte da Xunta e estará rematada antes do 31 de decembro.

Axudas ás asociacións
Por outra banda o BNG presentou tamén unha moción na que solicitaba que non se retirasen as axudas para as asociacións culturais do municipio. Montserrat Rei, concelleira do BNG, defendeu o mantemento da moción na que os nacionalistas propoñían o mantemento das axudas ás asociacións culturais e deportivas do concelllo. Moción foi aprobada co voto a favor de todos os grupos políticos, excepto o goberno municipal que votou en contra. Para  Rei “esta actuación resulta inaceptábel e inxustificada porque non resulta convincente apelar a unha suposta austeridade para eliminar unhas axudas e colaboracións moi importantes para as asociacións culturais e deportivas do noso concello, cando só supoñen un 0,4% total do Orzamento anual do Concello de Ordes, e significan unha cuarta parte do que pretendía cobrar o goberno municipal en soldos e retribucións”.

A esta cuestión a concelleira Silvia Marín explicou que o que se pretende non é eliminar as axudas para as asociacións, senón que se priorizarán as axudas para aquelas entidades que traballan e realizan actividades tanto culturais, como sociais e deportivas para os veciños e veciñas de Ordes, e o que se retirarán serán outro tipo de axudas como material para a realización de festas como carpas, xeneradores, etcétera, ao existir ademais a posibilidade de cederlles instalacións e locais municipais para a súa celebración sen necesidade de ocasionar máis gastos.

POS
A segunda das mocións dos nacionalistas, aprobada cos votos da oposición, instaba ao goberno local a incluir no Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS) dúas obras, a urbanización da zona do Ceidón e a pavimentación e mellora da pista da Maquía en Pereira. 

O portavoz do BNG, Gonzalo Castro manifestou a este respecto que “hai tres anos anunciouse o inicio das obras de abastecemento e urbanización da Rúa do Ceidón, no barrio do Paraiso, e pasado ese tempo esta zona continua nun estado de total abandono, facéndose totalmente intransitábel e enchéndose de lama cando chove, o que está a ocasionar numerosos probemas aos veciños que residen nesta zona”.


Cemiterio de O Balado
O pleno tratou por último dúas mocións presentadas polo PP. A primeira delas, relativa ás obras nos panteóns do cemiterio municipal de O Balado para o que xa se celebraron diferentes reunións cos propietarios, e onde, tal e como explicou a concelleira Silvia Marín, se lles deu un orzamento orientativo das obras en base ás realizadas recentemente nos novos panteóns. A concelleira insistiu en que foron os propietarios os que pediron ao Concello asesoramento neste tema debido á necesidade da súa reparación.

Na moción, os populares instaban ao goberno local a presentar tres orzamentos alternativos para a realización das obras e a participación dunha representación dos propietarios na contratación dos traballos. Ante este último punto, o secretario do Concello explicou que en caso da realización das obras a contratación faríase mediante un expediente de contratación, no que non poden participar os veciños ao tratarse dun trámite técnico.

A edila Silvia Marín, negou que o orzamento presentado aos veciños estivese inflado, tal e como acusaban dende o PP na moción, e engadiu que dese orzamento o 37% correspondía xa a impostos.

Facturas do Concello
A última das mocións tratadas no pleno, presentada tamén polos populares, instaba ao alcalde a facer públicas a veciños e veciñas e a grupos da oposición as facturas pendentes de pago que hai no Concello. Unha cuestión na que o secretario tamén interviu ao aclarar que o acceso a documentación municipal para os concelleiros está regulado polo Regulamento de Organización Municipal, e para os veciños pola Lei de Procedemento Administrativo.

O goberno local, en base aos informes dos técnicos municipais, tal e como explicou o alcalde, votou en contra desta moción. Ademais o primeiro edil explicou que próximamente se celebrará un pleno extraordinario no que se presentará a conta xeral de 2010 e insistiu en que ao igual que ao resto de administracións, a crise tamén está afectando a Ordes e que haberá que facer recortes nalgúns campos, aínda que asegurou, “seguiremos apostando polo mantemento dos servizos sociais, a atención aos máis necesitados e por servizos como a guardería”.

N-550 en Leira
No apartado de rogos e preguntas o BNG solicitou que se instara a Fomento á reposición dunha liña discontinua na N-550 ao seu paso pola parroquia de Leira para facilitar o acceso aos veciños.  Castro afirmou que “esta proposta conta co aval de máis de 500 sinaturas de veciños e veciñas que debido ao debido ao cambio da liña discontinua que existía antes neste punto kilométrico por unha liña continua, ve obrigados a continuar tres kilómetros até a rotonda do Mesón do Vento, para poder cambiar o sentido da marcha e acceder a estes núcleos de poboación”. 

A esta cuestión dende o goberno local contestaron que xa o pasado día 1 de setembro se enviou á Demarcación de Carreteras do Estado do Ministerio de Fomento un escrito, acompañado por un informe da Policía Local, solicitando esta cuestión demandada polos veciños e veciñas da zona.

Ingresos do Estado
Por outra banda, tamén se tomou en conta outro rogo do PP para que o Concello solicite ao Ministerio de Facenda que se adíe o pagamento das cantidades a devolver correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos Ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009, fixadas actualmente en cinco anos, ata un prazo de dez anos; e tamén solicitar que o Goberno do Estado adopte unha medida tendente a garantir que os ingresos netos que percibirán as entidades locais en concepto de Participación nos Ingresos do Estado non sexan inferiores que os que percibiron durante 2009.


Podes escoitar o pleno municipal a través das ondas de Radio Ordes a través deste enlace.

*

Xesús Pedreira, pregoeiro das festas do Piñeiro

Xesús Pedreira durante un mitin da campaña das pasadas eleccións municipais de maio do 2011.

