lunes, 31 de diciembre de 2012

A Banda de Música de Ordes ofreceu o seu tradicional concerto de Nadal

A banda municipal de música de Ordes, onte durante o seu tradicional concerto de Nadal.

Tamén participou un grupo de acordeonistas

Seguindo a tradición marcada a Banda de Música de Ordes ofreceu onte un recital que encheu o auditorio da Casa da Cultura. Como de costume e tendo como escusa as festas do Nadal os integrantes da formación ofreceron pezas clásicas do seu repertorio, moitas delas ben coñecidas polos asistentes ao evento. 


Acordeonistas
Non foron os únicos en subir ao escenario, xa que tamén se contou coa participación dun grupo de acordeonistas.

*

Éxito de público no certame de corais de Ordes



Interpretáronse panxoliñas, temas populares e autores clásicos como Bach ou Mozart

A igrexa parroquial de Santa María de Ordes acolleu esta fin de semana o tradicional certame de corais. Este ano contou coa participación do Coro Voces Brancas da Coral Polifónica de Bergantiños, a Coral Polifónica de Bergantiños, a Coral Polifónica de Santa Cruz de Montaos, o Coro Parroquial da Igrexa de Santa María de Ordes, e o grupo tradicional de pandeiretas Somos Nós.


Interpretacións
Interpretáronse, ademáis de panxoliñas e cancións populares, pezas de autores clásicos como Bach ou Mozart. Incluso se puido escoitar algún tema tradicional de zonas ou países tan lonxanos e exóticos como Hawaii.


*

Mensaxe de Aninovo da Agrupación Socialista de Ordes



No ano 2012 que agora termina, o Partido dos Socialistas de Galicia e a Agrupación Socialista de Ordes non deixaron de defender e loitar por garantir os dereitos e libertades da nosa vila e dos nosos veciños e veciñas. O ano que agora entra asemella ser igualmente duro para todos e todas nós, e do mesmo xeito que ao longo de todos e cada uno dos 130 anos de historia do noso partido, xamais cederemos á loita pola libertade, a igualdade e a xustiza social dende os nosos principios irrenunciables da igualdade e a solidaridade. 

O PSdG-PSOE é o partido histórico de todos os traballadores e traballadoras. Xunto aos nosos veciños e veciñas, aspiramos a convertir Ordes nun pobo libre, igualitario, solidario e en paz, que loita polo progreso en armonía e da man dos demais pobos de Galicia, España e Europa.

A Agrupación Socialista de Ordes é especialmente sensible aos problemas da  nosa sociedade, especialmente cos derivados da crise económica neoliberal que asola a toda Europa. Dende a vocación e responsabilidade de goberno que caracteriza ao Partido Socialista, cremos que existen formas moi diferentes ás adoitadas polos dirixentes actuais de prestar os seus servizos á cidadanía, lonxe dos desmantelamentos das políticas sociais, garantidos pola Constitución, que resultan tan necesarias para o benestar e o progreso social e económico de todos nós.

Por todo, dende a Agrupación Socialista de Ordes pedímoslle a este ano 2013 que agora da comezo, a fortaleza necesaria para traballar na unión do noso pobo e na solidaridade, para que todos e todas teñamos aseguradas as nosas necesidades básicas sanitarias, educativas e de servizos sociais. 

A Agrupación Socialista de Ordes dexésalles aos veciños e veciñas de Ordes un libre, solidario, igualitario e moi feliz ano 2013.

*

Gonzalo Castro convida a "mirar cara adiante" no ano 2013


Ordes despide o 2012 mirando ao futuro

Ampliación da Casa do Concello de Ordes.

O Concello de Ordes mantén vivo o seu compromiso de mellora e avance coa súa veciñanza. Ao longo dos últimos meses, o actual equipo de Goberno ven de realizar una serie de investimentos tanto nas parroquias como no núcleo urbán, á par que cumpre co seu plan de equilibrio e sostenibilidade económica.

Cidade deportiva de Vista Alegre.
Cultura, deporte e educación
A nivel cultural, deportivo e educativo desenvolvéronse numerosas actividades, como cursos de formación, ligas deportivas, actividades de conciliación, así como mostras culturais e clases de diversa índole. Dende a Concellería de Diversidade Funcional sobresaen cursos e ciclos formativos, como por exemplo o de habilidades sociais que de xeito permanente ten lugar na aula adaptada do Mesón do Vento. 

