sábado, 31 de marzo de 2012

O pleno valida o incremento do salario da policía local de Ordes en 381 euros

Bancada do Goberno municipal de Ordes durante os plenos extraordinario e ordinario celebrados onte.

Os axentes xa viñan cobrando esas cantidades pola prestación de servizos durantes as festas, concertos e outros eventos

Non haberá consulta popular sobre que facer coa vella Casa Consistorial 

Logo de celebrarse onte o pleno extraordinario dando luz verde ao crédito sindicado de 2,7 millóns de euros, xa pasadas as 08:00 horas daba comenzo a sesión ordinaria do pleno municipal de Ordes correspondente ó mes de marzo. Con dez votos a favor (UxO, PSdG-PSOE e BNG) por sete abstencións (PP e CideGa) aprobouse o incremento en nómina de 381 euros para os policías locais. Un extra que xa se lles viña aplicando ata o de agora pola súa disposición e prestación de servizos durante as festas, concertos ou eventos de diversa índole. Servizos que ademáis se ven incrementados dende que xa non se dispón do Grumir.

Praza de abastos
Tamén se aprobou o inicio dos expedientes de rescisión de contratos dos postos ubicados na praza de abastos. Os dous únicos votos en contra correron a cargo do BNG, mentres que o resto de formacións votaron a favor desta medida. O motivo da oposición dos nacionalistas obedece a que “débese aprobar antes o novo prego de claúsulas administrativas e garantir que estas persoas terán un dereito de acceso preferente aos novos postos, xa que mantiveron todos estes anos a súa actividade con moito custo e en condicións moi difíciles”, segundo expresou o seu portavoz, Gonzalo Castro.

Pola súa parte, o concelleiro socialista Xesús Pedreira destacou a importancia de equiparar as tasas que pagan os comerciantes da praza coas dos restantes establecementos. O PP destacou a importancia de ter en conta os actuais placeiros xa que consideran que son merecedores dalgún beneficio dado o desenvolso que  teñen feito ata o de agora nos seus postos. En palabras da tenente de alcalde, Silvia Marín, “o que se pretende é que toda a xente que traballe na praza teña as mesmas condicións, tendo en conta que hai xente que polos anos que leva teñen que ter unha serie de prioridades”.

Tamén foi aprobada a moción referida á creación de ficheiros de datos de carácter persoal referentes a promoción económica e de emprego que manexa o Concello de Ordes, tal e como marca a lei.

Danos pola seca
Xa no apartado de mocións, o PSdG-PSOE solicitou a apertura dunha liña de finanzamento ao cero por cento a través do IGAPE para a compra de forraxe  para alimentar ao gando, así como a condonación das cotas á Seguridade Social  dos profesionais do sector lácteo durante seis meses. Deste xeito preténdese contribuir dada a seca que está a padecer un sector de vital importancia para Ordes, xa que é a terceira comarca en cuota de producción a nivel galego. A proposta contou co apoio unánime de todas as forzas políticas.

Os socialistas tamén solicitaron que dende a Xunta se asuman os gastos en mantemento, limpeza e vixianza dos centros escolares. Uns gastos cos que veñen acarreando as corporacións municipais e que corren serio perigo derivado da situación económica. A moción foi aprobada grazas ós votos de todos os grupos agás o Partido Popular que se abstivo.

Casa Consistorial
Pola súa banda, o BNG solicitou unha consulta popular para decidir a actuación que se emprenderá na antiga Casa Consistorial. Neste punto, o alcalde Manuel Regos avanzou que según os criterios dos técnicos da Xunta de Galicia, o máis recomendable sería o reforzamento da estructura do inmoble e o seu vaciado e reconstrucción interior

A concelleira do BNG Montserrat Rei, salientou que dende o seu grupo, “cremos que a decisión sobre que facer coa Casa Consistorial ten unha grande trascendencia, ao tratarse dun edificio de máis de sesenta anos, que ten un valor simbólico innegábel por constituir unha das imaxes máis emblemáticas do noso pobo, por iso, a decisión final de que facer co edificio debe contar coa participación de todos os veciños e veciñas de Ordes”. A moción foi desestimada  cos votos en contra do PP e UXO, ademáis das abstencións de CideGa e PSOE. 
  