“É unha honra e unha satisfacción persoal ser o pregoeiro das festas dun lugar ao que sempre me sentín moi unido”


O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, será o encargado de dar o pregón das Festas do Piñeiro, que se celebrarán mañá sábado 1 de outubro neste coñecido barrio da vila de Ordes. Pedreira Mirás considera “unha honra e unha satisfacción persoal ser o pregoeiro das festas dun lugar ao que sempre me sentín moi unido”.

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes considera que nestes tempos de crise económica é de xustiza agradecer o traballo realizado pola Comisión de Festas para poder sacar adiante “uns festexos que cada ano que pasa gañan máis sona e que disfrutan non só os veciños do Piñeiro, senón tamén moitos outros de todo Ordes e de concellos cercanos”.

Programa das festas
As festas do Piñeiro 2011 comezarán ás 10:30 horas cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “Os viqueiras” de Ordes. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne no campo da festa. Ás 14:00 horas terá lugar o pregón de Xesús Pedreira, que dará paso á actuación de “Sementes do arte” e a unha sesión vermú coa orquestra “Trole”. A orquestra “Trole” e o grupo local “A cona ye-yé” serán os encargados de amenizar a verbena nocturna que pechará esta edición das festas do Piñeiro.

*

Unha vintena de desempregados ordenses prepáranse para ser climatizadores


O curso ten lugar no Mercado Agrario Comarcal de Mesón do Vento de 16 a 20 horas


O Concello de Ordes deu comenzo esta semana a un novo curso dirixido a desempregados e tamén a traballadores do metal, tanto autónomos como traballadores por conta allea. Un curso que, nesta ocasión, trata sobre a instalación de climatización.

O pasado luns vinte veciños do municipio comenzaron as clases que teñen lugar de 16:00 a 20:00 horas no Mercado Agrario Comarcal de Mesón do Vento. O curso consta de 130 horas nas que se tratarán aspectos como o cálculo de instalacións, sistemas de climatización, circuítos hidráulicos, cálculo de elementos de central frigorífica, normativas ou temas máis prácticos como equipos e ferramentas empregadas polos instaladores de climatización, entre moitas outras cuestións.

Este curso está subvencionado polo Ministerio de Traballo e o Servizo Público de Empleo Estatal a través da Federación de Industria de Comisións Obreiras (CC.OO.) de Galicia.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Con esta iniciativa dase continuidade á gran cantidade de cursos e actividades formativas que se queren ofertar dende o Concello a desempregados e tamén a traballadores co fin de mellorar a súa formación, facilitando así a súa incorporación ao mercado laboral, ou mellorando a súa situación dentro do mesmo"


*

Os voluntarios verdes limparán este domingo un tramo do río Mercurín

Se tes máis de catorce anos, tí tamén podes colaboroar na limpeza dos nosos ríos e bosques

Un grupo de voluntarios inscritos no programa “Voluntariado Verde” do Concello de Ordes, participarán o vindeiro domingo día 2 de outubro nunha iniciativa promovida por Adega dentro do Proxecto Ríos. Trátase nesta ocasión da IV Limpeza Simultánea de Ríos, na que participan diferentes municipios de toda Galicia nos que se realizarán as limpezas dos seus respectivos ríos o mesmo día.

En Ordes, serán preto dunha decena de voluntarios os que participarán nesta iniciativa coa que se retirará a basura e residuos de diferentes tramos do río Mercurín.

Esta será a primeira das actividades que se desenvolva a través do programa Voluntariado Verde que puxo en marcha o Concello por terceiro ano consecutivo, nesta ocasión a través da Concellería de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible que dirixe o edil José Luis Gómez Candal.

Participa
Dende este departamento municipal animan a todos os veciños e veciñas a que formen parte deste programa de voluntariado para o que o único requisito é ter máis de 14 anos. Os menores de idade deberán presentar unha autorización dos seus pais ou titoresOs interesados poden recibir máis información no Concello, chamando ao 981680002 ou a través dos perfís de facebook “Voluntariado Verde Ordes” e “Medio Ambiente Ordes.


jueves, 29 de septiembre de 2011

Orde do día do pleno municipal de hoxe


Orde do día do pleno ordinario que se celebra hoxe xoves 29 de setembro ás 20:00 horas na sala de plenos da Casa do Concello de Ordes.
 
ORDE DO DÍA
 
PUNTO PRIMEIRO: APROBACIÓN, SE PROCEDE, ACTA DA SESIÓN ANTERIOR DE DATA 28/07/11
PUNTO SEGUNDO: INFORMES DA ALCALDÍA
PUNTO TERCEIRO: DESIGNACIÓN DUN VOGAL E DUN SUPLENTE REPRESENTANTES DO CONCELLO DE ORDES NA ASAMBLEA XERAL DA REDE GALEGA DE CONCELLOS POLA SOSTIBILIDADE.
PUNTO CUARTO: DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS E DECRETOS DA ALCALDÍA.
PUNTO QUINTO: MOCIÓNS
PUNTO SEXTO: ROGOS E PREGUNTAS
 
A entrada á sesión plenaria é libre e gratuita.

*

O Concello pon en marcha un programa de concienciación da igualdade de xéneros

Actividades e obradoiros para xóvenes de entre 12 e 18 anos nas tardes de venres e sábados de outubro e novembro


O Concello de Ordes porá en marcha o vindeiro mes de outubro o programa “Enrolarte en igualdade”. Un programa que ten como finalidade concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias. Esta iniciativa forma parte do programa “Educar en igualdade”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e polo Fondo Social Europeo.

“Enrolarte en igualdade” consistirá na celebración de diferentes actividades dirixidas a persoas de entre 12 e 18 anos, unhas actividades entre as que se encontra un obradoiro de hip hop, un obradoiro de cómic, vídeo relato, manualidades, un obradoiro de cociña creativa e unha gymkana.