Novos espazos municipais nos baixos da Alameda de Ordes.
Políticas sociais
A nivel social fixéronse investimentos de cara aos máis maiores, en campañas de recollidas de alimentos e traballos onde o apoio ás familias máis necesitadas e ós grupos de exclusión social foi o principal obxetivo. 

Medio ambiente, agricultura e gandería
Como titular da Bandeira Verde, o Concello de Ordes traballa por preservar o medio ambiente e o seu entorno, imprescindible para o óptimo desenvolvemento da agricultura e da gandeiría, pilares fundamentais para a economía da comarca. Neste ámbito pódense mencionar, entre outros, as campañas de concienciación, a súa política de reciclaxe ou a potenciación das rutas de sendeirismo e de protección do Camiño Inglés.

Reapertura da rúa República Arxentina, na vila de Ordes.
Urbanismo
Mención aparte merece o investimento realizado a nivel urbanístico. Neste caso na vila de Ordes sobresaen a supresión das barreiras arquitectónicas, a construcción do tanatorio do Balado, o paseo fluvial de Mercurín, a Rolda Leste, os baixos da Alameda, a apertura de novas rúas e viais, como por exemplo a rúa República Arxentina ou o tramo do Ceidón.

Parroquias
Todo este esforzo exténdese por cada unha das trece parroquias que conforman o concello de Ordes:

Ardemil: Saneamentos, aglomerados e arranxo de local social.
Barbeiros: Local social e arranxo de estradas.
Beán: Arranxo escola de Nouche, arranxo de estradas, campo da festa e pista polideportiva.
Buscás: Saneamentos, arranxo de camiños e actuacións no local social.
Leira: Arranxo de camiños, saneamentos, nova iluminación, arranxo local social, construcción pista polideportiva.
Lesta: Arranxo camiños rurais e de locais sociais.
Poulo: Pista polideportiva, arranxo local social, saneamento e arranxo de camiños.
Vilamaior: Arranxo de camiños, local social, campo de fútbol.
Mercurín: Local social, intervencións en camiños.
Montaos: Abastecemento e saneamento, arranxo de camiños, campo de fútbol para adestramentos, nova pista polideportiva, arranxo do local social.
Parada: Arranxo do entorno da estación da Pontraga e dos camiños rurais, así como a mellora do local social.
Pereira: Labores no saneamento, abastecemento e bombeo e arranxo de camiños.

Concello de Ordes.

*

domingo, 30 de diciembre de 2012

Faleceu Ramón Carro, fillo predilecto de Ordes

Tiña 74 anos e era o fundador de CRC Obras y Servicios, unha das constructoras máis grandes de Galicia

O empresario ordense Ramón Carro Romero faleceu onte en Santiago de Compostela aos 74 anos de idade. 

Mañá celebrarase un funeral na igrexa parroquial de Santa María de Ordes ás 17:00 horas para a continuación ser soterrado no cemiterio municipal do Piñeiro.

Quen foi Ramón Carro?
Empresario fundador da constructora CRC Obras y Servicios, o 8 de maio do 2010 recibía o recoñecimento de toda a corporación municipal facéndoo merecedor da máis alta distinción que otorga o Concello de Ordes aos seus veciños: o título honorífivo de Fillo Predilecto de Ordes. Carro mereceuno, en palabras do alcalde Manuel Regos, pola súa traxectoria profesional, levando o nome de Ordes por toda España. 

Fundada en 1940, CRC é unha das maiores constructoras de Galicia con delegacións abertas en Madrid e Barcelona. Están especializados en obras hidráulicas, urbanizacións, obras eléctricas e edificación.

Podes ver o video do pleno municipal no que Ramón Carro foi envestido fillo predilecto de Ordes:




*

sábado, 29 de diciembre de 2012

O PP de Ordes comprométese a mellorar a seguridade da N-550 á altura de Montaos


Lugares da N-550 na parroquia de Montaos onde o PP de Ordes se compromete a mellorar a súa seguridade.

A deputada Marta González e a senadora María Jesús Sáinz analizaron a situación da parroquia

Martínez Sanjurjo considera necesario mellorar a seguridade nos puntos que enlazan a estrada cos lugares de Queis e Fosado

O Partido Popular de Ordes comprometeuse hoxe cos veciños da parroquia de Montaos a xestionar co Ministerio de Fomento unha mellora da seguridade no tramo da estrada N-550 o seu paso por esta parroquia, dada a elevada sinistralidade que se rexistra, especialmente á altura dos enlaces cos núcleos de Queis e Fosado.

