martes, 28 de febrero de 2012

O IV Cross Ambiental chega esta fin de semana a Ordes

Haberá trofeos, medallas e un premio en metálico para o gañador

Inscricións ata este venres no teléfono 660694586 

Ordes acollerá esta fin de semana o IV Cross Ambiental Concello de Ordes, memorial Estevo José no que participarán arredor de 300 corredores en varias categorías. Haberá trofeos e medallas, ademáis dun premio en metálico para os primeiros en traspasar a liña de meta na categoría absoluto xeral.

Ao longo da xornada tamén se desenvolverá o IV Canicross Concello de Ordes, con probas puntuables para o campionato de liga galega e para o que xa están inscritos vinte participantes. Neste caso os primeiros clasificados tamén recibirán unha cuantía en metálico ademáis dos respectivos trofeos. Todas estas competicións desenvolveranse dende o Campo da Feira pasando polo paseo fluvial e por un itinerario que atravesa parte da zona de monte das inmediacións da vila. Os interesados poderán inscribirse ata o vindeiro venres a través do teléfono 660694586.

Andaina Concello de Ordes  
Como novidade este ano a organización ten prevista a Andaina Concello de Ordes. Un percorrido no que poden participar todos os que queiran sen límite de idade. O fin último desta iniciativa é exercitarse dun xeito relaxado e divertido aproveitando os fermosos paraxes e as rutas que discorren polo Concello. Neste caso son 8, 5 quilómetros os previstos, nun itinerario perfectamente sinalizado  e que tamén transcurre polo paso fluvial e polo monte. 

*

Servizos Sociais de Ordes organiza unha excursión a Salamanca

Praza maior medieval do municipio salmantino de La Alberca.

Será os días 24 e 25 de marzo e terá un custe de 106 euros

O departamento de Servizos Sociais de Ordes acaba de abrir o prazo para aqueles maiores que queiran participar nunha nova excursión. Unha viaxe na que os asistentes visitarán a cidade da Salamanca e a pictórica vila de La Alberca, en plena sierra de Francia-Quilamas.

Por 106 euros inclúese a estancia nun hotel de catro estrelas, pensión completa, seguros de viaxe e servicio de autobús. A viaxe está prevista para os días 24 e 25 de marzo e os interesados xa se poden inscribir no departamento de Terceira Idade do Concello de Ordes ou chamando ao 981681483 ata o día 15 de marzo.

*

Noite da tasca en...Trazo

lunes, 27 de febrero de 2012

O Entroido de Ordes entregou os seus premios



Se repartiron máis de catro mil euros entre os gañadores

A edición deste ano do Entroido en Ordes chegou ao seu fin este pasado sábado coa entrega dos premios nas categorías de carrozas, comparsas e individuais.

Premiados no concurso de carrozas, comparsas e disfraces do Entroido Ordes 2012:


Mellor carrozas 
Primero premio (600 euros): A banda do arroz
Segundo premio (400 euros): Casi 101


Mellor comparsa (200 euros)
A primeira gala da orquestra Pandorama contra a crise


Premio Simpatía (150 euros)

Backstreet Boys contra Spice Girls


Premios accésit (100 euros)
Indios a cabalo
Sandwich
Galaxya - Peques
Lacasitos Party
Picapiedras e os Mármore
Turismo Rural
Animadoras do Centro Deportivo Luar


Comparsas infantís
Primeiro premio (200 euros): Enxamio peque mel 
Segundo premio (150 euros): La Bella y la Bestia
Terceiro premio (125 euros): As burbullas de Ordes


Comparsas adultos
Primeiro premio (400 euros): Escola de Maxia Camiño Real
Segundo premio (300 euros): UVE
Teceiro premio (200 euros): Fórmula 1




Individuais infantís
Primeiro premio (125 euros): Zíngaras
Segundo premio (90 euros): John Travolta
Terceiro premio (75 euros): El Gato con Botas y Kitty


Individuais adultos
Primeiro premio (175 euros): Transformers equipo Ferrari
Segundo premio (125 euros): Doce Volvoreta
Terceiro premio (90 euros): Navaja



*

viernes, 24 de febrero de 2012

Música, literatura e diversión 'con ritmo' na biblioteca de Ordes


Decenas de rapaces e rapazas disfrutaron co espectáculo ofrecido polo grupo Duendecico nas Tardes de contos e lendas

A biblioteca municipal de Ordes celebrou esta tarde unha nova entrega das súas Tardes de contos e lendas. Nesta ocasión a agrupación Duendecico ofreceu o espectáculo Cuentos con ritmo


Libros e música
Unha cita na  que se mesturaron distintas narracións infantís coa música, puidendo os rapaces interactuar de xeito lúdico e didáctico cos mestres de ceremonia. 

*

A corporación municipal, disposta a rescatar á movida de Ordes

Momento do pleno da corporación municipal do Concello de Ordes celebrado onte nos baixos da Alameda.
Tamén se aprobou a cesión do baixo ubicado a carón do centro da terceira idade como local para usos sociais

O festival Brincadeira foi suspendido polo seu alto custo: 500.000 euros en catro anos

A corporación municipal do Concello de Ordes celebrou onte o seu pleno ordinario de mes de febreiro. O encargado de abrila tras a aprobación da acta da sesión anterior foi o voceiro do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira. Os socialistas exisiron o inicio das obras de mellora na rúa do Recreo e nos 1,8 quilómetros da travesía DP-5903 de Ordes a Portodemouros, paralizadas pola Deputación da Coruña dende o pasado 2010. A pesares do compromiso da Deputación de incluila na terceira fase do Plan de Travesías 2008 por un importe cercano aos 430.000 euros e de pospoñela ata o 2010 por algo máis de 167.000 euros,  a día de hoxe todavía está sen executar. 

