miércoles, 30 de noviembre de 2011

Silvia Marín felicitou aos gañadores do concurso “Non tires os chicles nin os papeis ao chan”



A entrega dos premios tivo lugar na biblioteca, onde seguirán expostos os traballos ata pasadas as festas de Nadal

A biblioteca municipal do Concello de Ordes acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios aos gañadores do I Concurso de debuxo infantil “Non tires os chicles nin os papeis ao chan” convocado polo Concello. Ao acto asistiron, ademais dalgúns dos premiados na convocatoria libre, os alumnos das cinco escolas unitarias do municipio que tamén participaron neste certame.

A encargada de entregar os premios foi a concelleira de Educación, Silvia Marín, que agradeceu a participación de todos os nenos e nenas así como os animou a participar neste tipo de iniciativas, que serven ademais para concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de ter un municipio limpo.


Gañadores
Os gañadores do concurso foron os seguintes:

- Gañadores na convocatoria libre:
                                     Nadia Martínez (3 anos)
                                     Diana Rodríguez (6 anos)
                                     Eric Vázquez (8 anos)
                                     Fátima Rodríguez (8 anos)
                                     Miguel Ángel Boado (9 anos)
                                     Ángel Rodríguez (10 anos)
                                     Joel Saavedra (10 anos)
                                     Nuria García (10 anos)
                                     Juan Luis Boado (11 anos)

- Gañadores nas escolas unitarias:

- Escola de Parada: - Andrea Figueira
                                   - Iker Caamaño
                                   - Elda Graña

- Escola de Montaos: - Ainhoa Conde
                                     - Gemma Carrillo
                                     - Zaira Rodríguez

- Escola de Buscás: - Andrea Couto
                                   - Andrea Nogareda
                                   - Dani Gómez

- Escola de Merelle: - Iago David Mesías de Moura
                                    - Iván Rial
                                    - Laura Ríos

- Escola de Beán:   - Ángela Gorgal
                                 - Manuel Mosquera Villaverde
                                 - Jorge Amigo Berdomás

*

Cinensino chegará este ano a case que 800 rapaces da comarca

Serán oito as escolas participantes de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes e Oroso

O programa de educación en valores “Cinensino”, que organiza a Mancomunidade de Municipios de Ordes, chegará este ano a un total de 793 rapaces de oito colexios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes e Oroso. Unha cifra que supón cuadruplicar o número de participantes na edición de 2010-2011, xa que este ano o programa chegará a máis centros escolares da comarca e incluirá tamén aos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria.

O 70% de Ordes
Os centros educativos de Ordes (315) e Oroso (244) concentran o maior número de usuarios de “Cinensino”, algo máis do 70% dos participantes. Así, “Cinensino” chegará este curso a 135 alumnos do IES Maruxa Mallo (Ordes), a 55 rapaces do IES Nº 1 (Ordes) e a 125 nenos do CEIP Castelao (Ordes). No municipio orosán participarán 123 rapaces do IES Oroso e 121 nenos do CEIP Sigüeiro. Completan os 793 alumnos de “Cinensino” os 113 alumnos do CPI O Cruce (Cerceda), os 69 alumnos do CPI Xanceda (Mesía) e os 52 alumnos do CPI Pontecarreira (Frades).

*

Presentado o banco de tempo de Ordes

A concelleira Silvia Marín e Ismael Blanco, da empresa Deloga, presentando os bancos de tempo en Ordes.

Silvia Marín: "Este tipo de actividades axudan a solucionar problemas da vía diaria"

Un grupo de mulleres marroquíes ensinarán os segredos da súa cociña

O Concello de Ordes presentou esta mañá un novo proxecto no municipio consistente nun Banco do Tempo mediante o cal as persoas usuarias ofrecen e solicitan servizos e actividades intercambiando o seu tempo de xeito gratuíto. Trátase dun sistema de voluntariado mutuo que anima á xente a compartir o seu tempo e habilidades entre sí utilizándoo como moeda de cambio.

No acto de presentación desta iniciativa, a concelleira de Educación, Silvia Marín, insistiu na importancia deste tipo de actividades que, neste caso, axuda a solucionar problemas da vida diaria sen ter que gastar diñeiro, serve como ferrramenta que axuda a conciliar a vida laboral e familiar, fomenta a igualdade e a cooperación entre a veciñanza e as relacións entre persoas. 

Na presentación tamén participou o representante da empresa Deloga, Ismael Blanco, quen explicou o funcionamento do Banco do Tempo. Así, indicou que o único requisito para poder facerse socio do banco do tempo de Ordes é ter un mínimo de 18 anos. Tal e como explicou Blanco, en canto aos servizos e actividades de intercambio que se poderán realizar están de diferentes índoles como o acompañamento de persoas, conversas, masaxes, automaquillaxe, tarefas domésticas, pasar documentos a ordenador, idiomas e en definitiva calquera actividade que poida ser ofertada e demandada, iso sí os servizos intercambiados non poderán ser nunca configurados nin asimilados a relacións de traballo autónomo ou asalariado. Ademais o trato non ter porque ser directo entre dúas persoas podéndose facer tamén en grupo.