O compromiso materializouse no transcurso dunha reunión organizada na noite deste venres polo PP de Ordes cos veciños do parroquia, e que contou coa asistencia da deputada Marta González e da senadora María Jesús Sáinz, ambas por Partido Popular. As dúas avanzaron o estado de tramitación das peticións formuladas polo PP local, e se comprometeron ante os veciños a continuar coas xestións precisas ata acadar que se faga efectiva unha pronta solución.

Propostas de mellora
José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular, entende que a seguridade deste tramo da N-550 melloraría substancialmente mediante unha reforma da sinalización horizontal, cunha reconfiguración dos carrís actuais, para formar unha illeta, á altura da vía que conduce ao lugar de Fosado, e por outra banda, unha ampliación da plataforma de calzada para dotala de carrís de incorporación e espera –a actual ten só dous- á altura do vial que enlaza a estrada nacional co núcleo de Queis. 

Dende o PP aseguran que esta proposta podería executarse sen necesidade de efectuar expropiación algunha, xa que na zona existe unha vía de servizo e terreos dos que é titular o Ministerio de Fomento.

Reunións do PP cos veciños
A rolda de reunións do Partido Popular cos veciños das parroquias de Ordes continúa mañá domingo na Baixa de Ardemil, no local social de Cabeza de Lobo, ás 11:00 horas; e no Mesón do Vento, local social do Campo da Feira, ás 12:00 horas.

*

viernes, 28 de diciembre de 2012

Noite de Tasca en...Tordoia o 4 de xaneiro


O teatro afeccionado de Ordes enche o centro cultural de Sigüeiro

Non é a típica obra clásica narra as peripecias dun rei medieval por casar ao seu herdeiro cunha princesa.

Representouse Non é a típica obra clásica, de Pablo Meijide e Eva Fernández

Máis de medio cento de veciños e veciñas de Oroso disfrutaron na noite de onte dunha sesión de teatro protagonizada polos once actores integrantes do Grupo de Teatro Afeccionado de Ordes, que representaron no centro cultural de Sigüeiro a súa obra Non é a típica obra clásica

Actrices do Grupo de Teatro Afeccionado de Ordes. 
Pablo Meijide e Eva Fernández
Escrita por Pablo Meijide Santos e Eva Fernández Veiras, Non é a típica obra clásica recrea as peripecias dun rei medieval que tenta casar ao seu príncipe herdeiro cunha rica princesa, coa intención de que o seu reino non sucumba á decadencia máis absoluta. 

Unha obra que xa foi representada hai meses en Ordes e que tamén rexistrara gran éxito de público.

*

jueves, 27 de diciembre de 2012

Nenos e nenas de Ordes aprenden a construir xoguetes a partir de refugallos



Entre outros artiluxios elaboraron maracas con envases de iogur

O Concello de Ordes ven de acoller un obradoiro no que os nenos e nenas do municipio aprenderon a construir xoguetes a partir de refugallos. Entre outros artiluxios elaboraron maracas con envases de iogur, sellos con corchos ou bolos con botellas de plástico. Incluso tiveron ocasión de realizar adornos de Nadal con botes de cristal, purpurina e xabón líquido. 

TVG
Na xornada tamén contaron coa compañía dun grupo de xornalistas da TVG, que acudiron para realizar unha reportaxe que será emitida no programa A Solaina da fin de semana. Con iniciativas deste tipo o Concello de Ordes pretende incentivar tanto a creatividade como a conciencia medioambiental dos máis novos e novas do municipio.

*

O PSOE da comarca de Ordes anuncia mocións en cascada contra os recortes da Xunta de Galicia


De esq.a  der. Beatriz Domínguez (Trazo), Antonio Leira (Oroso), Xesús Pedreira (Ordes), Pilar Sánchez (Mesía), María Viqueira (Cerceda) e Aurelio García (Frades), esta mañá en Ordes.
Auguran un 2013 realmente dramático polo progresivo desmantelamento das políticas sociais dende o Goberno do PP

Instarán á Xunta a que clarifique quen vai prestar os servizos sociais aos veciños

O desmantelamento do servizo de prevención de drogodependencias na comarca de Ordes por mor do recorte de axudas da Xunta de Galicia deixará sen este importante servizo a máis de 1.500 rapaces e rapazas da comarca de Ordes. Así o denunciaron esta mañá en Ordes representantes dos grupos municipais socialistas de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, que anunciaron que presentarán mocións plenarias en todos os municipios a prol do mantemento dos servizos sociais na comarca.