As actividades terán lugar na Casa da Cultura de Ordes diferentes venres e sábados dos meses de outubro e novembro en horario de 18:00 a 21:00 horas.

Inscricións
Todos aqueles que estean interesados en participar poderán inscribirse a partir do vindeiro día 30 de setembro no Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes en horario os luns de 09:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, e de martes a venres de 09:00 a 15:00 horas, ou chamando ao 981680002. Tamén poderán recibir máis información a través da dirección de correo electrónico cim@ordes.dicoruna.es ou no perfil de facebook www.facebook.com/concellodeordes .

Os requisitos para poder inscribirse será ter entre 12 e 18 anos no momento da inscrición ou estar cursando a ESO ou Bacharelato. O número de prazas ofertadas para cada obradoiro é limitado polo que a admisión se fará por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os rapaces empadroados no Concello de Ordes. Os interesados en participar poderán inscribirse en calquera dos obradoiros. A inscrición é gratuíta.

En canto ás datas das actividades que se desenvolverán dentro deste programa serán as seguintes:

- Obradoiro de hip hop (Batalla de galos e galiñas)- 15, 22 e 29 de outubro.
- Obradoiro de Cómic- 21 e 28 de outubro
- Vídeo Relato: 4, 5 e 12 de novembro
- Ideas Creativas (manualidades): 11 de novembro
- Obradoiro de cociña creativa (Unha cea especial): 18 de novembro
- Gymkana (Supervivencia no fogar) e clausura das actividades: 19 de novembro


A frase de Roberto Iglesias, concelleiro de Mocidade do Concello de Ordes
"Estes obradoiros e actividades permitirán aos participantes desenvolver a súa creatividade, experimentar novas emocións e compartir traballos e espazos con outra xente, á vez de concienciar aos mozos e mozas sobre as desigualdades de xénero, fomentando actitudes igualitarias"

*

Convocadas as actividades anuais culturais e deportivas en Ordes

O prazo para inscribirte estará aberto do 3 ao 10 de outubro no departamento de Cultura e Deporte da Casa do Concello


O Concello de Ordes porá en marcha un ano máis as actividades anuais culturais e deportivas para todos os veciños do municipio.

Nesta ocasión ofértanse clases de debuxo e pintura, ximnasia de mantemento, aeróbic, atletismo, tiro con arco, patinaxe ao que se suman ademais as escolas municipais de fútbol, fútbol sala e hockey. Tal e como explicaron dende o departamento de Cultura e Deporte do Concello, trátase de actividades pensadas para todas as idades, estando algunhas máis centradas nos adultos e outras nos nenos

Todos aqueles que estean interesados en participar nestas actividades deberán inscribirse do 3 ao 10 de outubro no departamento de Cultura e Deporte do Concello en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas, onde tamén poderán recibir máis información. Será imprescindible entregar unha fotocopia do DNI para formalizar a matrícula. Haberá un mínimo e un máximo de participantes por grupo e as prazas asignaranse por orde de inscrición.

Actividades e horarios
En canto aos horarios de cada unha das actividades serán os seguintes:
- Debuxo e pintura (as clases terán lugar na escola antiga da rúa de Galicia de outubro a maio ambos inclusive):
Grupo adultos: venres de 19:30 a 21:30 horas
Grupo infantil: venres de 18:30 a 19:30 horas
                          sábado de 10:30 a 13:30 horas

- Ximnasia de mantemento: (as clases terán lugar no local da rúa Reconciliación de outubro a maio ambos inclusive)
Horario da actividade: Martes e xoves de 19:30 a 20:30 horas


- Aeróbic: (as clases terán lugar no local da rúa Reconciliación de outubro a maio ambos inclusive)
Horario da actividade: Martes e xoves de 20:30 a 21:30 horas

- Escola de Atletismo de Ordes
Poderase recoller a ficha de inscrición no departamento de Cultura e Deporte do Concello onde recibirán máis información.

- Tiro con arco: (as clases celebraranse no pavillón Campomaior. Para máis información contactar con Luis no teléfono 620040590.)
Horario da actividade: Mércores de 20 a 21:30 horas.

- Patinaxe de precompetición: (as clases terán lugar no pavillón Campomaior. Para máis información contactar co Club Alquimia no teléfono 645871503)
Horario da actividade: Mércores e venres de 18 a 19:30 horas.

- Escolas Municipais de fútbol, fútbol sala e hockey

Máis información contactando cos clubes nos teléfonos: Fútbol: 981697845; Fútbol sala: 609932493 e Hockey: 639356154.

*

Castro: "O goberno de Regos está anclado na absoluta parálise"

Acusa ao goberno municipal de non levar ao pleno ningunha iniciativa de interese para os veciños

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, acusou ao goberno municipal presidido polo alcalde Manuel Regos “de estar anclado nunha absoluta parálise, como o demostra o feito de que para o Pleno que se celebrará este xoves, ás 20:00 horas, non leven ningunha iniciativa de interese para os veciños e veciñas de Ordes”.  

O portavoz do BNG salientou que “o alcalde está a actuar de xeito irresponsábel, facendo que os veciños e veciñas sufran as consecuencias do seu talante antidemocrático e da súa incapacidade para dialogar e chegar a acordos en beneficio do pobo de Ordes”.

Iniciativas do BNG
Castro contrastou a “actitude de paralise dun goberno sen iniciativa, coa dun BNG que responsábelmente está a preocuparse de propoñer iniciativas para solucionar os problemas dos veciños e veciñas de Ordes”.

O portavoz do BNG anunciou que neste Pleno os nacionalistas proporán, entre outras as seguintes iniciativas:

- O mantemento das axudas ás asociacións e entidades de Ordes.