Gastronomía marroquí
O primeiro dos intercambios deste banco do tempo do Concello de Ordes  celebrarase esta mesma tarde, no que un grupo de mulleres marroquíes residentes en Ordes ensinarán gastronomía do seu país a cambio de conversas en español.

Todos aqueles que queiran participar nesta iniciativa poderán recibir máis información e facerse socio no departamento de Educación do Concello, no primeiro andar da Casa Consistorial, así como a través do teléfono 981680002 ou o correo electrónico bdt@ordes.dicoruna.es

*

Os Viqueiras, de troula por Luar

O popular conxunto de música tradicional de Ordes participou recentemente no famoso programa de A Galega

Martínez Sanjurjo pide un "prazo extraordinario" para reunións informativas do PXOM nas parroquias

Esta medida facilitaría o acceso á información e a presentación de suxestións por parte dos veciños de Ordes

O Concello de Ordes rematará hoxe mércores o prazo de exposición pública do avance do PXOM sen organizar reunións informativas en cada unha das parroquias, tal e como acordara o pleno municipal de outubro por  proposta do Partido Popular.

Ao negarse a organizar as reunións nas parroquias, informan dende o Partido Popular, o Concello de Ordes está privando de información de primeira man e deixando nunha situación de indefensión aos propietarios que por diferentes razóns –dificultades para desprazarse á vila ou incompatibilidade horaria- non pudieron achegarse á Casa Consistorial para consultar o documento, aclarar dúbidas ou, se fose o caso, formular suxestións a un Plan que, segundo os populares, presenta notables erros e carencias.

Para o Partido Popular, os reiterados esforzos do Concello para non dar a cara ante os veciños confirman as sospeitas de parcialidade que pesan sobre o avance do PXOM, sospeita que numerosos afectados puxeron xa en coñecemento do Partido Popular de Ordes. 


As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"A decisión de non celebrar reunións nas parroquias constitúe unha nova evidencia da intención do Concello de despachar pola vía de urxencia, con ocultación e sen dar a cara ante os veciños, a aprobación inicial do PXOM"

"Nun primeiro momento, o Concello xa tentara tramitar a aprobación inicial do PXOM sen sometelo, sequera, a exposición pública, pero unha moción do PP abortou ese intento"

"Dende o PP de Ordes instamos ao Concello a reconsiderar a decisión e que se abra un prazo extraordinario para celebrar reunións informativas, con horario flexible, en cada unha das parroquias para ofrecer información completa aos veciños e facilitar a presentación de suxestións por parte dos afectados.


lunes, 28 de noviembre de 2011

Manuel Regos apoia que a feira de Amio non se traslade a Silleda


O alcalde de Ordes mostrou esta mañá o seu apoio aos tratantes e empresarios de gando das asociacións Astragal e Agega


O alcalde de Ordes, Manuel Regos, recibiu esta mañá no Concello a representantes da Asociación de Tratantes de Gando de Galicia (Astragal) e a socios da Asociación Galega de Empresarios de Gando (Agega), a quen lles mostrou o seu apoio en referencia ao rexeitamento do traslado do mercado de Amio a Silleda.

Tal e como explicou o alcalde, o traslado da feira de gando de Amio en Santiago, ao recinto feiral de Silleda, sería un gran prexuízo económico para este sector en Ordes e a súa comarca. Así, engadiu, que no caso de que desaparecese a feira en Amio, gandeiros e empresarios do sector da zona non terían un lugar onde vender os seus produtos, xa que terían que facer un longo percorrido para poder ofertalos, cos gastos en traslados que isto conlevaría a maiores.

Cincuenta millóns de euros
Os representantes e socios tanto de Astragal como de Agega explicaron que non están en contra da feira de Silleda, e insistiron en que “as dúas feiras son necesarias e compatibles”. Ademais fixeron fincapé no feito de que a feira de Amio é unha das mellores de toda España, e das que mellor funcionan xerando 50 millóns de euros ao ano”.

Representando a Astragal estiveron en Ordes Ignacio Vázquez, José Fernández, Valentín Lista Gago e Manuel Regueiro Garabal. Como socios de Agega reuníronse co alcalde, Antonio Vázquez Santos e Ramiro Vázquez.

*

O PSOE de Ordes pregunta ao alcalde sobre os cheiros que saen de Cesuga

A empresa incineradora de cadáveres animais recibe queixas dos veciños de Lesta

O concelleiro socialista Xesús Pedreira informou hoxe do rogo que presentou o pasado 24 de novembro ao alcalde Manuel Regos durante o pleno ordinario da corporación municipal, co seguinte contido:


Con data de de 10 de maio do 2011 con número de saída 1798, remiteuse á xerencia de Cesuga, empresa incineradora de cadáveres animais procedentes de toda Galicia instalada en Cerceda no limite coa parroquia ordense de Lesta, onde se realizaron queixas polo cheiro insoportable que teñen que soportar, incluso algun foi o medico por dor de cabeza e malestar xeralizado.


Efectos nocivos
Neste escrito se solicitou que Cesuga poñera os medios necesarios para subsanar os efectos nocivos que estan a ocasionar aos veciños de Lesta e alrededores polo impacto medioambiental que xera.