O coordinador comarcal do PSOE e concelleiro de Educación e Servizos Sociais de Oroso, Antonio Leira, denunciou que “a Xunta desmantelou o servizo de prevención de drogodependencias ao igual que fixo co programa Preescolar na Casa, pois elimina as subvencións e déixalle a pataca quente aos concellos, que non poden asumir este tipo de gastos. Sobre todo cando a propia Xunta recorta nun 89% a súa achega ao mantemento dos servizos sociais que está obrigada a prestar e o Estado nos recorta outro 66%”. 

Unha realidade que fai que Leira Piñeiro asegure que “auguramos un 2013 realmente dramático polo progresivo desmantelamento das políticas sociais que están facendo dende a Xunta e o Goberno central. A realidade é que os servizos sociais están sufrindo o maior hachazo na política de recortes, onde os concellos se atopan con menos profesionais, menos servizos e máis demanda de cidadáns”.

Recortes en prevención
Un punto no que coincidiu a concelleira de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira, quen denunciou que “os concellos da comarca de Ordes non podemos asumir o custe do servizo de prevención de drogodependencias”. E máis despois de teren asumido o ano pasado dúas anualidades do servizo de Axuda no Fogar, posto que a Xunta decidiu en novembro de 2011 que non achegaría a subvención correspondente ao 2012 e que tampouco abonaría a de 2011, cando o investimento e o programa xa estaba feito.

María Viqueira lembrou que “a prevención é fundamental en materia de drogodependencias. O que está facendo a Xunta é pan para hoxe e fame para mañá, pois se non investimos en prevención, teremos que investir en tratamentos a drogodependentes”. Neste sentido compre indicar que o servizo de prevención de drogodependencias, prestado de xeito mancomunado nos sete concellos a través da Mancomunidade de Ordes, atendía anualmente a máis de 1.500 rapaces e rapazas da comarca de Ordes. 

Así, durante o último trimestre de 2012, o programa de prevención de drogodependencias chegou a un total de 1.509 rapaces e rapazas:  563 de Oroso, 420 de Ordes, 162 de Cerceda, 116 de Mesía, 100 de Trazo, 92 de Tordoia e 56 de Frades.

Na rolda de prensa desta mañá estiveron presentes: Beatriz Domínguez Siaba, voceira do PSOE de Trazo; Antonio Leira Piñeiro, coordinador comarcal do PSOE e concelleiro de Educación e Servizos Sociais de Oroso; Xesús Pedreira Mirás, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes; Pilar Sánchez Ulloa, concelleira de Educación, Cultura, Muller e Xuventude de Mesía; María Viqueira, concelleira de Servizos Sociais de Cerceda; e Aurelio García Portos, representante socialista de Frades.   

As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
"Instaremos á Xunta a que clarifique quen vai a prestar os servizos sociais pois primeiro dixeron que o farían as Deputacións e agora as Deputacións volven a pasarlle a pelota a Xunta. E son os cidadáns os que están a sufrir esta indefinición

"Esa moción que presentaremos os socialistas da comarca instará á Xunta e á conselleira de Servizos Sociais a que manteñan os servizos sociais que actualmente se están a prestar á cidadanía”

*

A música é a protagonista do Nadal de Ordes

O sábado haberá un recital da Banda de Música e a Escola Municipal de música de Ordes, e o domingo o tradicional certame de corais

Ordes acollerá esta fin de semana dúas citas nas que a música será auténtica protagonista. O sábado a Banda de Música de Ordes, acompañada do grupo de acordeón da Escola Municipal de Música, ofrecerán un recital a partir das 20:00 horas no auditorio da Casa da Cultura. 

Xa de cara ao domingo a igrexa parroquial de Santa María de Ordes servirá de escenario para o tradicional certame de corais. Unha cita posta para as 20:30 horas con entrada de balde para todos. As formacións que participarán serán: o Coro Voces Brancas da Coral Polifónica de Bergantiños, a Coral Polifónica de Bergantiños, Coral Polifónica de Santa Cruz de Montaos, o Coro Parroquial da Igrexa de Santa María de Ordes, e o grupo tradicional de pandeiretas Somos Nós.