- A inclusión da urbanización da rúa do Ceidón e a mellora da pista da Maquía, situada esta última na parroquia de Pereira, no Plan de Obras de Servizos.

- A solución dos problemas de acceso desde a N-550 a diversos núcleos da parroquia de Leira.

- A solución dos problemas de acceso á Rolda Leste desde varias interseccións. 

*

miércoles, 28 de septiembre de 2011

O PP quere que o Concello publique as súas facturas pendentes de pago

Martínez Sanjurjo: "So dende unha actitude transparente é posible achegar credibilidade a un Concello lastrado polas débedas"

O grupo municipal do Partido Popular de Ordes defenderá, no pleno previsto para maná, unha moción para instar ao Concello a facer públicas todas as facturas pendentes de pagamento correspondentes a gran parte do valor das obrigas de pago por máis de once millóns de euros, importe aproximado da débeda, aseguran dende o PP, "que sitúa a esta Administración local ao borde da bancarrota".


Dende o PP apuntan que a lexislación en vigor obriga ás administracións locais a dispor dun rexistro de todas as facturas e demais documentos emitidos polos contratistas, feito que facilita a materialización da proposta formulada polo PP, dado que non implicaría esforzo adicional algún para os servizos do Concello.

Credibilidade
José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro municipal do PP de Ordes agarda que esta proposta sexa aprobada, na medida en que "só desde unha actitude transparente será posible achegar credibilidade a un Concello lastrado por débedas millonarias que o sitúan ao borde da bancarrota". O portavoz popular considera, ademais, que "o grupo de Goberno, que conduciu ao Concello de Ordes a esta situación, está obrigado a informar con detalle en qué gastaron a débeda millonaria que pesa sobre todos os ordenses".

Cemiterio municipal
Nesta mesma liña, o PP local defenderá no pleno unha segunda moción para esixir a participación dunha representación dos propietarios dos panteóns do cemiterio municipal do Balado no proceso de contratación das obras de mellora nas instalacións existentes.

As diferentes reunións celebradas ata o de agora entre representantes do Concello e os propietarios dos nichos saldáronse cun notable malestar dos veciños dado o intento de encargar os traballos –que serán pagados integramente polos donos dos panteóns- a unha empresa concreta, malia que presenta un presuposto inflado que supera amplamente o valor da obra.

A proposta presentada polo Concello de Ordes aos propietarios para executar as obras de cubrición dos panteóns e dos patios e as recollidas de pluviais ascende a 1.253 euros por cada columna de panteóns (máis de 100.000 euros por cada mazá de nichos).

Para superar esta situación, o PP reclamará que o Concello presente, polo menos, tres presupostos alternativos de outras tantas empresas, e que unha representación dos propietarios dos nichos participe en todo o proceso de contratación das obras para que este se efectúe con absoluta transparencia.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro do PP de Ordes
“Máis aló das obras para redecorar despachos de luxo que continúa acometendo no Consistorio, se conserva algo de dignidade, o alcalde debería permitir que os veciños coñezamos en qué malgastaron os once millóns de euros convertidos en débeda e que acabaremos pagando todos cos nosos impostos"

*

Pedreira solicitará ao pleno que se revisen os aparatos elevadores das escolas

Pretende que se esclareza o accidente do CEIP Castelao

O concelleiro socialista Xesús Pedreira ven de presentar ante o rexistro municipal unha moción solicitando ao pleno da corporación que acorde instar á Consellería de Educación a realizar unha investigación para determinar con precisión os motivos dos fallos de seguridade do elevador do CEIP Castelao que a pasada semana causaron feridas leves a un estudante.

Tamén suplica a súa inmediata reparación e a revisión de outros aparatos similares que poidan estar instalados en outros centros de ensino.

*

A biblioteca acolle unha mostra de libros co gallo do novo curso escolar


Estrea este novo curso máis de 200 contos dirixidos aos nenos e nenas de educación Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria

A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes quixo contribuir un ano máis coa volta ao cole dos máis pequenos do municipio, nesta ocasión organizando unha mostra de libros no centro. Unha mostra que está tendo unha gran acollida dende a súa apertura ao público o pasado 19 de setembro, e que quere servir ademais como revulsivo de cara ao fomento da lectura entre os máis pequenos.

A biblioteca municipal estrea ademais con este novo curso máis de 200 contos dirixidos aos nenos e nenas de educación Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria, contos en galego que esperan contribúan ao fomento da lectura entre os máis novos, conseguindo así que se convirta nun hábito dos nenos e nenas do municipio.

Tardes de Contos e Lendas
Por outra banda e de cara ás actividades que se desenvolverán na biblioteca este novo curso, o vindeiro mes de outubro está previsto que se reanude o programa “Tardes de Contos e Lendas”, unha iniciativa dirixida aos nenos de entre 3 e 8 anos que trae o último venres de cada mes ata este centro, contacontos e demais atraccións tamén co fin de fomentar a lectura.

Xa de cara ao mes de novembro, do 5 ao 15, tamén está previsto que a Biblioteca Municipal do Concello de Ordes acolla a exposición “V Premio Castelao de Banda Deseñada” promovida pola Deputación de A Coruña.

Ademais tamén está prevista próximamente unha mostra de exemplares de narrativa en galego cos que conta o centro.

*

lunes, 26 de septiembre de 2011

Barbeiros, máis cerca da banda ancha de internet

Técnicos informáticos da empresa Allticnor explica aos veciños e ao propio alcalde Manuel Regos os detalles deste tipo de conexión a internet vía satélite Hispasat.