Na súa condición de concelleiro socialista no Concello de Ordes, ao abeiro do artigo 97.6 do Regulamento de Organización, Funcionamiento e Réxime Xurídico das Entidades Locais ( RD 2568/de 28 de Novembro), formulalle ao señor alcalde o seguinte rogo:


 -Nos conteste si Cesuga contestou o escrito de 10 de maio, onde se especificaba si iba a poñer os medios necesarios para subsanar estes efectos nocivos e cales eran, por que o problema do cheiro inda persiste o cal da entender que o problema permanece e as medidas non se poñeron ou non foron eficaces.

*

Ordes celebra un novo curso de manipulador de alimentos


O prazo para inscribirse xa está aberto na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello


Ordes acollerá o vindeiro día 22 de decembro un novo curso de manipulador de alimentos. Trátase dun curso obrigatorio para todas aquelas persoas que traballen no sector da industria alimentaria como panadeiros, camareiros, cociñeiros, dependentes de conxelados, charcuterías, persoal de supermercados, repartidores, traballadores de queixerías, persoal de guarderías, comedores de colexios, persoal de residencia de anciáns, etcétera, e de aí a súa importancia de cara ao mercado laboral.

O curso terá lugar en horario de 16:00 a 19:00 horas na aula do primeiro andar da Casa da Cultura de Ordes. Consistirá nunha charla informativa de tres horas presenciais nas que se tratarán aspectos prácticos sobre a seguridade alimentaria, a manipulación de alimentos e as normas mínimas a cumprir na industria alimentaria.

Inscricións e máis información
Todos aqueles que estean interesados en participar poderán recibir máis información na Axencia de Emprego e Desenvolvmento Local do Concello de Ordes, situada no 1º andar da Casa do Concello ou chamando ao 981680002 e 981680157. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de decembro e as prazas serán limitadas.

*

Concerto solidario a favor de Adiscordes

Preto dunha vintena de persoas participaron no curso sobre voluntariado


Levou por título "Xestión de proxectos de voluntariado"

Preto dunha vintena de veciños de Ordes e de toda a comarca participaron esta fin de semana nun curso sobre voluntariado organizado polo Concello en colaboración coa plataforma de Voluntariado Galego da Consellería de Traballo e Benestar, un curso de voluntariado que levou por título “Xestión de proxectos de voluntariado”.

O obxectivo do curso, celebrado durante a tarde do venres e toda a xornada do sábado, foi dar aos participantes as principais nocións para levar a cabo un proxecto de voluntariado. O curso foi totalmente gratuíto.

*

domingo, 27 de noviembre de 2011

Nova Noite de Tasca en... Sigueiro

Segundo o PP, "defectos estructurais" amenazan con colapsar a Casa do Concello de Ordes

Martínez Sanjurjo: "Unhas obras mal planificadas obrigaron a paralizar traballos de demolición interior"

A Casa Consistorial de Ordes, informou hoxe o Partido Popular de Ordes, presenta "serios defectos estruturais" que ameazan con "colapsar" a construción. A causa destas deficiencias, a xuízo dos populares pasan pola execución dunhas obras "mal planificadas", que de xeito inmediato, sempre segundo o PP, obrigaron ao goberno do Concello a paralizar os traballos de demolición interior que se estaban a acometer, procedendo a acordoar e pechar o recinto a cal e canto para evitar perigos.

A situación, denunciada polo Partido Popular no último pleno municipal, foi admitida polo alcalde, quen recoñeceu que, a día de hoxe, "descoñece como reconducir a situación, atopándose a espera de novos estudos e informes técnicos".

Como xa fixera no momento no que se iniciaron as obras, o Partido Popular reitera que Ordes non precisaba ampliación nin mellora algunha da Casa Consistorial nun momento como o actual, no que as prioridades, segundo o PP, deberían centrarse en atender as necesidades dos veciños.

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"A situación creada constitúe un novo exemplo das chapuzas do goberno de Regos dada a sucesión de problemas deste tipo que se teñen sucedido nas obras acometidas polo Concello de Ordes nos últimos anos" 

"Desde as filtracións nos baixos da Alameda, a perigosidade que supoñen para os viandantes as baldosas colocadas recentemente nas beirarrúas a carón dos pasos de peóns da vila que están a provocar multiples esbaróns e inclusive caídas, ata o desprendemento do firme nas rúas escasas semanas despois de ser acondicionadas, e agora para culme de despropósitos, os problemas sucédense nas obras de reforma da Casa do Concello"

*


sábado, 26 de noviembre de 2011

A pista de acceso a Buscás será arranxada de xeito inmediato

O pleno da corporación municipal aproba a  medida por unanimidade
Aprobadas as mocións de Ana Álvarez sobre a praza de abastos e o local xuvenil municipal
Ordes lle pedirá á Xunta que manteña o Plan Concertado de Servizos Sociais

O pleno municipal do pasado xoves aprobou por unanimidade a moción do BNG para arranxar por parte do Concello de Ordes e de xeito inmediato, o estado da pista de acceso a Buscás dende a AC-524. Deuse saída de igual modo á a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal sobre o uso específico de cemiterio, co fin de facilitar a ampliación dos cemiterios parroquiais.