Outra moción presentada polos nacionalistas facía referencia á publicación na web municipal da declaración de bens e intereses de todos os membros da corporación municipal, medida que atendendo a Gonzalo Castro, serviría, "ademáis de para dotar de maior transparencia e honestidade ao exercicio dos cargos públicos municipais, garantirá un maior compromiso coa legalidade e a eficacia na xestión dos recursos públicos dos veciños de Ordes”. Finalmente, esta moción foi rexeitada cos votos en contra de UxO, PP e CideGa. 


Tampouco saiu adiante a moción nacionalista de apoio e respaldo á folga xeral celebrada na xornada de antonte pese a contar co apoio do concelleiro do PSdG-PSOE. Os votos en contra de UxO, PP e CideGa, imposibilitaron a súa aprobación.

Por último, Montserrar Rei reclamou ao alcalde a constitución "de forma inmediata" da comisión para a reactivación do sector da hosteleria e do ocio nocturno e criticou “a súa desidia e desinterese por apoiar a este importante sector, xa que xa hai máis dun mes que se aprobou en pleno a creación desta comisión”.
 

Repintado da N-550
Por último, o socialista Xesús Pedreira presentou un rogo no que insta ao Concello de Ordes a poñerse en contacto con Demarcación de Carreteras de Galicia para que faciliten o acceso a certos viais e tramos de difícil acceso tras o repintado da N-550 ao seu paso por Ordes. 

Regos informou da xuntanza mantida co seu responsable hai escasos días. Según este, a solución en moitos casos pasaría por aumentar a travesía, o que se traduce nun maior tramo con velocidade reducida a 50 km/h e para o acceso ó polígono industrial prevese a instalación dunha rotonda de auga.

*

Adiante con ese crédito por 2,7 millóns de euros

UxO, PSOE e CideGa sacan adiante o plan de axuste do Goberno municipal

A corporación municipal de Ordes celebrou onte dúas sesións plenarias de carácter extraordinario e ordinario. Na primeira delas tratouse o plan de axuste elaborado polo interventor municipal, Javier Siro, ao abeiro do Real Decreto-lei 4/2012, de 24 de febreiro. Os nove votos a favor de UxO, CideGa e PSdG-PSOE supuxeron a aprobación do chamado plan de pagamento a provedores e acredores desenvolvido polo Goberno de España. 

Tanto o BNG como o PP, con oito votos en total, rexeitaron, co seu voto en contra, esta medida. Por parte dos nacionalistas, o seu portavoz, Gonzalo Castro, resaltou que “esta relación certificada de todas as facturas pendentes debería ter sido levada ao pleno e posta a disposición dos membros da corporación municipal con corenta e oito horas de antelación, tal e como esixe a lei”. O BNG propuxo como alternativa que “se habilitase un plan de pagos para os proveedores do Concello, priorizando o pago das facturas xustificadas e "xustificables” das pequenas e medianas empresas, que teñen moita máis prioridade que os  600.000 euros que supostamente se deben a Fenosa, ou os 200.000 que se deben a Sogama, e deixando para o final os gastos de dubidosa procedencia, sobre os que se estudaría a pertinencia do seu pago”.
Ademáis, Castro propuxo unha reducción dos gastos  innecesarios, comenzando polas propias asignacións e dietas dos membros da corporación municipal, coa reducción das reunións da xunta de goberno local e dos membros das comisións informativas, acompañado dun aumento dos ingresos gravando máis nos impostos municipais ás rendas máis altas”.
Boa oportunidade
Pola outra banda, Ana Álvarez, concelleira de Cidadáns de Galicia (CideGa) asegurou que “con esta acción temos unha boa oportunidade para sanear a situación do Concello. Tras revisar as facturas vemos que prácticamente o noventa por cento dos acredores e provedores son de Ordes, e iso é moi positivo”. O portavoz socialista, Xesús Pedreira, asegurou que “nesta decisión vai o futuro de moitas familias de Ordes o que suporá un balón de oxíxeno”. Pedreira tamén criticou o xuro estipulado nun cinco por cento para as administracións locais comparándoo co un por cento que se lle aplica ás entidades financieiras dende a Unión Europea, plantexamento secundado polo alcalde, Manuel Regos.