O alcalde Manuel Regos acudiu esta mañá á primeira proba do servizo de conexión por satélite no rural ordense

Regos: "A conexión a internet no rural é moi importante ademais de estar moi demandada"

O alcalde Manuel Regos, participou esta mañá, acompañado polo edil de Obras e Urbanismo, Roberto González e a concelleira de Educación, Mantemento e Servizos, Silvia Marín, así como de veciños e veciñas, á primeira proba do servizo de banda ancha de internet por satélite na parroquia de Barbeiros. Tratouse hoxe da presentación nesta parroquia dun sistema que permitirá que os veciños do rural ordense, a onde non chega o ADSL, non só poidan acceder á banda ancha senón que teñan totalmente gratis a instalación e adquisición dos dispositivos precisos para desfrutar deste servizo, consistentes nunha parabólica e un receptor.

Así, os encargados de presentar aos veciños este sistema foron representantes da empresa Allticnor SLNE, na que participan as empresas locais IDE informática e PM Sat, responsables da dotación dos equipos informáticos e das antenas precisas para cada caso.

Esta implantación de banda ancha no rural non terá custo ningún para o Concello, xa que é un servizo orientado para o cliente final. Manuel Regos, quixo dar a coñecer aos veciños do rural ordense esta posibilidade de contar con banda ancha na súa zona, cuestión que, tal e como explicou, estaba a ser moi demandada e moi importante para os veciños das parroquias.

Dende un ata oito megas
Os interesados neste servizo, que está financiado polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, poderán recibir máis información nos teléfonos 981691252 ou 664 269 770. Os usuarios poderán contratar distintos paquetes que van dende 1 ata 8 megas.  Allticnor SLNE prestará o servizo co apoio de Hispasat, operador líder no mercado español e iberoamericano, grazas á súa plataforma de acceso a Internet vía satélite de última xeración, ofrecendo un 100% de cobertura

*

Castro alerta de que a débeda municipal incrementouse en 2010 en máis de dous millóns de euros

Segundo o portavoz nacionalista, "detrás desta actitude do alcalde, existe intención de ocultar información aos veciños"

Dende o Bloque insisten na necesidade dunha auditoría externa das contas municipais

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou hoxe ao alcalde, Manuel Regos, de “incumprir as súas obrigas legais e non levar a conta xeral de 2010 ao pleno para o seu debate e aprobación antes do primeiro de outubro, tal e como establece a lei ”.

O naionalista afirmou que “o alcalde pretende evitar que os veciños e veciñas de Ordes coñezan a nefasta xestión realizada polo goberno municipal, tal e como se constata nun informe da Intervención municipal do Concello de Ordes, informe que forma parte da documentación da conta xeral de 2010”.

Auditoría externa
Gonzalo Castro, manifestou que “o alcalde pretende ocultar que un informe da intervención municipal ven a evidenciar a súa xestión caótica e irresponsábel, o que confirma a necesidade de realizar a completa auditoría externa das contas do Concello, proposta polo Pleno o pasado mes de xullo, a iniciativa do BNG”.

O portavoz do BNG salientou que, “ademais do total incumprimento do plan de saneamento, o informe da Intervención que forma parte da conta xeral  tamén advirte do incremento da débeda do Concello durante o ano 2010 en máis de dous millóns de euros, o que supón una débeda acumulada por habitante de 662 euros, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.” O portavoz do BNG sospeita que “detrás desta actitude do alcalde, existe a intención de ocultar aos veciños información relativa a actuacións inconfesábeis deste goberno municipal”.

Compromiso do BNG coa transparencia
Castro reafirmou o “compromiso do BNG coa transparencia, por iso seguiremos traballando para que se aclaren todas as cuestións relativas á critica situación económica do Concello de Ordes, que, debido ao estrago de recursos públicos, atópase cunha débeda que xa rolda os once millóns de euros, e que sigue a impedir atender o pago dos servizos e traballos dos provedores do Concello, ocasionando un grave quebranto económico aos autónomos e ás empresas de Ordes”.

viernes, 23 de septiembre de 2011

Os socialistas queren que se investigue o accidente do salva-escaleiras do CEIP Castelao


Silvia Fraga e Xesús Pedreira queren que a Xunta investigue se o accidente foi froito dunha falta de dilixencia, dunha mala instalación ou dunha combinación de infortunios

A deputada no Parlamento de Galicia, Silvia Fraga Santos e Xesús Pedreira Mirás, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, presentaron esta mañá na sede dos socialistas ordenses dúas iniciativas parlamentarias dirixidas a esclarecer o accidente acontecido o pasado martes 20 de setembro, cando o desprendemento dun salva-escaleiras feriu a un alumno con problemas de mobilidade que neses intres o estaba utilizando.

Xesús Pedreira indicou que “o máis importante de todo é que, afortunadamente, o rapaz evoluciona favorablemente dun accidente que puido ter unhas maiores consecuencias, e que tamén causou unha lóxica preocupación e alarma entre toda a comunidade educativa de Ordes xa que o grado de seguridade das instalacións do centro quedou en cuestión”. Por iso, o Grupo Parlamentario Socialista vén de presentar diante da Mesa do Parlamento unha proposición non de lei e unha pregunta para a súa resposta en Comisión sobre este accidente.

“Nós non estamos culpando a ninguén do accidente, pero queremos que a Consellería de Educación investigue como é posible que unha instalación que apenas leva un ano en funcionamento faie e se desprenda deste xeito”, sinala Silvia Fraga. A parlamentaria socialista insiste en que “queremos saber se o que pasou no Castelao é froito unha falta de dilixencia, dunha mala instalación ou dunha desgraciada combinación de infortunios, porque a comunidade educativa de Ordes merece unha resposta”.