Pedreira tamén destacou a importancia por motivos de seguridade de impedir o estacionamento de vehículos e camións no desvío que vai cara a parroquia de Buscás pola estrada AC-524, concretamente na entrada que comunica o último tramo  da rolda leste coa estrada que vai cara a citada localidade. A proposta foi aprobada por unanimidade se ben Ana Álvarez (CideGa), tildou de "oportunista" a súa presentación xa que “de todos é sabido que esta obra vai comenzar para a vindeiro mes”. A este respecto os populares aseguraron que o motivo de non facelo antes foi debido a un informe técnico que aconsellaba facelo nunha época con máis horas de luz solar e menor risco de xiadas e precipitacións. Outro dos puntos solicitados polos socialistas foi o arranxo dunha pista en Gouzón, na parroquia de Leira, e que entre outros inconvines dificulta o acceso do camión do lixo.

Día da Muller Traballadora
Seguindo coas propostas dos socialistas e en relación da celebración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional da Muller Traballladora, tamén por unanimidade se aprobou a declaración institucional que propón o impulso da igualdade social, da presenza das mulleres no mercado laboral, o apoio das  iniciativas de mulleres emprendedoras e a loita contra a violencia de xénero entre outros aspectos. Neste punto, o grupo municipal do BNG solicitou engadir a dita moción o compromiso por parte do Concello de rexeitar a derogación da Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reproductiva e da interrupción voluntaria do embarazo. A proposta foi aprobada a pesar dos votos en contra de PP e CideGa.

Centro comarcal
O BNG tamén solicitou instarlle á Xunta de Galicia  a cesión do inmoble do centro comarcal para usos sociais e como local de xuventude. A concelleira do BNG, Montserrat Rei, salientou que “as instalacións existentes no centro comarcal levan moito tempo inutilizadas e resultarían moi axeitadas para a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado, sen apenas custo para as arcas municipais”  Segundo a concelleira, “xa hai un ano que máis de mil sinaturas de pais e nais reclamaban un local para a mocidade en Ordes, mais a día de hoxe segue sen atenderse esta petición”.

A proposta foi finalmente rexeitada polos demáis grupos tal e como se acordara nunha xuntanza recente, debido o desembolso económico que isto suporía para as arcas municipais tal e como indica un informe elaborado polo interventor municipal. Por elo decidiuse utilizar o baixo contiguo ó local da terceira idade para tales uso. A decisión supón, para Rei, “unha falta de sensibilidade total e absoluta coas necesidades dos veciños de Ordes por parte dos partidos da dereita”.

Coas abstencións do grupo de Goberno e a concelleira de CideGa, a negativa do grupo municipal popular,  os nacionalistas tampouco viron prosperar a súa moción en contra da reforma laboral recentemente aprobada polo Goberno central, a cal aseguran que “está feita para contentar ás grandes empresas e que traerá máis inestabilidade ó mercado de traballo, deixando en situación de desigualdade aos traballadores en relación cos empresarios”. Castro salientou que o PP está a gobernar para as grandes empresas e os bancos como o demostra que “mentres sube os impostos saos asalariados, recortar servizos sociais como os da Lei de dependencia, abarata o despido e rebaixa salarios, aproba unha reforma financiera que abre a vía para que os bancos reciban 52.000 millóns de euros”. A este respecto a voceira de UxO, Silvia Marín, xustificou a abstención do seu partido argumentando que “é preciso deixarlle un tempo á nova lei para ver como se desenvolve e se é realmente efectiva”. Gonzalo Castro reincidiu nas críticas manifestando que “a dereita ordense únese para defender á banca e ao poder ecionómico con este recorte de dereitos dos traballadores”.

A movida
A última moción por parte do BNG referiuse á creación dunha mesa de traballo con representantes de cada partido e dos hosteleiros para reactivar o ocio nocturno na vila. Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, defendeu a moción na que se propoñía que se acordase a creación e impulso dunha comisión con participación de todos os grupos políticos con presenza na corporación e dos representantes dos hosteleiros, para aprobar un plan de reactivación do sector do ocio nocturno en Ordes. Castro fixo fincapé no “importante apoio do Concello que precisa este sector, sobre todo no tocante á elaboración de campañas de promoción do ocio nocturno en Ordes, que deben basear a estratexia de captación de visitantes na aposta pola calidade, a diversificación de ofertas de ocio e a programación de eventos”.

A proposta foi aprobada por unanimidade despois de que os nacionalistas aceptaran que foxe a comisión escollida quen especificara as condicións e os tempos nos que se deberían executar ditas medidas adoptadas.  A maioría dos partidos destacaron a importancia de que o sector se manteña unido e que superen as diferencias que hoxe en día os manteñen enfrentados.

O alcalde Manuel Regos aproveitou a ocasión para explicar a polémica das licenzas de tablaos flamencos e cafés concertos que recentemente supuxo a intervención do Valedor do Pobo. Según Regos o Concello concedeu as licencias en base a uns informes técnicos e unha actividade, a cal non se levou a cabo posteriormente. Todo indica a que foron as difencias e disputas entre algúns hosteleiros as que propiciaron a intervención do Valedor do Pobo, saltando por riba da intermediación municipal. Dada a situación, o Concello mantivo recentemente unha xuntanza cos empresarios da zona exisíndolle a regularización das licenzas según a actividade que desenvolvan nun prazo máximo de vinte días. Neste sentido, dende as dependencias municipais estanse a facilitar os trámites e a ofrecer de xeito inmediato o asesoramento requerido.