Interpretacións
Interpretaranse, ademáis de panxoliñas, cancións populares e temas propios desta época do ano, pezas de autores clásicos como Bach ou Mozart. Incluso haberá algún tema tradicional de zonas tan exóticas como Hawaii.

Os organizadores de ambos eventos contan coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha.

*

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Martínez Sanjurjo propón a Regos un debate sobre o estado do municipio

O PP reitera que o alcalde de Ordes goberna de costas aos veciños e desvela que Regos non asistiu á reunión da Comisión que aprobou as obras do POS 2013

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, reiterou hoxe que o alcalde goberna de costas aos veciños, dos que só se acorda durante a campaña electoral. 

Segundo o portavoz municipal do PP, "logo da sucesión de mentiras vertidas polo alcalde en relación coas obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) de 2013, financiado nun 95 % pola Deputación da Coruña, Martínez Sanjurjo recorda que o Partido Popular propuxo executar obras en todas as parroquias, agás na de Ordes, dado que esta parroquia se beneficiara fai uns meses da totalidade dos 327.000 euros do programa DTC (Unha Deputación para Todos os Concellos) e de 200.473 euros do POS de 2012

Pola contra, o grupo de Goberno non dou xamais datos das súas propostas, e fixo pública unha primeira nota de prensa logo do pleno con datos equivocados para o POS 2013".

Proposta de debate
Con todo, e para disipar calquera dúbida, Martínez Sanjurjo (35 anos, só 18 meses de concelleiro) reta a Manuel Regos (54 anos, 20 anos concelleiro, continuados de 5 anos e 6 meses como alcalde) a celebrar un debate sobre o estado e as necesidades das diferentes parroquias do Concello de Ordes para que os veciños podan calibrar quen é o que mellor coñece a situación real do municipio.


As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP
"O descoñecemento e as mentiras das que fai gala o alcalde de Ordes na súa resposta non resultan sorprendentes dado que Manuel Regos non asistiu á reunión da Comisión que aprobou a proposta de obras de 2013 e a comunicación entre o rexedor e o concelleiro de Obras, ao igual que con outros concelleiros, á vista do que se atreve a afirmar, semella non atravesa por un dos seus mellores momentos"

“O alcalde descoñece a realidade de Ordes porque escapa dos veciños, dos que só se acorda cada catro anos, pero tamén porque se distancia do día a día do Concello, no que prefire que outros e outras decidan por el, nunha evidente deixación de funcións

*

Máis de 220 atletas de toda Galicia participaron na IV Milla Urbán Concello de Ordes


Organizada polo Clube Atletismo Ordes e patrocinada polo Concello de Ordes, Eurofrut, Coca-Cola, Hamburguesería A Bolera, Zumos Naturales Tahiti, María Fraga, Deputación da Coruña e Auga Mineral A Fonte

Máis de 220 atletas das catro provincias galegas participaron na IV Milla Urbán Concello de Ordes, que se disputou onte na vila de Ordes. As principais rúas do casco urbán e o Campo da Feira convertéronse durante toda a tarde en punto de encontro para deportistas e afeccionados ao atletismo. 

Nesta ocasión os tramos a percorrer foron dende os 100 metros no caso dos máis pequenos ata os preto de 1.610 metros no caso dos veteráns.

A IV Milla Urbán de Ordes estivo organizada polo Clube Atletismo Ordes e patrocinada polo Concello de Ordes, Eurofrut, Coca-Cola, hamburguesería A Bolera, Zumos Naturales Tahiti, María Fraga, Deputación da Coruña e Auga Mineral A Fonte.

Clasificacións
Infantil masculino
1º Leonardo Guazzone Mariño
2º Adrián García López
3º Yonatan Lema Fernández

Infantil feminino
1º Clara Rivadulla Blanco
2º Nuria García Veiras
3º sara Míguez Pais

Benxamín masculino
1º Alex mato López
2º Hugo Baloira López
3º Martiño Caneda Pájaro

Cadete masculino
1º Mohamed Mshapalla
2º Said Laudine
3º Daniel Ponde

Benxamín femenino
1º Sonia Rivadulla Blanco
2º Ingrid Sande Otero
3º Paula Rodríguez López

Absoluto masculino
1º Alberto Chaves camino
2º Diego Barreiro Carneiro
3º Juan Carlos Mosquera Dopazo