Revisións
Nas súas iniciativas, o grupo parlamentario socialista esíxelle á Consellería de Educación que informe se o aparato elevador ten pasado as revisións correspondentes e se a Xunta revisa o estado destes aparellos nas datas previas ao comezo do curso. “Esperemos que as instalacións pasaran todos os controis pertinentes, pois non queremos pensar que a austeridade do Goberno Feijoo chegue a estas materias, aínda que certo é que dende a chegada do PP á Xunta se reduciu considerablemente o investimento en educación”.

Por iso, os socialistas tamén esixen a reparación inmediata do aparato elevador do CEIP Castelao ou a súa reposición por outro para que estea canto antes en funcionamento para dar servizo ao alumnado con problemas de mobilidade que estuda no centro. Así mesmo, solicitan unha revisión de todos aqueles aparatos elevadores de características técnicas similares ao do CEIP Castelao que poida haber instalados en Galicia.

Moción no pleno
Por último, Xesús Pedreira confirmou que o vindeiro xoves 29 de setembro presentará diante do Pleno de Ordes unha moción para recabar o apoio de todos os concelleiros do municipio á realización dunha investigación sobre o accidente no salva-escaleiras do colexio Castelao. Pedreira insiste en que a Consellería de Educación ten que garantir a seguridade e a integridade física do alumnado ordense e agarda conseguir o apoio de todos os grupos políticos municipais á súa proposta.

*

O elevador do CEIP Castelao xa foi revisado por técnicos da Consellería

O portavoz do Partido Popular de Ordes, Martínez Sanjurjo, obtivo hoxeo compromiso da xefa territorial da consellería de "extremar o control" da instalación


O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, Jose Luis Martínez Sanjurjo, adquiriu hoxe o compromiso da xefa territorial da Consellería de Educación na Coruña de extremar a vixilancia sobre o elevador instalado no CEIP Castelao desta localidade, con independencia das conclusións que se deriven da inspección xa efectuada.

Revisión exhaustiva
Logo do accidente ocorrido o pasado martes no elevador desde colexio ordense, o portavoz municipal do PP contactou coa xefa territorial de Educación para trasladarlle a súa preocupación polo sucedido e pedirlle que se efectuase, canto antes, unha revisión exhaustiva de toda a instalación, investigando as causas do incidente.

De feito, un equipo técnico da Consellería de Educación xa se desprazou a Ordes para inspeccionar as instalacións e elaborar un informe completo sobre as causas do accidente

*

Inaugurada nos baixos da Alameda a nova sede da Mancomunidade

De esquerda a dereita, Xosé Dafonte Varela, alcalde de Trazo; Miguel Prado Patiño, alcalde de Frades; Manuel Regos, presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes; Mariano Iglesias Castro, alcalde de Mesía; Xosé García Liñares, alcalde de Cerceda; Antonio Pereiro Liñares, alcalde de Tordoia; e Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Manuel Regos: "A Mancomunidade acollerase ás axudas que anuncia a Xunta para mancomunar servizos como a recollida de residuos, grúa e parque de maquinaria ou acondicionamento común de estradas"

Os sete alcaldes dos concellos que conforman a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes inauguraron na mañá de onte a nova sede da entidade comarcal, que está situada nos baixos da Alameda de Ordes. O presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos, exerceu de mestre de cerimonias e guiou á comitiva oficial na súa primeira visita ás novas instalacións, nas que están ubicados todos os servizos e todos os profesionais que traballan na Mancomunidade de Ordes.

A inauguración deu paso á primeira sesión do pleno desta nova etapa da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
Baixos da Alameda
Manuel Regos asegurou que “se trata duns locais moi necesarios para que os profesionais da Mancomunidade poidan desenvolver a súa labor e poidan prestar un mellor servizo aos veciños xa que, ao ter un espazo común de traballo, gañarán en operatividade”. Deste xeito, os baixos da Alameda acollen dende hoxe aos 22 profesionais que traballan na Mancomunidade de Ordes, despois da recente contratación dunha axente de Igualdade. Ademais, os baixos da Alameda ordense alberga as oficinas administrativas e as dependencias do Centro de Información á Muller (CIM), do Servizo de Atención Temperá, do Servizo de Prevención de Drogodependencias, do Servizo de Orientación Laboral ou das traballadoras sociais en materia de familia, menores, inmigración ou terceira idade. Ata o de agora, todos estes servizos estaban espallados por distintas oficinas ubicadas na casa consistorial de Ordes, na antiga escola a carón da Casa da Cultura ordense ou no centro comarcal, por exemplo.

O presidente Manuel Regos guía aos alcaldes da Mancomunidade polas novas instalacións.
Novos servizos mancomunados
Logo da visita, o Pleno da Mancomunidade de Ordes celebrou a súa primeira sesión despois da súa constitución. Unha sesión presidida por Manuel Regos e na que participaron os outros seis alcaldes que compoñen o pleno da Mancomunidade: Xosé García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).

Regos Boquete agradeceu especialmente o traballo realizado polos anteriores presidentes da Mancomunidade “que fixeron unha gran labor e só espero poder estar á súa altura nos próximos catro anos”. Unha lexislatura que se presenta especialmente complicada pola situación de crise económica xeralizada e que afecta especialmente aos Concellos. Por iso, Manuel Regos anunciou que “hai uns días a Xunta falaba de abrir axudas para mancomunar servizos, estamos ante un momento importante onde temos que traballar xuntos para, entre todos, poder saír desta crise”.

Así, esta primeira reunión serviu para que todos os alcaldes da Mancomunidade puxeran sobre a mesa os servizos que lles interesaría mancomunar. Deste xeito, a Mancomunidade de Ordes estudiará a posibilidade de mancomunar os servizos de recollida do lixo, recollida de animais abandoados, crear un grupo de axuda para emerxencias, crear un parque de maquinaria e un servizo de grúa en común, o acondicionamento común de estradas e mesmo un servizo dixital para o rural (que permitiría o envío de avisos por SMS e realizar consultas electrónicas).