Polígono de Pardiñas
No que respecta á moción presentada polo grupo municipal popular na que se solicita a inclusión do polígono de Pardiñas no plan sectorial de áreas empresariais de Galicia, ésta foi rexeitada cos votos en contra do grupo de Goberno e PSdG-PSOE. Segundo os populares, esta solicitude foi "esquecida" polo Goberno municipal, e que outros concellos veciños "sí fixeron os deberes e solicitaron en prazo a inclusión das súas previsións de solo empresarial", asegurou o seu portavoz, José Luis Martínez Sanjurjo. "No caso de Cerceda, por exemplo", recoñeceu este, "o seu Concello solicitou e acadou incluir no plan sectorial ata catro áreas diferentes cunha superficie bruta de 2,6 quilómetros cadrados".

O equipo de goberno solicitou a súa retirada debido a que actualmente o equipo técnico do goberno está redactando as alegacións  ao proxecto, cuxo prazo remata a  principios do vindeiro mes. En opinión de Martínez Sanjurjo, “define á perfección cales son as auténticas prioridades do Goberno de Regos e dos que foron os seus aliados”. O popular rematou dicindo que “resulta revelador que o mesmo día que o alcalde admitiu que o Concello gastou en catro anos 500.000 euros no Festival Brincadeira, o Concello mire cara outro lado en lugar de apostar por  consensuar coa oposición o interés xeral de acadar o aval da Xunta para dotar a Ordes dun polígono empresarial que poda contribuir ao desenvolvemento económico da localidade e o seu entorno”. 

O Partido Popular de Ordes entende que o polígono de Pardiñas conta cunha localización estratéxica que lle permitiría competir con outras superficies empresariais, dado que está situado ao carón da Autoestrada do Atlántico (AP-9), preto da A-6, e cerca tamén e con boas comunicacións cos aeroportos de Lavacolla e Alvedro, e cos portos exteriores en execución da Coruña e Ferrol, e equidistante respecto ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela.

No apartado de rogos, entre outros Xesús Pedreira solicitou a retirada de restos de material de construcción nun punto da localidade de Guindiboo, así como a instalación dun punto de luz e a mellora dun tubo de desagüe. Tamén a concesión de titularidade pública nos terreos colindantes ó lavadoiro de Framiñán, na zona de Buscás. Todos eles foron tomados en consideración.

Festival Brincadeira
Castro solicitou unha explicación do por qué o Concello de Ordes non albergará este ano a celebración do festival Brincadeira. O portavoz do BNG salientou que “resulta lamentábel que, agora que o Festival Brincadeira conseguiu convertirse nunha referencia a nível estatal, como o atestigua o éxito da súa última edición, que contou cun cartel con grupos de primeiro nível e coa asistencia de perto de 20.000 persoas, das que un tercio eran de fora de Galiza, teña que irse do noso concello pola desidia e a incapacidade de alcalde”.

Dende o equipo de goberno informaron que ó longo dos últimos catro anos o Concello ten contribuido con 500.000 euros para a posta en marcha desta iniciativa e que debido a crise económica este ano a axuda reduciuse nun 70%, motivo polo que a productora Iceberg audiovisual decidiu escoller outro emplazamento. Ante a posibilidade de solicitar unha axuda económica ós sectores máis afectados por esta decisión, Manuel Regos indicou que esa iniciativa debería levala a cabo a productora e non o Concello. 

Respecto á Gala contra o Cancro, Castro acusou ao alcalde de “mentir aos veciños cando reiterou durante anos que a gala saialle gratís ao Concello de Ordes e agora anuncia que non se pode seguir celebrando debido a razóns económicas”. Aínda todo, o Goberno municipal manifestou que espera poder retomar en futuras edicións a celebración destes festivais.


No turno do Partido Popular destacaron os rogos en relación ós picos de tensión no suministro eléctrico da zona da Espinica, a limpeza das gradas no pavillón Castelao II en Ordes e a revisión do apagado do alumeado público por motivos de aforro entre Mesón do Vento e Brea

*

Pedreira: "A Xunta gastoulle unha entroidada á comunidade educativa de Ordes"

O concelleiro socialista denuncia a instalación do salvaescaleiras do CEIP Castelao,en contra da opinión do Consello Escolar e o informe técnico

Considera tamén “un despilfarro absurdo" poñer un elevador "que ninguén o vai utilizar"  


A Agrupación Socialista de Ordes denunciou hoxe que a Xunta de Galicia procedeu á instalación do salvaescaleiras do CEIP Castelao aproveitando as pasadas vacacións escolares de Entroido. Un salvaescaleiras que causou un accidente moi grave en setembro de 2011, que estivo a piques de costarlle a vida a un alumno do centro que, afortunadamente e despois de bastante tempo, recuperouse.

O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, denunciou que dende a Consellería de Educación “aproveitaron as vacacións de Entroido para, con nocturnidade e alevosía, colocar de novo este salvaescaleiras en contra do sentir do Consello Escolar e mesmo en contra dos distintos informes técnicos que advirten dos problemas de seguridade que orixina esta instalación”. Pedreira considera que a Xunta “gastoulle unha entroidada de mal gusto á comunidade educativa de Ordes”.