Pitufo masculino
1º Roi López Sánchez
2º Xosé Xoél Barbazán Codesido
3º Raúl Labandeira Vázquez


Veteráns
Veterán A feminino
1º Elena Miguens Otero
2º María José Grobas
3º Inés Papín Estévez

Veterán B feminino
1º Lourdes Prieto Vieites

Veterán C feminino
1º Ángeles Rodríguez del Río
2º Lina Fuentes Noya
3º Luisa Calvo Germales

Pitufo feminino
1º Aynara Rey Prego
2º Dunia Figueira Mosquera
3º Vega Souto López

Veterán A Masculino
1º José Domínguez Caballero
2º Alfonso López Menduiña
3º José Luis Valiña Méndez

Veterán B masculino
1º José Manuel Fernández Sangiao
2º Joaquín Sánchez Leira
3º Alberto Rodríguez Pantín

Veterán C masculino
1º Manuel Vigo Mourullo
2º Antonio Torre Mejía
3º Manuel Ferreiro Rodríguez

Veterán D masculino
1º Antonio Hernández Barreiro
2º Fernando Ramos Moreno
3º Jesús Bernal Gómez

Absoluto feminino
1º Paula Sahelices López
2º Eusebia Maldonado
3º Ruth Seoane Loureda

*

lunes, 24 de diciembre de 2012

Regos agradece a unanimidade no POS e lembra que non acepta leccións do portavoz do PP

O alcalde asegura que foi o Goberno municipal quen propuxo e fixo posible que o POS se destinara integramente ao rural, e que a proposta do PP non incluía obras en todas as parroquias

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, quixo felicitar hoxe a todos os grupos municipais da Corporación municipal pola unanimidade á hora de votar a proposta de adxudicación de obras no rural de Ordes financiado polo Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña correspondente ao ano 2013. 

Ainda así, o alcalde non se esqueceu de respostar ao portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, respecto da súa “peculiar interpretación” da tramitación do POS no Concello, lembrándolle que “foi precisamente o grupo de Goberno co alcalde de Ordes á cabeza, quen quixo e propuso que se destinara integramente as cantidades do POS 2013 ás parroquias do municipio”. 

Considera o alcalde que contrariamente ao que “o portavoz do Partido Popular pretende facer crer ao veciños”, as peticións do PP respecto do POS “non incluía obras en todas as parroquias”, e foi precisamente a proposta do Goberno municipal a que si inclue obras nas trece parroquias do concello de Ordes.

Descoñecedor na comisión de traballo
O alcalde quixo lembrar tamén como na comisión de traballo sobre o POS, o portavoz do PP era incluso “descoñecedor” de moitas das obras que dende o grupo de Goberno se propoñían e finalmente se incluíron no POS 2013 para o rural de Ordes. Así, o alcalde quere lembrarlle a Martínez Sanjurjo que “non presuma de coñecer algo que en realidade resúltalle alleo”.

Por último, e respecto ás acusacións dende o Grupo municipal popular de que o alcalde “non pisa” as parroquias de Ordes, Manuel Regos considera estas declaracións como “infundadas, aberrantes e soberbias” e “carentes de toda lóxica”. 

Así, lembrou o alcalde que naceu en Ordes no ano 1958, que en 1987, “cando o actual portavoz municipal do PP tiña dez anos”, el xa formaba parte dunha candidatura política de Ordes, e que en definitiva, “en ningún caso” vai a aceptar leccións do portavoz municipal do PP, "sobre coñecemento das parroquias e das necesidades e intereses dos veciños do rural de Ordes".
 *

domingo, 23 de diciembre de 2012

A patinaxe reúne en Ordes a preto dun centenar de competidores



Coa participación dos subcampións de España senior e os campións de Galicia cadete

En colaboración co Concello de Ordes o Club de Patinaxe Alquimia celebrou onte, no polideportivo Castelao, o I Trofeo Alquimia coa participación de case un cento de competidores de todas as categorías que van dende os 0 ata os 16 anos. 

Os clubes participantes nesta primeira edición foron C. P. Conxuro (Laracha), C. P. Fontiñas (Santiago), C. P. Liceo (A Coruña), C.P. Oroso (Oroso), C. P. Raiola (Ferrol) e C. P. Alquimia (Cambre, Carral, Ordes).