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, e o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Axudas da Xunta de Galicia
Deste xeito, a Mancomunidade ordense pretende acollerse ás axudas anunciadas pola Dirección Xeral de Administración Local para potenciar que se mancomunen servizos entre os concellos. Unhas propostas que se estudiarán e se tentarán concretar en vindeiras reunións xa que “todos os alcaldes estamos dispostos a mancomunar servizos para que sexan máis rentables e operativos. Estamos falando de que Ordes é unha das mancomunidades máis antigas que existen e o que pretendemos é seguir ofrecendo servizos a menor coste polo ben de todos os nosos veciños e veciñas”, apuntou Regos Boquete.

*

jueves, 22 de septiembre de 2011

Pedreira pediulle ao delegado do Goberno en Galicia reformas na N-550 ao seu paso por Ordes

O delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, e o concelleiro ordense Xesús Pedreira, onte na Coruña. 

Tamén reclamoulle a Cortizo unha solución para o problema do mantemento da estación da Pontraga e o canon que o Concello de Ordes paga a Adif

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, reuníuse onte na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, para darlle traslado dunha serie de peticións veciñais para o repintado da N-550 ao seu paso polo Mesón do Vento, Santa Cruz de Montaos e Leira. “Son unha serie de demandas que nos fixeron chegar os veciños e que mellorarían a circulación en Ordes sen ter que facer costosos investimentos”, sinalou Pedreira.

Así, os socialistas de Ordes solicitaron a eliminación da liña continua na N-550 ao seu paso pola localidade do Mesón do Vento. “No partido socialista recibimos moitas peticións de veciños e empresarios da zona que piden que a liña sexa discontinua”, explica Xesús Pedreira. Ademais, Pedreira Mirás tamén solicitou que a sinalización horizontal no Brumeiral (Leira) volva a deixarse como na súa orixe, cunha liña discontinua na N-550 (sentido Coruña).

Reordenación en Montaos
Así mesmo, Pedreira tamén fixo especial fincapé na necesidade dunha reordenación do tráfico ao seu paso por Santa Cruz de Montaos. “Xa existe un proxecto en Conservación de Carreteras para mellorar a seguridade nos accesos a Fosado e Queis, só hai que habilitar os desvíos cun simple repintado da zona”, indica Xesús Pedreira. Deste xeito, a opción presentada polos socialistas ordenses suporía a eliminación de parte do carril de aceleración na entrada á localidade de Santa Cruz de Montaos para poder así habilitar unha zona para o desvío dos vehículos que circulan pola N-550 (sentido A Coruña) cara Fosado.

Finalmente, Xesús Pedreira tamén solicitou a mediación de Miguel Cortizo diante do ADIF para ver de buscarlle unha solución ao problema que o Concello de Ordes ten co mantemento da antiga estación da Pontraga. “Pedímoslle ao Delegado do Goberno a súa mediación para que eses cartos que o Concello ten que pagarlle ao ADIF podan utilizarse para outros investimentos máis necesarios”, concluíu o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes.

*

miércoles, 21 de septiembre de 2011

O PSOE pedirá á Xunta que garanta a seguridade nos centros de ensino ordenses

Un accidente cun elevador no CEIP Castelao motivará aos socialistas a presentar unha moción no pleno municipal

Un accidente onte á mañá co elevador de persoas con mobilidade reducida do CEIP Castelao de Ordes motivou ao PSOE de Ordes para dirixirse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria solicitando que garanta a seguridade e a integridade física do alumnado do centro de ensino ordense.

Os socialistas lamentan os feitos e agardan que a Xunta de Galicia ofreza "explicacións convincentes, detalladas e documentadas" sobre as circunstancias nas que se produciu o accidente e sobre o estado de mantemento e supervisión técnica do equipo. 

De cara á vindeira sesión plenaria da corporación municipal, o concelleiro socialista Xesús Pedreira, anunciou onte a presentación dunha moción para que o Concello emprace á Xunta a garantir o correcto estado das instalacións do colexio e que examine tamén as dos restantes centros escolares do municipio. 

Xesús Pedreira.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSOE de Ordes
“A Consellería de Educación da Xunta de Galicia non só debe velar pola educación dos alumnos e alumnas, senón que ten tamén a responsabilidade da seguridade das instalacións, sen descoidar o seu mantemento e cunha revisión continua do seu funcionamento”

"Agarda que a nosa moción obteña o apoio de todos os grupos políticos, incluído o PP, que o pasado curso non dubidou en utilizar de forma partidista diversos investimentos nos colexios ordenses, que previamente retrasara no tempo”.

*

Preto de trinta persoas participaron no curso de manipulador de alimentos

O curso, que tivo lugar na Casa da Cultura,  consistiu nunha charla de tres horas.

Trátase de cursos obrigatorios para a industria alimentaria

A Casa da Cultura de Ordes acolleu o pasado xoves un novo curso de manipulador de alimentos. Un curso no que participaron 29 persoas e que consistiu nunha charla informativa de tres horas presenciais nas que se trataron aspectos prácticos sobre a seguridade alimentaria, a manipulación de alimentos e as normas mínimas a cumprir na industria alimentaria.

Tal e como explicaron dende a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Ordes, trátase de cursos moi importantes tanto para desempregados como para traballadores do sector da industria alimentaria xa que son obrigatorios para todas aquelas persoas que traballen en panaderías, hostelería, dependentes de conxelados, charcuterías, personal de supermercados, repartidores, traballadores de queixerías, personal de guarderías, comedores de colexios, personal de residencia de anciáns, etcétera, de aí a súa importancia ao aportar aos participantes unha ferramenta máis de cara a conseguir un posto de traballo.