Neste sentido, compre lembrar que a finais de xaneiro a comunidade educativa ordense movilizouse contra a instalación deste salvaescaleira, situación que dende a Consellería de Educación resolveron co compromiso de estudiar as demandas dos pais e nais. Uns pais e nais que no Consello Escolar do 29 de novembro de 2011 manifestaran a súa oposición á reposición do salvaescaleiras e que recibiron tamén o apoio do pleno municipal de Ordes, grazas a unha iniciativa presentada polos socialistas, para que se instalase un ascensor en vez do accidentado salvaescaleiras. “Agora, coa súa forma de actuar ás agachadas, demóstrase que os compromisos que fixeron diante da dirección do Centro a finais de xaneiro non foron máis que un brindis ao sol á espera da primeira ocasión para repoñer o salvaescaleiras”, sinala Xesús Pedreira.

Mellor un ascensor
O concelleiro socialista sorpréndese da despreocupación da Xunta de Galicia diante deste caso e lembra a existencia de “dous informes técnicos, elaborados pola arquitecta técnica municipal e por un arquitecto externo, que coinciden en sinalar que a solución máis aconsellable dende un punto de vista técnico é a colocación dun ascensor adaptado e a retirada do salvaescaleiras existente por motivos de seguridade”. Xesús Pedreira considera que, coa súa actitude ao repoñer unilateralmente o salvaescaleiras, “a Consellería de Educación demostra que non quere escoitar as xustas demandas da comunidade educativa e do Pleno Municipal de Ordes, senón que tampouco fai caso dos informes técnicos desfavorables”.

De feito, o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta, Roberto Castro García, vén de respostar a unhas preguntas presentadas polos parlamentarios socialistas sobre o accidente do Castelao. Unhas respostas que incrementan a sensación de inseguridade para os socialistas ordenses pois a propia Xunta recoñece: “en relación á cadeira elevadora que sufríu a avaría, hai que apuntar que non existe normativa legal que requira autorización previa para o seu uso por parte da Administración e tampouco existe protocolo algún de mantemento”.  

Nesa resposta parlamentaria, a Xunta recoñece que a avaría tivo lugar “debido a un desgaste excesivo dos rodillos de guiado das rodas motrices, producindo unha saída do recorrido”. Unha explicación que non satisfai aos socialistas ordenses, pois “fálase de desgaste excesivo nunha instalacións que foron colocadas pouco tempo antes”.

 Informe técnico municipal
A principios deste mes de febreiro, a Agrupación Socialista de Ordes desvelou a existencia dun informe técnico municipal que indica que “para a instalación do salvaescaleiras procedeuse á colocación dunha estrutura metálica a base de elementos tubulares anclados ao pavimento das escaleiras na súa base e anclada lateralmente a un tabique presumiblemente de reasilla cerámica e enfoscado. O citado tabique presenta desperfectos nos puntos de anclaxe podendo ser debidos ás cargas ás que se atopa sometido pola acción do salvaescaleiras”. Ademais, recorda que estas escaleiras teñen unha antigüidade estimada de máis de trinta anos, segundo datos catastrais.

A técnico municipal considera que “a instalación pode non ser segura, posto que non quedan garantidas as condicións de seguridade absoluta e solidez da parede onde se suxeita parte da estrutura metálica que serve de apoio ao elevador, posto que, dende un punto de vista construtivo, os tabiques son concebidos para dividir ou pechar espazos interiores, sen función estrutural”. Por todo isto, e unha vez analizada a normativa de accesibilidade aplicable, os informes conclúen que “a solución máis aconsellable dende un punto de vista técnico é a colocación dun ascensor adaptado e a retirada do aparello elevador existente nas escaleiras”, lembrando que o CEIP Castelao dispón de lugares aptos para a súa colocación.

Cómpre lembrar que tanto a Agrupación Socialista de Ordes como o PSOE no Parlamento de Galicia teñen presentado distintas iniciativas a raíz do accidente acontecido o 20 de setembro, cando o desprendemento dun salva-escaleiras feriu a un alumno con problemas de mobilidade que neses intres o estaba utilizando. Ademais dunha ampla batería de preguntas, os socialistas presentaron unha Proposición Non de Lei que insta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que atenda as demandas da comunidade educativa do CEIP Castelao e realice a instalación dun ascensor como solución máis axeitada e segura para a eliminación das barreiras arquitectónicas no centro.

Xesús Pedreira Mirás.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Finalmente, a solución adoptada pola Xunta foi a de repoñer o salvaescaleiras no mesmo lugar, cunha anclaxe diferente, e o compromiso de facer no futuro comprobacións periódicas. Pero esta mesma semana a comunidade educativa de Ordes xa tivo constancia de como son os compromisos da Xunta 

“Nunha época de recortes é totalmente absurdo colocar un salvaescaleiras que non vai a utilizar ningún alumno, pois o único neno que o empregaba non o quere utilizar dado o medo extremo que ten e polas secuelas psicolóxicas que lle quedaron a raíz das lesións que tivo no accidente”



Núñez Fejóo e os grelos de Ordes

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo nos Desayunos de TVE, o pasado 1 de febreiro.
"A min gústanme moito os grelos de Ordes e gozo do leite desa zona, e non creo que estean afectados por Sogama". Esa foi a resposta que onte, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deu en rolda de prensa despois do consello da Xunta, con motivo da ubicación dunha segunda planta de tratamento de resíduos nun lugar da xeografía galega ainda por determinar.  Certo é o que di o presidente. As nosas 'cabezas de nabo' -turnip tops, en inglés-, a un prezo de entre 1,50 e dous euros na chamada 'Ruta do Grelo' que cantan os Kastomä e ata catro euros no Hipercor de Santiago, non sofren nin dos cheiros de Sogama nin da contaminación ambiental e acústica dos Pellejeros que cada día e por centos cruzan a nosa vila.   