Nesta ocasión os tres primeiros clasificados na categoría benxamín foron: Miriam Filgueira, Alejandro Redondo e Sara del Río. No que se refire ós alevíns os galardóns foron a parar a mans de Lucía Cortés, Noemi Marta e Arantxa Blanco

Campións
Na categoría infantil as mellores puntuacións foron para Andrea García, María Bilbao e Andrea Garmilo. En cadetes os vencedores foron Irene Fernández, Víctor Abad e David Salido. Pola súa banda, Laura Sanda proclamouse vencedora na categoría xuvenil ó ser a única que se presentou.

Ademais da competición propiamente dita, a cal se desenvolveu durante todo a xornada, Alberto Artigas e Raquel Rodríguez, subcampións de España na categoría senior, realizaron unha exhibición na que puxeron de manifesto o seu amplo dominio e nivel cos patíns. 

Non foron os únicos xa que tamén se contou coa participación de David Salido e Irene Fernández, campións de Galicia na categoría cadete. 

*

Mensaxe de Nadal do Partido Popular de Ordes


Paz e Ben
Seguramente poucas datas resultan tan apropiadas como o Nadal para o reencontro coa familia e cos amigos, ou mesmo para reflexionar sobre como mellorar nos diferentes ámbitos das nosas vidas.  

Probablemente polo ambiente que rodea as celebracións do Nadal verbas como amizade, solidariedade, respecto ou cariño cobran un valor especial, do que seguramente non nos decatamos cando vivimos nun entorno no que estes sentimentos nos rodean a cotío.

Lamentablemente, polas difíciles circunstancias que atravesa o país, e tamén polos cambios sociais operados nas últimas décadas, son moitas as persoas que anhelan unha familia, un fogar ou un entorno acolledor no que sentirse menos vulnerables.  Ben sexa porque viven en soidade e/ou  se enfrontan a dificultades de todo tipo, desde as de carácter económico e laboral, ás relacionadas con situacións de enfermidade, desarraigo ou a perda de seres queridos, son moitos os que enfrontan o Nadal como unha etapa sombría.

Por iso, desde o Partido Popular queremos aproveitar estas celebracións para trasladar unha mensaxe de ánimo e de esperanza: ánimo, porque todas, ou case todas, as situacións son superables; e esperanza porque a historia nos demostra que todos os buratos se poden superar para dar paso a un futuro mellor.

A todos, neste Nadal, e sempre, Paz e Ben.

*

Acordes sortea oito cheques de 250 euros cada un entre os seus clientes


Para participar é preciso facer algunha compra en algún dos sesenta establecementos asociados

Co fin de promover a actividade comercial e as vendas durante o Nadal a Asociación de Comerciantes de Ordes (Acordes) ven de emprender unha nova campaña de fidelización. Ésta consiste no sorteo de oito cheques de 250 euros cada un entre aquelas persoas que durante esta época realicen algunha compra nalgún dos sesenta establecementos que participan desta iniciativa.

Os agraciados poseedores dos números que sexan escollidos no sorteo do día 9 de xaneiro, disporán dun prazo máximo de 15 días para poder gastalo nos establecementos e comercios participantes. Un sorteo que, como de costume, se emitirá en directo a través do programa ‘As mañanciñas de Radio Ordes’, magazine conducido por Juan Abeijón.

A frase de Natalia Barreiro, portavoz de Acordes
“Para entrar no sorteo non é preciso realizar ningunha compra cun importe mínimo

"Gustaríanos poder superar as máis de 10.000 papeletas participantes no ano pasado, aínda que a crise estase a notar moito nas vendas”

*

sábado, 22 de diciembre de 2012

Euloxio R. Ruibal presentou a súa homenaxe poética a Ordes


De esq. a der. David González Couso, Euloxio R. Ruibal e Charo Fernández Velho.
Caderno de Ordes compila cincuenta poemas do escritor e dramaturgo ordense

Charo Fernández Velho: "O libro ten a Ordes en todas e cada unha das súas páxinas”

Medio centenar de veciños e veciñas de Ordes arrouparon na noite de onte ao literato Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945) no acto de presentación do seu libro Caderno de Ordes, un acto organizado pola Asociación Cultural Inquedanzas.  Ruibal estivo acompañado na presentación por Carlos Pérez Casas, presidente da Asociación Cultural Inquedanzas; Charo Fernández Velho, profesora de Lingua e Literatura Galega no IES Maruxa Mallo de Ordes; e por David González Couso, editor do libro e membro da Editorial Toxosoutos.