*

viernes, 16 de septiembre de 2011

O PP de Ordes lamenta que o claustro do Campomaior utilice aos alumnos para as súas protestas

Segundo os populares, estas medidas convirten aos estudantes "nos principais afectados"

Lembra Martínez Sanjurjo que a Consellería de Educación atende a unha vella reivindicación dos pais de alumnos

Gestal: "Estas protestas carecen do máis mínimo respaldo social" 

A dirección do Partido Popular de Ordes lamentou hoxe a decisión do claustro de docentes do CEIP Campomaior de suspender unha serie de actividades escolares como medida de protesta contra a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a aplicación da Orde de 23 de xuño de 2011. Segundo os populares, estas medidas convirten aos estudantes nos "principais afectados", lesionando o seu dereito á educación.

Dende o PP apuntan que a decisión da Consellería de Educación de modificar o horario lectivo do profesorado de infantil e primaria para situalo en vintecinco horais semanais se limita a equipar aos docentes galegos cos de outras once comunidades autónomas. Con todo, aclaran, "a xornada laboral mantense invariable, en trinta e sete horas e media semanais".

Para o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, é de salientar tamén a regularización da atención ao alumnado á chegada e saída do transporte escolar aos centros, un feito que cobra especial relevancia nesta  municipio. Segundo este, a regularización que está agora a promover a Xunta de Galicia é unha vella demanda dos pais, "xa que, ata o de agora, proxenitores, avós e outros familiares se vían obrigados a acompañar aos nenos ata o inicio da clase, dado que ninguén de facía cargo deles durante ese tempo".

José Manuel Gestal, do PP de Ordes.
"Medidas de presión"
Pola súa banda, o concelleiro popular José Manuel Gestal, docente en exercicio, considera que o profesorado está a adoptar "medidas de presión" contra a decisión da Xunta e que prexudican directamente aos alumnos, “utilizando aos nenos como cobaias nunha protesta que carece do máis mínimo respaldo social”. O concelleiro enmarca esta protesta nunha "estratexia de precampaña orquestrada en diferentes centros educativos" e que responde a intereses alleos á calidade educativa.

*

jueves, 15 de septiembre de 2011

Os docentes do CEIP Campomaior suspenden actividades escolares como medida de protesta contra Xesús Vázquez

Non haberá biblioteca no recreo, nin préstamo de libros polas tardes, nin festivais, nin actividades extraordinarias, nin  saídas, e deixará de editarse a revista escolar Reviscole

A presidenta do consello escolar do CEIP Campomaior de Ordes, Mercedes Barros Otero, fixo pública hoxe a decisión do claustro de profesores de levar a cabo unha serie de medidas en protesta pola Orde de 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal docente.

O claustro pretende así manifestarlle ao conselleiro de  Educación da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez, que a aplicación desta nova normativa modificará o seu plan de traballo, "pois ó ter 25 horas lectivas nas que hai que atender as propias clases, as gardas de recreo, as gardas de transporte, o apoio ao alumnado doutras aulas, as substitucións do profesorado que falta...non queda tempo para a organización doutras actividades que se viñan realizando". O claustro considera que a Orde perxudica a calidade do ensino público e atribúe ao profesorado, traballos que non lle son propios, como a vixilancia do transporte escolar.


Catro medidas
Así, as medidas de protesta acordadas serán as seguintes:
1. Peche da biblioteca nos recreos e non facer préstamos pola tarde.
2. Clausura de festivais e saídas.
3. Suspensión de participacións en actividades extraordinarias, ainda cando estean financiadas por outros organismos.
4. Suspensión da Reviscole e dos murais da entrada.

*

O mal estado da pista da entrada a Buscás, posible causa dun accidente



Os socialistas de Ordes reclaman que se remate a ronda leste e se remate con ese firme de zahorra

Un turismo apareceu volcado o pasado martes na estrada AC-524, na súa entrada hacia Buscás, xusto onde o pasado 4 de agosto, un grupo de socialistas ordenses reclamaban á Xunta de Galicia a continuación das obras la ronda leste.


Firme de zahorra
Naquela data, o concelleiro socialista Xesús Pedreira indicou que a paralización das obras foi tan precipitada que hai puntos como o enlace da AC-524 coa estrada interior de Buscás, onde se localizou esta semana o accidente, nos que antes o vial estaba asfaltado e agora quedou cun firme de zahorra que presenta “uns socavóns considerables nos que os veciños arriscan a diario a súa integridade a a dos seus vehículos”. 


Agora, os socialistas volveron a recordar a mala situación da pista culpando a este feito do accidente sofrido por un veciño.


*  

Segue aberto o prazo de inscrición das ligas deportivas de Ordes

Fútbol sala masculino e feminino, tenis, tiro con arco, xadres, bádminton, tenis de mesa, tute, diana, futbolín e Playstation FIFA 2011

A Asociación Deportiva de Ordes, coa colaboración do Concello, organiza un ano máis as ligas deportivas locais. Este ano as disciplinas nas que se pode realizar a inscrición son fútbol sala, fútbol sala feminino, tenis, tiro con arco, xadrez, bádminton, tenis de mesa, tute, diana, futbolín e unha liga de videoxogo FIFA 2011 Playstation en pantalla xigante.

Todos aqueles que estean interesados en participar poden facer a súa inscrición, así como recibir máis información a través do teléfono 606910334 ou no mail asociaciondeportivaordes@gmail.com. A data límite para realizar a inscrición será o vindeiro 30 de setembro.

Estas ligas deportivas teñen ano tras ano unha gran aceptación. O ano pasado celebráronse as ligas de fútbol sala, na que participaron vinte equipos, a de tenis e a de dardos. Para esta tempada xa hai un bo número de participantes anotados.

Dende a organización animan aos lectores de Ordessiete a que partícipen unha vez máis destas ligas deportivas.

*