Agora que Manuel Regos ven de convidar a Núñez Feijóo á inauguración, de aquí a un mes, do novo tramo da ronda leste que apartará o tráfico pesado do centro da vila, sería conveniente ademais que dende o Concello lle fixeran chegar unha caixa grande con grelos frescos recén cortados, queixo fresco, pan e leite de Ordes. Unha convocatoria de prensa, Manuel Regos presentando a caixa polo rexistro de San Caetano, unhas cantas cámaras e xornalistas, preparar un bo titular para darlle á prensa do día seguinte e un novo convite a Feijóo vía prensa á inauguración da ronda leste, e o presidente non saberá decir que non.


Polos grelos de Ordes que Núñez Feijóo estará connosco no mes de marzo!


*

jueves, 23 de febrero de 2012

Ordes, moi cerca xa de ser a 'Villaenmedio' de Fairy

Elaboración dun graifto nunha parede de Ordes.

O noso municipio foi seleccionado como un dos dez finalistas do concurso ‘El pueblo más innovador’

A proposta foi escollida pola súa orixinalidade á hora de erradicar o 'feismo' a base de grafitos

Ordes é o único municipio galego finalista do concurso ‘El pueblo más innovador’. Un certame levado a cabo pola marca de lavavaixelas Fairy, que pretende dar a coñecer o proxecto máis orixinal e innovador posto en marcha durante os últimos trinta anos por aqueles concellos que non teñan máis de 14.000 habitantes. En total foron máis de 1.000 municipios de  toda España ós que se lles enviou a proposta, sendo Ordes grazas o seu certame cultural Desordes creativas un dos seleccionados. Neste caso o xurado valorou tanto a iniciativa e a orixinalidade de erradicar o feismo da vila a través de grafitos, como a calidade dos traballos coas que cada ano se decoran as fachadas e paredes de edificios públicos e privados.

Competidores
Entre os municipios cos que debe competir o de Ordes figuran: Nuevo Baztán (Madrid), Morales del Vino (Zamora), Borriol (Valencia), Gelves (Sevilla), La Luisiana (Sevilla), La Romana (Alicante), Puigcerdà (Girona), Castillo de Locubín  (Jaén) e Redován (Alicante). 

*

'Contos con ritmo' na biblioteca de Ordes

Nova entrega das Tardes de contos e lendas, mañá venres ás 18:30 horas 

A biblioteca municipal de Ordes celebrará mañá venres unha nova entrega das súas Tardes de contos e lendas. Unha iniciativa coa que se pretende fomentar o hábito á lectura entre os rapaces e rapazas de 6 a 8 anos, ademáis de servir como escaparate para todas as actividades e posibilidades que se lles brindan dende o centro. Nesta ocasión os asistentes poderán disfrutar a partir das 18.30 horas do relato Contos con ritmo’, ofrecido polo grupo Duendecico.

*

miércoles, 22 de febrero de 2012

O PP de Ordes proporá incluir o polígono de Pardiñas no plan sectorial de áreas empresariais de Galicia

Os populares defenderán mañá unha moción no Pleno de mañá para que o Concello se apresure a formular unha alegación  antes do 5 de marzo

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes proporá no Pleno do mañá que o Concello formule unha alegación para incluir o denominado polígono de Pardiñas no  plan sectorial de ordenación das áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A proposta do PP xurde logo de constatar que o Concello de Ordes, a xuízo dos populares, se esqueceu de solicitar á Xunta a inclusión do polígono de Pardiñas na programación plurianual de solo empresarial de Galicia, que o Goberno galego someteu a exposición pública para que os interesados podan formular alegacións antes do vindeiro 5 de marzo.

O denominado polígono de Pardiñas é unha supeficie de 1,6 km2 situada ao carón do acceso á autoestrada do Atlántico, contemplada como solo urbanizable de uso industrial na recente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal, e cualificada como solo urbanizable delimimitado no avance do PXOM exposto en datas recentes.

Para o voceiro municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo, resulta incomprensible que o Concello de  Ordes non teña solicitado a inclusión desta superficie na programación plurianual de solo empresarial da Xunta de Galicia, máxime cando o veciño concello de Cerceda presentou, e logrou incluir neste Plan, catro áreas de solo empresarial diferentes.

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do PP de Ordes.
Localización estratéxica
O Partido Popular de Ordes entende que o polígono de Pardiñas conta cunha localización estratéxica que lle permitiría competir con outras superficies empresariais, dado que está situado ao carón da autoestrada do Atlántico, preto da A-6, e cerca tamén e con boas comunicacións cos aeroportos da Coruña e Santiago, e cos portos exteriores en execución da Coruña e Ferrol, e equidistante respecto ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela.

Martínez Sanjurjo considera fundamental que a Xunta inclúa este polígono empresarial no Plan sectorial de áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia  e entende que con esta medida se contribuiría a crear emprego e fixar poboación no Concello.