Pola contra, para o Partido Popular de Ordes “todo isto ven a demostrar a situación tan crítica e delicada que atravesa o Concello, provocada pola nefasta xestión do seu alcalde”, pediendo ademais a dimisión do mesmo para que “sexan outros os que saquen para adiante este plan de axuste”, según palabras do seu portavoz, José Luis Martínez Sanjurjo.

Vinte millóns de investimentos
O alcalde Manuel Regos incidiu nos investimentos que ao longo dos últimos anos recibiu o noso municipio. Cantidades que según os seus cálculos, aproxímanse aos vinte millóns de euros, o que supón máis de mil euros por cada cidadán. Asegurou tamén Regos que na actualidade, a débeda por cada veciño é duns 173 euros, “bastante inferior que a media do resto de Galicia estipulada en 264 euros”, asegurou.

O alcalde de Ordes e os seus compañeiros de partido agradeceron públicamente o traballo realizado polo interventor municipal, Javier Siro, e os técnicos nestes últimos días en relación ó plan. Regos asegurou que se amortizarán varios postos de traballo para sacalo adiante e que non se poderán prestar servizos de maneira gratuíta tal e como se viña facendo en moitos concellos. 

En total serán 2,7 millóns de euros os que o Concello de Ordes solicitará mediante crédito a un interese do cinco por cento e un periodo de carencia de dous anos, para abonar as súas facturas pendentes de pago.

*

viernes, 30 de marzo de 2012

O Concello recollerá o aceite usado dos bares e restaurantes

De ruta dende Ordes a Salamanca

O grupo de excursionistas ordenses posa na Praza Maior de Salamanca.

A viaxe programada polo departamento de Servizo Sociais do Concello de Ordes resultou todo un éxito

Un grupo de veciños e veciñas de Ordes tiveron ocasión de disfrutar e coñocer recentemente da cidade de Salamanca grazas á viaxe organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello. A catedral desta fermosa cidade e a  praza maior (na imaxe) foron dous dos emplazamentos que máis gustaron aos visitantes. 

O programa de viaxe tamén incluía unha visita a La Alberca, situada na sierra de Francia. Alí, os excursionistas ordenses puideron percorrer as principais rúas desta típica vila e disfrutar da natureza e dun bo embutido castelán.

*

O novo tramo da ronda leste podería estar listo para finais de abril

O Concello busca datas coa Xunta de Galicia para que sexa inaugurado por Núñez Feijóo


O desexo de Manuel Regos sería facela coincidir coa tamén inauguración de Expo Ordes 


A inauguración do novo tramo da ronda leste prevista para este mes de marzo se atrasará unhas semanas máis, ata finais do próximo mes de abril. Así viuno a confirmar esta mañán fontes do Goberno do Concello de Ordes a Ordessiete. A principal causa deste retraso pasa polo desexo do Goberno de Manuel Regos de que esta nova infraestructura sexa inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Neste momento, tanto unha como outra Administración se atopan confrontando axendas co obxectivo de dar cunha data idónea na que sería a primeira visita oficial a Ordes de Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia dende o seu nomeamento no mes de abril do 2009. 

Segundo esas mesmas fontes consultadas, a primeira data coa que traballan tanto Xunta como o Concello sería a da mañán do venres, 27 de abril. De pechar esta data, o presidente da Xunta inauguraría, nunha mesma xornada, taanto o novo tramo da ronda leste como o recinto feiral de Expo Ordes.