Ante as apreciacións dos grupos da oposición acerca de que se recoñece unha maior porcentaxe de ocupación na ampliación dos cemiterios de Mesón do Vento, a baixa de Ardemil e Leira que no resto, a concelleira do goberno Silvia Marín, explicou que se recoñece unha maior porcentaxe a estes porque xa existían uns proxectos presentados polos veciños onde se recollen as necesidades reais para as ampliacións. Aínda así insistiu en que no caso de que haxa necesidade no resto das parroquias poderase ampliar esta porcentaxe de ocupación.
Tamén aprobouse por unanimidade unha moción presentada por Cidadáns de Galicia que instaba a crear comisións de traballo para consensuar e aprobar un proxecto de mellora e promoción da praza de abastos e a posta en funcionamento dun local xuvenil municipalNeste punto a portavoz do goberno, Silvia Marín, explicou que é importante rentabilizar os recursos cos que conta o Concello utilizando locais dos que xa se dispón, aínda que engadiu que a dificultade vén dada, como xa pasou no seu día, pola vixiancia do mesmo, ademais de que segundo a normativa para casas de xuventude, a franxa de idade para os seus usuarios é moi ampla tendo que convivir rapaces dende os 12 ata os 30 anos. De aí indicou a importancia de crear esta mesa de traballo para intentar chegar a unha solución de cara a facer un regulamento específico de uso.

A estas dúas mocións de CideGa, o BNG presentou ambas enmendas nas que se solicitaba un compromiso de partida orzamentaria nos orzamentos de 2012 para a praza de Abastos e para o local da xuventude, enmendas que foron rexeitadas polo resto de grupos da corporación, xa que tal e como explicaron dende o propio goberno local, non se pode consignar unha partida orzamentaria sen saber nin sequera o que se vai facer en cada un dos casos.

Plan concertado
Tamén no punto das mocións, aprobouse unha presentada polo PSOE que finalmente deu lugar a unha transaccional incluindo puntos doutra moción do BNG, relativas ambas, aos recortes da Xunta no Plan concertado cos concellos para servizos sociais. Unha moción, aprobada cos votos a favor de todos os grupos da corporación excepto o PP que se abstivo, e na que en definitiva se solicita á Xunta que rectifique os recortes no Plan concertado, e garanta a cobertura orzamentaria, o mantemento dos programas actuacións e servizos dependentes deste plan que existían en  2009.
Por contra, os votos en contra dos grupos municipais do PP e UxO imposibilitaron que a moción do BNG de Ordes que propoñía que o pleno instase á Xunta de Galicia a garantir a asistencia sanitaria aos desempregados de longa duración e ás persoas sen recursos, poidera sair adiante. Una actitude que foi definida polo seu portavoz, Gonzalo Castro, como “inxustificada, inhumana e desoladora, ao defender políticas que vulneran os dereitos básicos da cidadanía e rompen os principios de universalidade e equidade da sanidade pública”.

Ponte sobre a N-550
Por outra banda tamén se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PP na que se instou ao Concello a correxir os problemas de seguridade do paso elevado sobre a estrada N-550 no límite entre as parroquias de Ordes e Leira, así como a dirixirse ao Ministerio de Fomento para pedir unha revisión da seguridade das barandillas metálicas de dito paso elevado.

Violencia de xénero
Co gallo da conmemoración do Dia Internacional contra a Violencia de Xénero, a corporación aprobou por unanimidade unha moción relativa á prevención e tratamento da violencia de xénero, logo do consenso de todos os grupos políticos.
Montserrat Rei, concelleira do BNG e defensora da iniciativa nacionalista manifestou “a importancia deste acordo plenario que esixe á Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007, de tratamento integral da violencia de xénero, que están pendentes de desenvolvemento, en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral”.


Por parte do goberno, a concelleira Lucía Iglesias, indicou todas as iniciativas levadas a cabo polo Concello de Ordes no relativo a esta problemática social, así como engadiu “oxalá chegue o día en que non haxa que conmemorar nada disto, o que será mostra de que xa está erradicado”.

*

jueves, 24 de noviembre de 2011

Castro: "Máis de 800 veciños de Ordes poderían quedar sen asistencia sanitaria completa"

Os nacionalistas pedirán no pleno de hoxe que a Xunta de Galicia garanta a asistencia sanitaria integral ao desempregados e persoas sen recursos

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro anunciou que o seu grupo proporá que o Pleno de Ordes, que ten lugar, inste ao goberno do PP na Xunta de Galicia a manter a asistencia sanitaria aos desempregados e persoas sen recursos, debido á confirmación da existencia dun protocolo polo que estas persoas só terían dereito á atención de urxencias.

Castro afirmou que “o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha interpelación parlamentaria do portavoz do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, recoñeceu a existencia dun protocolo remitido pola Consellería de Sanidade o pasado 29 de setembro, polo que as persoas sen recursos, é dicir, os desempregados que agotaron a súa cobertura hai máis de doce meses, non terían dereito a asistencia sanitaria completa, tal e como viña denunciando o BNG.”