Martínez Sanjurjo agarda tamén que esta moción conte co apoio unánime da corporación municipal de Ordes para lograr que o polígono empresarial de Pardiñas sexa realidade no medio prazo.

*

O BNG proporá no Pleno de mañá un plan de reactivación da movida de Ordes

Tamén proporán que o Pleno pida á Xunta a cesión do centro comarcal para destinalo a local social xuvenil

Castro esixirá explicacións ao alcalde por ter deixado marchar o festival Brincadeira
 
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, anunciou hoxe que no pleno que se celebrará este xoves, ás 20:00 horas, debatirase unha moción dos nacionalistas onde se propón que se “acorde a creación e impulso dunha comisión con participación de todos os grupos políticos con presenza na Corporación e dos representantes dos hosteleiros, para aprobar un plan de reactivación do sector do ocio nocturno en Ordes”.

Castro salientou que “Ordes atópase práticamente a medio camiño entre A Coruña e Santiago, e posue establecementos de primeiro nível, coa emblemática discoteca LP45 á cabeza, isto constitue un potencial que hai que aproveitar, para iso é necesario modernizar a oferta, reiventarse e facer unha aposta clara pola calidade”.

Para o portavoz do BNG “a comisión que se constitua para aprobar este plan estudará as ventaxas comparativas deste sector en Ordes con respecto aos concellos que compiten directamente co noso, poñendo en valor as mesmas, para lograr diferenciar a oferta do ocio nocturno de Ordes, creando unha marca propia, fácilmente diferenciable, da movida ordense”.

Gonzalo Castro fixo fincapé no “importante apoio do Concello que precisa este sector, sobre todo no tocante á elaboración de campañas de promoción do ocio nocturno en Ordes, que deben basear a estratexia de captación de visitantes na aposta pola calidade, a diversificación de ofertas de ocio e a programación de eventos”.

Cesión do centro comarcal
O portavoz nacionalista anunciou tamén que o Pleno debatirá unha moción do BNG para que “o Pleno inste á Xunta de Galiza a ceder as instalacións do centro comarcal ao Concello de Ordes, co acordo expreso de destinalo a local social e de ocio para os mozos e mozas”.

Castro salientou que “as instalacións existentes no centro comarcal levan moito tempo inutilizadas e resultarían moi axeitadas para a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado, sen apenas custo para as arcas municipais” .

Reforma laboral
O BNG proporá que o Pleno inste ao Goberno central a derogar a reforma laboral e a “acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais, que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa estímulos reais para a xeración de emprego de xeito inmediato”, segundo manifestou Gonzalo Castro, para quen “a reforma laboral aprobada polo goberno central só provocará máis precariedade e máis paro”.

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes.
Festival Brincadeira
O portavoz nacionalista pediralle explicacións ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, por “deixar que o Festival Brincadeira se vaia para Cambre, ao negarse a prestar ningún tipo de colaboración para a organización deste importante evento”.

O portavoz do BNG de Ordes salientou que “resulta lamentábel que agora que o Festival Brincadeira conseguiu convertirse nunha referencia a nível estatal, como o atestigua o éxito da súa última edición, que contou cun cartel con grupos de primeiro nível e coa asistencia de perto de 20.000 persoas, teña que irse do noso concello pola desidia e a incapacidade de alcalde”.

*

Manuel Regos: "O paso de tráfico pesado pola vila rematará definitivamente no mes de marzo"

Manuel Regos Boquete (Unión por Ordes), de 53 anos, é alcalde de Ordes dende maio do 2007.
"Confío en que pronto, un bo tramo da avenida de Alfonso Senra sexa peatonalizado"

"A fusión de municipios, antes ou despois será inevitable, e Ordes ten que estar preparado"

Economía, traballo, servizos e crecemento. Esas son as receitas que Manuel Regos Boquete (Ordes, 1958), alcalde de Ordes dende 2007, busca adoitar nesta lexislatura para o noso municipio. Polo de agora, danos resposta a moitos dos nosos interrogantes.

Unha recente enquisa feita por Ordessiete reflexa que o que máis preocupa aos nosos lectores son, por este orde, o paro, a débeda municipal e a falta de pago a provedores. Que solucións plantexa?
As tres preocupacións resultan moi importantes para os nosos veciños, sen dúbida algunha. Respecto á primeira delas, o paro, o Concello de Ordes no seu sentido máis amplo e non só en referencia ao Goberno local, traballa porque as empresas creen traballo no noso concello. A nosa función é promover un entorno idóneo para a ubicación de empresas e industrias que traian postos de traballo e riqueza a Ordes. Nese sentido, confiamos en que a posta en marcha do novo polígono industrial lle resulte atractivo a eses empresarios e a esa industria. Podo avanzar que moi pronto dúas novas empresas formarán parte do noso novo polígono, empresas que necesitarán traballadores. Esta é a nosa función dende o Concello de Ordes, mellorar as condicións para que as empresas que se ubiquen no noso concello teñan os mellores servizos e así creen emprego.

Cantos desempregados hai actualmente en Ordes?
No municipio son uns 1.200 e na comarca son 3.900. Temos una taxa de desemprego do 14 %, bastante por debaixo da media nacional do 20% e menos tamén da media galega, situada en torno a un 18 %.  

E cantos autónomos? Todos falan dos dereitos dos asalariados e dos dereitos das empresas, pero que sucede co colectivo dos autónomos?
Autónomos son cerca de mil en Ordes. Fíxese o importante que son os autónomos para nós. Se cada un deles crease un solo emprego, estaríamos falando de paro cero en Ordes. As nosos políticas municipais de creación de emprego teñen moi en conta este importante colectivo da nosa economía.