Carlos Pérez Casas foi o encargado de abrir o acto cunha semblanza da figura humana e da traxectoria literaria de Euloxio R. Ruibal e asegurou que este libro “non vai deixar indiferente a ningún ordense, porque recorre con mirada crítica o mundo ordense”. Un punto no que coincidiron todos os poñentes. Así, David G. Couso indicou que Caderno de Ordes é un “libro de Ordes e dos amigos. Cada poema vai dedicado a alguén que ten unha especial importancia para Ruibal”.

Podes ver e escoitar ao autor recitando a seu poema 'Do Paraíso' facendo clic baixo estas liñas:



Pola súa banda, a profesora Charo Fernández Velho destacou que esta obra “ten a Ordes en todas e cada unha das súas páxinas”, polo que agradeceu a Euloxio R. Ruibal por “poñer o nome de Ordes na historia da literatura galega”. Cinco alumnas do IES Maruxa Mallo de Ordes puxeron a nota sorprendente da velada ao leren o poema 'Cando as mulleres de Ordes'.

Varios membros da corporación municipal participaron na presentación de Caderno de Ordes.
Primeiro libro de poesía
Euloxio Rodríguez Ruibal agradeceu profundamente as palabras de todos os participantes no acto pois amosaban que “algo debín de facer”, asegurou coa súa habitual modestia. Ruibal deu lectura a varios dos 50 poemas que compoñen “Caderno de Ordes” e que é “o meu primeiro libro de poesía, pois eu son máis de teatro e de ensaio, e é unha satisfacción que fora feito cara Ordes”, a súa vila natal e que “sempre estivo diante meu a nivel anímico”.


Nerea, Lucía, Victoria, Iria e Paula, alumnas do IES Maruxa Mallo, recitan o poema 'Cando as mulleres de Ordes'.

Cando Ruibal probou a magdalena no té de Marcel Proust
Por R. A. Landeira

Euloxio R. Ruibal voltou na noite de onte á súa vila natal, e fixoo, non a lomos dun Castromil, como acostuma a transitar pola arteria 550, senón a bordo dun exquisito poemario on the road, baixo o título de Caderno de Ordes. De igual xeito que José María Castroviejo encañonando as nosas cercetas do Legüelle deixou constancia do seu amor polas nosas terras nos seus escritos, agora é Ruibal quen subido ao Castromil, ao mesmo co vello señor de Trasalba recoñecía coller varias veces para ir a América, preséntanos o seu Caderno de viaxe á patria do home que é a infancia.


Parece que foi ese Castromil o McGuffin que espertou a necesidade dese Volver do poeta: Ruibal saboreou agora a magdalena mollada no té de Marcel Proust, cando xa encara a desalmada lucidez do home vello: espazo, tempo e memoria atópanse para alumear cincuenta poemas en verso libre rebosantes de significado e obxectividade pasmosa. A anonimia sae ao encontro do poeta para traspasar aqueles límites foucaultianos da autoría: haberá de asumir o autor que o parido non é xa de si mesmo, senón do dominio público de todos os ordenses.


Cada bancada pública de Ordes, cada farola, cada adoquín das nosas rúas e prazas sería digno da sensibilidade de Ruibal, pero a súa atención nos levan aos lugares de Buscás, Poulo, Casal, Vilar, Montaos, Mercurín, Ardemil ou a Alameda de Ordes. En acertadísimas palabras da profesora Charo Fernández Velho, o autor convirte a nosa toponimia nun poema. Capaz de rebautizar Ordes en versos, nunca o predecible tivo tan positiva lectura como de agora: ler un verso de Ruibal transportanos mecidos ata o seguinte e así ata o lugar ao que calquera de nós quixera ver rematada a nosa existencia. Non sobra nada.

Resulta unha verdadeira honra incluír estes versos no patrimonio inmaterial dos ordenses. Me atrevo a pensar que se trata da máis importante homenaxe literaria a Ordes en toda  a súa Historia. Son tiempos de reforzar a nosa identidade ordense. Dende estas páxinas levamos moito tempo falando disto. Gracias, Ruibal, por facernos crer, a lo menos durante o tiempo de lectura do teu libro, que en realidade, si temos un maravilloso pobo do que sentirnos orgullosos. Xa de nós depende tamén pensalo e crelo ao rematar de ler o Caderno de Ordes. Grazas por esa axuda.

*