Segundo o portavoz municipal do BNG de Ordes, “dende a entrada en vigor desta Orde, as persoas sen recursos só teñen dereito á atención de urxencias e emerxencias”, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico de cabecera, probas diagnósticas, nin especialistas, é dicir, non teñen dereito á asistencia sanitaria completa.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes 
“Con este recorte, máis de 800 veciños e veciñas de Ordes poderían quedarse sen asistencia sanitaria completa, polo que agardamos que a corporación municipal de Ordes manifeste de forma unánime a súa disconformidade con estas políticas de recortes cos máis necesitados que está a levar a cabo o PP e esixa á Xunta o mantemento dos servizos públicos e as coberturas sociais que forman parte do Estado de benestar”

*

miércoles, 23 de noviembre de 2011

Ordes entrega o primeiro lote de plásticos para a campaña “Una Sonrisa para Aitana”


Co fin de que unha nena de Zaragoza poida recaudar fondos e ser operada en Boston (EE.UU.)

Esta mañá fíxose entrega do primeiro lote de tapóns de plástico que os veciños de Ordes e de toda a comarca depositaron no punto habilitado para tal recollida polo Concello de Ordes en beneficio da campaña Una Sonrisa para AitanaConcretamente entregáronse esta mañá á empresa de transporte que participa tamén na campaña e que llos fará chegar á familia de Aitana, máis de 50 quilos de tapóns.

Despois desta primeira entrega, a campaña segue adiante e dende o Concello de Ordes animan aos seus veciños e veciñas a que participen nesta acción solidaria a través da que se están a recoller tapóns de plástico co fin de que a familia de Aitana, unha nena de Tarazona de nove anos, poida recaudar fondos para ser operada en Boston (Estados Unidos) a causa dunha cardiopatía conxénita.

Todos aqueles que queiran participar poderán seguir depositando os tapóns de plástico no punto habilitado no primeiro andar da Casa do Concello, colaborando así nunha boa causa a través dun pequeno xesto.

Información sobre Aitana
Aitana é unha nena de nove anos de Tarazona (Zaragoza), que naceu cunha cardiopatía conxénita, atresia pulmonar sin tronco pulmonar con colaterales.civ, comunicación interventricular e fisura palatina. A solución para a que buscan agora a axuda económica é unha operación, consistente na reconstrucción do tronco pulmonar que se realizará no Children´s Hospital de Boston, a onde esperan poder trasladar á rapaza coa recaudación da campaña.

Para máis información acerca desta campaña que leva a cabo a familia da pequena pódese consultar a web www.unasonrisaparaaitana.org ou contactar a través do mail luisgarciagarcia@live.com


*

Mocións de Cidadáns de Galicia para o pleno de mañá

ANVersan sobre o funcionamento da praza de abastos e a ubicación dun local para a xuventude

De todos é sabido que o mercado de abastos do Concello de Ordes, leva anos sen funcionar por non dicir que xamais funcionou,  e de todos é sabido que a simple creación e aprobación dun regulamento por si só non contribúe a que ese mercado reviva e dé os froitos para o que foi creado. Por outra banda todos sabemos e todos somos conscientes do momento de crise económica que estamos a pasar, e que o ter un mercado de abastos que funcione, suporía para moitos pequenos negocios familiares unha fonte de ingresos tan necesaria neste momento, así como coma para os usuarios do mesmo un lugar diferente onde obter produtos autóctonos de calidade.     

Os mercados municipais sufriron a pérdida de clientela pola súa falta de adecuación aos hábitos actuais de consumo e á proliferación dos centros comerciais. Sen embargo en varias localidades souberon renovarse, demostrando que se poden ofrecer novas oportunidades para os pequenos negocios familiares, potenciando a súa competitividade, dando mellores servizos , ofrecendo unha relación máis humana e personalizada e dando produtos de primeira calidade con todas as garantías.

Dende Cidadáns de Galicia, temos unha visión diferente e un proxecto distinto para a nosa praza de abastos. O noso proxecto sería unha creación dun centro de cultura-culinaria, socio-comercial integrado, caracterizado entre outras cousas por:

-          Ter produtos autóctonos da zona, facendo unha distinción especial ao grelo.
-          A naturalidade e calidade dos produtos de alimentación autóctonos.
-          Un lugar dirixido non só ás amas de casa, senón tamén aos profesionais de hostalería.
-          Un espazo de carácter público, é dicir un lugar de encontro, relación social e actividade comercial.
-          Un lugar onde ademais de facer a compra, se poida participar en actividades relacionadas co sector, degustar o que se leva a casa, aprender novos recetarios ou simplemente pasear e tomar un café.

Somos conscientes do momento que vivimos e que non dispoñemos de cartos suficientes para facer unha gran reforma, e tamén somos conscientes de que todas as aportacións que se fagan por todos os grupos políticos, farán que entre todos busquemos ou construamos un proxecto que faga renacer a nosa praza de abastos. Por todo o exposto e porque xa é horas de que nos deixemos de intereses partidistas e nos poñamos a traballar todos xuntos polo ben dos veciños de Ordes, Cidadáns de Galicia propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

-          Que se cree unha mesa de traballo para buscarlle unha saída a Praza de Abastos, integrada polo Grupo de Goberno, os distintos grupos da oposición, así coma pola Asociación de Comerciantes, onde pola nosa parte exporemos o noso proxecto, e onde cada grupo valorará o noso proxecto ou aportará proxectos, modificacións ou ideas diferentes, eso sí todos eles encamiñados a darlle unha solución definitiva a Praza de Abastos.