"As débedas serán pagadas", asegura Regos.
"As débedas xa se están pagando"
Cando pagará o Concello de Ordes as débedas atrasadas?
Xa se están pagando. A finais do 2011 se abonaron facturas por valor duns 300.000 euros e seguiranse liquidando todas elas periódicamente ata sanear por completo as contas municipais. Podo asegurar que isto vai ser así. O noso obxectivo é crear un plan de pagos que en ningún caso supere o prazo de espera de dous anos


Por outra banda, o Goberno central ven de anunciar que o Consello de ministros aprobará en breve un mecanismo que permitirá liquidar débeda comercial pendente das administracións públicas. Estaremos moi pendentes de instaurar medidas coma esta e outras que xa o Goberno en Madrid ten previsto coas administracións locais. 

Os orzamentos municipais están actualmente prorrogados. Para cando ten prevista a presentación dun proxecto de orzamentos para este ano 2012?
Neste momento os orzamentos están prorrogados por una razón: dependemos da actuación doutras administracións públicas e dos seus proxectos orzamentarios. Non queremos facer os nosos números ata coñecer as previsións das outras administracións das que nós dependemos financieiramente. Esperamos ter canto antes un documento que presentar aos demais grupos municipais e comezar un proceso de negociación.

"Confío que o orzamento municipal sexa aprobado entre todos"
Como espera aprobalo? Recollerá a invitación de pacto que neste sentido lle fixo chegar o BNG de Ordes?
Eu agradezo a disposición do grupo municipal do BNG neste sentido, pero eu espero que o noso proxecto de orzamentos sexa aprobado entre todos. Nesa dirección traballamos, para que sexa un orzamento de todos.

Podería adiantarme algunhas das súas propostas? Haberá importantes novidades?
Serán uns orzamentos con recortes. Sei que son medidas moi pouco populares, pero os vecinos e veciñas teñen que entender que son absolutamente necesarios, e que estas medidas, nun futuro cercano revertirán de forma positiva en todos nós. Ainda así, tamén podo asegurar que as prestacións e servizos básicos estarán cubertos por completo. Tamén o estarán os programas de estímulo e promoción do emprego no noso municipio.

Non teme que dándolle agora unha negativa aos nacionalistas no pacto orzamentario poida levar una implícita invitación para que eles se acheguen dalgún xeito ao PP?
Eu son moi respetuoso coas garantías constitucionais e cos dereitos dos grupos municipais de negociar libremente nun sentido ou noutro, pero tamén penso que agora non son tempos para experimentos de moi dubidoso resultado e sinceramente, penso que iso non resolve absolutamente nada. O que deberiamos pensar todos na corporación municipal é en tirar xuntos do carro, traballar na mesma dirección e co mesmo obxectivo: traballar polo benestar no máis amplo sentido dos nosos veciños e veciñas.  

Regos convidou ao presidente da Xunta á inauguracíon do novo tramo da ronda leste no próximo mes de marzo.
"Ordes terá viveiro de empresas"
O mesmo día do seu nomeamento como alcalde, en xuño do 2011, afirmou que Ordes tería un viveiro de empresas.
Si, así é, pero primeiro teremos que rematar co procedemento administrativo do novo polígono industrial, que recordemos, terá una superficie duns 100.000 metros cadrados. En canto este primeiro asunto esté resolto, comezaremos a estudar a ubicación estratéxica dun viveiro de empresas para os emprendedores ordenses.   

Fai unhas semanas levouse un piropo do presidente da Deputación, Diego Calvo. Dixo que a Mancomunidade de Ordes está resultando un modelo no camiño hacia a fusión de concellos.
Si, con ese obxectivo se está a traballar dende a Mancomunidade. A fusión de municipios resultará, antes o despois, inevitable, e Ordes ten que estar preparado. Levará tempo, pero será necesaria e positiva.

"Queremos marca un precedente coa Mancomunidade de Ordes"
Tanto Calvo como o anterior presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, apuntan hacia Ordes como líder nun primeiro paso na unión de concellos. Se Ordes finalmente consegue levalo adiante absorbendo a concellos veciños como Trazo, Tordoia, Frades ou Mesía lle daría un recoñecimento e unha percepción de vangarda e liderazgo de gran valor no mapa galego e nacional. Non lle tenta a idea?
Bueno, eu non teño pretensións persoais nese sentido. Si é certo que dende a Mancomunidade de Ordes queremos marcar un precedente liderando un proxecto de mancomunidade que está acadando fama en toda Galicia. Si queremos ser líderes en mancomunar servizos e queremos que Ordes sexa un exemplo de mancomunidade en Galicia e tamén en España de cara a unha máis que previsible futura fusión de municipios.
  
Que opina de Núñez Feijóo, lle parece un bo presidente da Xunta?
Si, paréceme un bo presidente. Certo é que polas circunstancias económicas actuais vese obrigado a adoitar medidas pouco populares, pero iso non o converte nun mal presidente.

Cando visitará Alberto Núñez Feijóo de manera oficial o Concello de Ordes?
Agora terá unha oportunidade. Fai uns poucos días lle mandamos una invitación para inaugurar a nova rolda da N-550 ata o polígono industrial. Confiamos en que a acepte e estea con todos nós o vindeiro mes de marzo.