Centro de xuventude
Dende Cidadáns de Galicia queremos retomar unha petición que fai uns meses un grupo de nais co nexo de unión de ter fillos/as adolescentes, veciñas de Ordes, fixeron ca presentación dun escrito con mais de mil sinaturas no Concello, no que se pedía que se habilitara un local para a xuventude. Esta petición non responde a unha simple ocorrencia, nin tampouco a ningunha manobra política en momento electoral, simplemente responde a unha necesidade,  nun momento da vida dos adolescentes no que son moi vulnerables.


Ordes, carece de lugares apropiados para disfrutar desta etapa da vida, no que os nenos/as teñen intensos cambios, tanto físicos como mentais. A inestabilidade emocional nesta etapa da vida fan que sexan mais vulnerables a situacións de risco e “ter que mollarse ou estar nun bar, ou nunha tenda de chucharías” é a única alternativa posible nestes momentos para estar cos amigos cando chove ou cando fai frío en Ordes. é a ùnica alternativa posible para estar cos amigos cando chove en Ordes.
Por iso, emprendemos fai duas semanas unha iniciativa de recollida de sinaturas para que o concello habilite un espazo da infraestrutura construida nos baixos da alameda, ou no seu defecto outro situado no centro da vila que sexa idòneo para esta finalidade, ORDES PRECISA UN LOCAL PARA A XUVENTUDE que esté equipado adecuadamente para o disfrute do tempo libre de neno/as comprendidos entre 12 e 17 anos, con instalciòns como billar, tenis de mesa.. proxeciòns audovisuais.. etc. HOXE ENTREGAREMOS NO REXISTRO MUNICIPAL, XUNTO COAS MIL SINATURAS DE VECIÑOS/AS DE ORDES,UNHA COPIA DAS nosas inquedanzas a tódolos grupos politicos, coa ilusión de adquirir un compromiso REAL E NON ELECTORAL POR PARTE DE TÓDA A CORPORACIÒN MUNICIPAL, e tamén, coa decepción que vivimos o ver, que, algunha xente, alguns deles integrados nunha lista electoral, pretenderon facer un boicot e crear un ambiente de crispación nesta iniciativa. Non queremos facer màis demagoxia e poñernos a súa altura, con isto, darànse por aludidos, só recordalle que isto non É CONTRA NINGUEN E PARA TODOS. Que recapaciten a sua postura, e que non é tarde para sumarse a peticiòn.

Por iso, dende Cidadáns de Galicia, retomamos esta petición, posto que ORDES PRECISA UN LOCAL PARA A XUVENTUDE que esté equipado adecuadamente para o disfrute do tempo libre de nenos/as comprendidos entre 12 e 17 anos, con instalacións como billar, tenis de mesa.. proxeccións audiovisuais.. etc.

Nós coma sempre e mantendo a coherencia ca que nos presentamos ás pasadas eleccións, vamos a deixar de novo a un lado os intereses partidistas, e vamos a apelar ao interés xeral dos veciños de Ordes para que todos os grupos busquemos un consenso e unha solución a este tema. Nos cansamos de repetir que somos conscientes da situación económica e por iso,  nós propoñemos que se utilice algún dos locais dos que xa dispón o Concello, como por exemplo o local dos maiores onde se fai ximnasia, e se empece a utilizar primeiramente e de forma experimental mentres haxa escola, os fin de semana e nas horas nas que non esté ocupado con actividades, posto que como o local xa está alugado para todo o ano,  o poder habilitado con uns xogos, libros, etc.. non vai a resultar moi custoso, tan só faltaría ver a maneira de articular isto legalmente. Este sería un bó comezo, para xa mais detidamente estudar unha ubicación mellor ou non,  e con máis equipamento de cara ao verán.

Así e dado que por parte de Cidadáns de Galicia non dispoñemos dos medios suficientes para articular legalmente a nosa proposta e dado que como sempre Cidadáns de Galicia está aberta a todo tipo de propostas, por todo isto Cidadáns de Galicia propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte


ACORDO

-          Que se cree unha mesa de traballo, integrada polo grupo de Goberno e os distintos grupos da oposición, na que se estude entre todos a maneira de articular legalmente a creación deste local e se estude a mellor ubicación posible entre os distintos locais dos que dispón o Concello. 

*

O Partido Popular pide máis seguridade na ponte sobre a N-550

Entenden que cunha correcta sinalización horizontal e a eliminación dun montículo de terra

Martínez Sanjurjo: "Máis que ante un problema de cartos, estamos ante unha situación froito do desinterese" 

O Partido Popular de Ordes defenderá no pleno municipal de mañá unha moción para instar ao Concello a mellorar as condicións de seguridade do paso elevado sobre a estrada N-550 situado no límite entre as parroquias de Ordes e Leira.

Este vial elevado, argumentan os populares, está situado sobre un longo tramo de liña continua da N-550, o que se traduce nunha elevada utilización do mesmo por parte do condutores que precisan efectuar un cambio de sentido. O paso elevado está situado ao carón dunha empresa moi frecuentada e, ademais, debe ser utilizado necesariamente por todos os conductores que, procedentes de Buscás, toman a estrada nacional en dirección Ordes, ou viceversa.  

Escasa visibilidade
Dende o PP local aseguran que a escasa visibilidade que presentan os accesos a este vial, un deles está oculto por un montículo de terra que debería ser retirado, así como a ausencia de sinalización horizontal produce constantes situacións de risco entre os condutores. Todos os días se rexistran sustos e practicamente cada semana se produce algunha colisión, como denuncian os veciños da zona.

O Partido Popular entende que cunha correcta sinalización horizontal como o pintado da calzada e instalación de elementos rugosos que advirtan ao condutor da invasión do carril contrario, e a eliminación do montículo de terra e escombro que oculta un dos accesos, se reducirían os riscos de colisión de maneira significativa.

Martínez Sanjurjo.
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"A solución deste problema require escasos recursos. As actuacións propostas nesta moción poden ser executadas directamente polos servizos municipais ou a través dunha xestión co Ministerio de Fomento, titular do vial"

“Con que o Concello teña vontade para solucionar este problema será suficiente; máis que un problema de cartos, estamos ante unha situación froito do desinterese

*

martes, 22 de noviembre de 2011

Clausurados os obradoiros de igualdade do Concello de Ordes

Participantes no segundo obradoiro de cociña creativa dentro do programa 'Enrolarte en Igualdade' en Ordes.

Os participantes realizaron unha nova sesión do obradoiro de cociña creativa e unha gymkana de tarefas domésticas para despedir as actividades


A pasada fin de semana o Concello de Ordes deu por finalizados os obradoiros enmarcados dentro do programa “Enrolarte en Igualdade” posto en marcha durante o mes de outubro.

Os participantes nesta iniciativa despediron as actividades coa celebración dunha nova sesión do obradoiro de cociña creativa no que realizaron platos de fácil elaboración e baseados nunha alimentación saudable, e por último unha gymkana. En concreto tratouse dunha gymkana moi especial, na que os rapaces deberon realizar unha serie de probas por equipos consistentes nalgunhas das tarefas domésticas máis comúns como doblar e tender roupa, colocar unha bombilla, etcétera.

Obxectivos
Desta maneira púxose fin a este programa promovido polo Concello de Ordes que tivo como obxectivo concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias.

*

Ningunha persoa maior en Ordes pasará soa as festas do Nadal

Aberto ata o 30 de novembro o prazo de solicitude para participar no programa 'Xuntos polo Nadal'

Dirixido aos maiores de 65 anos ou pensionistas a partir de 60 anos 


O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes mantén aberto o prazo de solicitude para o programa 'Xuntos polo Nadal' ata o vindeiro día 30 de novembro. Este programa, dependente da Xunta de Galicia, pretende que as persoas maiores que no Nadal se atopan soas, poidan disfrutar duns días de vacacións gratuítas coa posibilidade de compartir as festas nun clima de convivencia e de xeito lúdico.

Os requisitos para poder participar son ser maior de 65 anos ou de 60 anos se se é pensionista; residir en Galicia; valerse por sí mesmo e non padecer enfermidades infecto-contaxiosas; atoparse só nas datas de Nadal e ter un nivel de ingresos económicos baixo.

Documentación
Todos aqueles que queiran presentar a solicitude poderán acudir ao departamento de Servizos Sociais municipal antes do 30 de novembro presentando unha fotocopia compulsada do DNI, o xustificante da pensión e un certificado de convivencia actualizado.

*

O BNG esixe o arranxo do acceso a Buscás dende a AC-524

Estado da pista de acceso a Buscás pola AC-524.
Castro: "Quenes pagan as consecuencias desta actitude irresponsábel do alcalde e do PP na Xunta son os  veciños”

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que o BNG presentará unha moción no Pleno deste xoves para que “o goberno municipal arranxe de inmediato o deplorable estado do acceso á parroquia de Buscás desde a AC-524, que se atopa cheo de fochancas e case non permite a circulación de vehículos”.

A proposta dos nacionalistas, pasa, segundo Castro “porque o Concello acometa o arranxo do principal acceso á parroquia de Buscás, situado no cruce coa AC-524, e despois integre o mesmo no custo das obras da rolda leste que debe pagar a Xunta, ao formar parte este acceso dun tramo da rolda”.

O portavoz do BNG xustificou esta proposta no feito de que “os veciños e veciñas de Buscás non poden agardar máis para que arranxen este acceso, xa que o mal tempo está a agravar a situación e a imposibilitar o normal acceso dos veciños a unha parroquia que conta con máis de 500 habitantes”.

Gonzalo Castro criticou duramente ao goberno municipal e ao goberno do PP na Xunta aos que culpou de “facerlle pagar aos veciños de Ordes, e en particular aos de Buscás, a súa actitude irresponsable e partidista ao manter paralizada a execución da Rolda Leste, cun contencioso entre Concello e Xunta que xa resulta esperpéntico”.

A frase de Gonzalo Castro, protavoz municipal do BNG de Ordes
“Uns polos outros e a casa sen barrer, mais o que resulta inadmisíbel é que quenes pagan as consecuencias desta actitude irresponsábel do alcalde e do goberno do PP na Xunta sexan os  veciños e veciñas de Ordes”

*

Martínez Sanjurjo: "Misión cumplida"

O portavoz popular agradeceu o "apoio masivo" dos electores ordenses ao Partido Popular e a Mariano Rajoy

O portavoz do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, valorou o resultado electoral acadado nos comicios de onte neste municipio, agradecendo o "apoio masivo" outorgado polos electores de Ordes ao Partido Popular e interpreta o resultado como "unha mostra da confianza que inspiran os candidatos e o programa do PP entre os veciños deste concello".