Piensa que a Xunta de Galicia discrimina a Ordes?
Claro que non. A Xunta de Galicia vese obrigada a facer recortes en todos lados, e iso non exclúe a Ordes. Durante os próximos un ou dous anos lamentablemente as cousas seguirán deste xeito, pero non penso que haia ningún tipo de discriminación a Ordes con respecto a outras localidades galegas.

Regos quere un crecemento sostible e equilibrado para Ordes, que espera alcance os 20.000 habitantes no 2030.
"Ningunha rúa cambiará de nome"
Está vostede a favor ou en contra de bautizar unha rúa en Ordes co nome de Manuel Fraga?
Bueno, esa decisión lle corresponde ao pleno municipal. Actualmente ésta a traballar unha comisión da que eu non formo parte, pero non soamente sobre a idoneidade do nome de Manuel Fraga para incorporalo no noso rueiro, senón tamén con outros moitos nomes que se están estudando. O que si quero apuntar é que no caso de que a corporación municipal aprobe finalmente esta medida, que deberá ser por unanimidade dos seus dezasete membros, será bautizada co nome de Manuel Fraga unha rúa das novas travesías de Ordes. En ningún caso será mudado o nome dunha rúa actual polo nome do expresidente.  

A chamada movida de Ordes conta con todas as garantías de seguridade e de cumplimento das normativas?
Si. Certo é que estamos nunha época baixa, dos 42 empresarios que a formaban fai uns anos pasaron aos 16 de agora, pero as reunións que estamos tendo con eles están sendo moi positivas. Neste sentido, o Concello está mediando para que todos eles se acollan á normativa vixente. A resposta do colectivo de empresarios está sendo excelente e ambas partes, empresarios e Concello, imos cumprir todas e cada una das recomendacións feitas polo Valedor do Pobo.

"Son partidario da peatonalización dalgunhas rúas"
Pleno tras pleno empéñanse en intentar limitar o paso de tráfico pesado pola vila de Ordes, e así levamos anos. Cando rematará definitivamente esta incomodidade?
Como avancei antes, queremos que o presidente da Xunta inaugure esta nova rolda da N-550 que non ten outro obxectivo que este. A lo máis tardar a finais de marzo, o centro da vila estará despexado de tráfico pesado.

Non sería unha boa solución, á salomónica, prohibir o paso a todos os vehículos, é dicir, peatonalizar o tramo da avenida de Alfonso Senra entre o Nogallás e a Casa do Concello?
Eu son partidario da peatonalización de determinadas rúas, e unha delas sería parte da N-550. Agora neste momento so temos a rúa de Mundito, pero peatonalizar ese tramo da avenida de Alfonso Senra é unha das nosas asignaturas pendentes. Eu confío que lograremos ese obxectivo nesta mesma lexislatura.

Cal é o seu modelo urbano para Ordes?
Queremos un concello saudable, rico e próspero, con areas equilibradas residenciais, industriais e de servizos. Queremos un concello cómodo para todos, con todas as demandas cubertas e que poida chegar, nos próximos quince anos, ata os 20.000 habitantes. O noso modelo urbano está ademais creado por nós mesmos. É un modelo propio, noso e para nós.

A cultura ordense parece que se resentirá despois de anunciar que non haberá nin Brincadeira nin Gala contra o Cancro. Se esperan novidades neste sentido para as festas  patronais?
Non. As festas patronais de agosto son intocables, están garantidas. O festival Brincadeira e a Gala contra o Cancro resultaron moi beneficiosas para Ordes no pasado, pero agora non podemos asumir o seu custe. Co tempo poderanse retormar estas e moitas outras propostas.

"Esta primaveira abrirase a estación da Pontraga"
O  transporte ferroviario e Ordes sempre se levaron como a agua e o aceite. Ambas estacións, Fosado e A Pontraga, resultan fantasmais a día de hoxe. Qué solución plantexa?
A estación da Pontraga abrirase nesta primaveira. Hai que lembrar que o edificio e o entorno foron recuperados polos alumnos do obradoiro de traballo Ramón Ruibal. Foron 44 os traballadores e traballadoras que estando inscritos no INEM en Ordes foron contratados para esa labor, e fixeron un traballo excepcional. Estamos tamén á espera de acadar novas axudas ministeriais e algo de interese para a cidadanía se implementará no seu edificio.

Respecto á estación de Fosado, hai que dicir que non é de competencia municipal. Levamos tempo estudando a conveniencia ou non de implementar algún tipo de servizo de transporte entre o centro da vila e a estación. Proximamente daremos a coñecer algunas destas conclusións que poidan poñer en valor este importante apeadoiro que pode achegarnos, por exemplo ao centro de Vigo en dúas horas.

Existen numerosos programas da UE dos que Ordes podería beneficiarse. Que lugar en Europa procura para o noso concello?
A internacionalización, nun futuro inminente, resultará algo cotiá na evolución económica e social das persoas e das comunidades urbanas, e Ordes non pode ser unha excepción. O concello de Ordes xa resultou beneficiario dos proxectos Miner e Leader da Unión Europea, e miramos con detalle todos os programas que dende Bruselas poderían ser de interese para nós. Agora estamos identificando vilas europeas que teñan un perfil similar ao noso, con incidencia do sector textil e interese por políticas medioambientais e de desenvolvemento urbano sostible. Dende o Concello traballamos tamén porque Ordes estea cada día máis integrada non só en Galicia e España senón tamén en Europa.

***