Martínez Sanjurjo agradeceu, ademais, o esforzo desenvolvido polos militantes e simpatizantes do Partido Popular de Ordes, que durante a campaña electoral percorreron o concello porta a porta explicando o programa electoral. 

Para Martínez Sanjurjo, os  resultados obtidos onte polo Partido Popular de Ordes permiten afirmar “misión cumplida”, na medida en que este Concello acadou os obxectivos marcados ao inicio da campaña electoral, ao tempo que constitúen un respaldo do electorado á estratexia de renovación iniciada polo PP local hai un ano.

O portavoz do PP de Ordes, Martínez Sanjurjo.
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do Partido Popular de Ordes
“Que un galego poda acceder á Presidencia do Goberno de España constitúe unha honra para cantos integramos o PPdeG e Ordes ten o privilexio de ter contribuído a esa elección cun apoio histórico

*

Pedreira: "O PSdG-PSOE en Ordes estará á altura da confianza que os veciños nos outorgaron"

O secretario local dos socialistas confirma que a súa formación seguirá traballando polos intereses do conxunto da cidadanía

O secretario da Agrupación local do PSdG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, quixo agradecer hoxe a boa participación dos veciños e veciñas de Ordes no proceso electoral de onte, mostrándose especialmente satisfeito porque a xornada se tivera desenvolvido sen incidentes de consideración no noso municipio. Respecto aos resultados acadados pola súa formación, Pedreira considerou que ainda que o Partido Socialista non acadou un bo resultado, "son case que 1.600 os veciños e veciñas de Ordes que confiaron no Partido Socialista", apoio que o secretario local agradeceu "extraordinariamente".

Xesús Pedreira igualmente quixo expresar o seu agradecemento e recoñecimento ao "gran esforzo" levado a cabo tanto polo conxunto da Agrupación local socialista como tamén polos militantes, simpatizantes, interventores e apoderados do PSdG-PSOE que traballaron con tanta "ilusión e entusiasmo" durante a campaña electoral en Ordes.


O secretario local do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira.
As frases de Xesús Pedreira, secretario da Agrupación local do PSdG-PSOE de Ordes
"O Partido Socialista seguirá traballando polo conxunto da cidadanía do noso país. A grave crise económica e financiera mundial vai permitir que agora goberne o Partido Popular durante os próximos catro anos, e o Partido Socialista está chamado a liderar a oposición de acordo coa nosa identidade política, os nosos valores e o compromiso cos intereses xerais do noso país e do conxunto da cidadanía"

"O Partido Socialista, nos seus 130 anos de historia, sufriu a clandestinidade, a persecución e a represión política. Coñecimos a victoria, pero tamén a derrota. O PSOE é o partido que por historia, maior arraigo ten na sociedade española e nesta bagaxe, situámonos para defender os servizos públicos universais, a igualdade entre os homes e as mulleres e o conxunto das libertades e dereitos civís conquistados ao longo de tantos anos e tanto esforzo"

*

lunes, 21 de noviembre de 2011

Castro: "Tamén grazas ao apoio dos veciños de Ordes, Galiza terá voz en Madrid"

O portavoz nacionalista tamén agradece o traballo e o compromiso dos afiliados e simpatizantes do BNG, responsables dunha campaña "memorábel"

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro amosou hoxe a súa satisfacción co resultado obtido pola formación nacionalista en Ordes nas eleccións xerais de onte. O nacionalista agradeceu o apoio dos “case 1.000 veciños e veciñas de Ordes que contribuiron decisivamente a que Galiza siga tendo voz en Madrid” e afirmou que “a veciñanza de Ordes pode estar segura de que o BNG non os defraudará, e os seus deputados no Congreso traballarán con máis forza e entusiasmo que nunca para defender os seus intereses”.

Castro agradeceu tamén o “enorme traballo e o gran compromiso dos afiliados e simpatizantes do BNG de Ordes, que fixeron unha campaña inmellorábel, cunha presenza constante en todas as parroquias do Concello como o atesoran os trece mitíns organizados polo BNG nesta campaña e o contacto directo e permanente cos veciños e veciñas de Ordes”.

O portavoz do BNG en Ordes, Gonzalo Castro.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O gran traballo de campaña dos compañeiros e compañeiras do BNG, unido ao exercicio de dignidade e compromiso con Galiza e coas maiorías sociais dos veciños e veciñas de Ordes, ocasionou que o BNG obtivese uns resultados en Ordes que se situan claramente por riba da porcentaxe obtida tanto na provincia da Coruña como no conxunto de Galiza”

“O resultado destas eleccións xerais en Ordes supón a constatación de que o BNG goza dunha boa saúde no noso concello, e que está preparado para intensificar o traballo en defensa dos intereses da maioría social do noso concello, máis ainda nunha etapa histórica que se presenta especialmente difícil e onde a defensa dos valores da xustiza social e da igualdade de oportunidades, que sempre encarnou o BNG, faise máis necesaria que nunca”. 

*