Outras datas alternativas
Se ben aquela foi a data prioritaria que o Concello de Ordes transmitiu á Presidencia da Xunta de Galicia, tamén outras alternativas que non trascenderon chegaron dende Ordes ata os despachos de Monte Pío. 


A última palabra desta cita de Alberto Núñez Feijóo cos ordenses a ten agora o gabinete da Presidencia da Xunta de Galicia.     

*

Fomento cede ante Regos e Pedreira e permite o acceso cara a vila dende o centro comarcal

Dous operarios esta mañá repintando a liña central da N-550 ao seu paso polo centro comarcal.

Xesús Pedreira: "É de celebrar a prontitude coa que se deu resposta ás nosas demandas"

Volta atrás. O polémico repintado da N-550 ao seu paso polo centro comarcal foi correxido esta mañá por operarios do Ministerio de Fomento, permitindo de novo o acceso sur-norte dende a N-550 cara o centro comarcal e dende este á vila de Ordes cara norte. 

A Agrupación Socialista de Ordes celebrou a decisión do Ministerio logo da solicitude que fai unha semana realizara o seu concelleiro, Xesús Pedreira, recollendo o malestar da veciñanza de Ordes diante dos perxuizos causados pola nova sinalización. Tamén o alcalde, Manuel Regos, mostrou o seu desacordo con esta decisión ministerial na xuntanza que mantivo o pasado mércores con Ángel del Río, xefe de Demarcaciones de Carreteras del Estado en Galicia, quen ademais comprometeuse a coñecer, logo da Semana Santa, a situación da N-550 ao seu paso por Ordes e visitar tamén os enlaces da estrada nacional co polígono industrial de Merelle coa ronda leste.

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Eran moitos os veciños e veciñas de Ordes que se veían perxudicados por un cambio que non tiña sentido, polo que é de celebrar a prontitude coa que se deu resposta ás nosas demandas”

*

jueves, 29 de marzo de 2012

O crédito sindicado de Rajoy pon o Concello de Ordes ao borde dun ataque de nervios

Fachada leste da Casa do Concello de Ordes.
Moitas incidencias enchen un expediente que mañá, nun sentido ou noutro, quedará resolto


De ser aprobado, a última palabra sobre eses 2,7 millóns de euros a ten o ministerio de Cristóbal Montoro


O cumplimento de todos e cada un dos requisitos que o Goberno de España obriga aos concellos que pretendan acollerse ao crédito sindicado que lles permitirá abonar as súas facturas pendentes de pago, está a volver tolos aos concelleiros, alcalde e interventor do Concello de Ordes. O máis importante obxectivo é, dende logo, que os provedores estean cobrando as súas facturas en torno ao mes de maio, polo que os esforzos do Concello de Ordes por seguir puntillosamente o procedimento administrativo lles está esixindo roubar horas de soño amén dunha atención exquisita a cada párrafo do decreto lei. 


Aínda con esas, o expediente está a resultar cheo de incidencias que confiamos cheguen a bo porto. Mañá quedará, nun sentido ou noutro, resolto para ben ou para mal. Unha vez se aprobe, o Ministerio de Cristóbal Montoro terá a última palabra

Cronograma
29 septembro 2011. O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, presenta unha moción no pleno municipal solicitando ter acceso á información detallada "de todas as facturas pendentes de pago". O pleno aproba a medida polo voto favorable da maioría dos seus membros.


Manuel Regos, alcalde de Ordes
22 de febreiro. O alcalde de Ordes, Manuel Regos, declara a Ordessiete que o Concello de Ordes podería acollerse ao crédito que o Goberno de España ultima para financiar as débedas municipais dos concellos de España.


24 de febreiro. O Goberno de España aproba o Real Decreto-lei 4/2012, polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiamento para o pagamento a provedores das entidades locais. 


26 de febreiro. Entra en vigor o Real Decreto-lei 4/2012.


7 de marzo. O Concello de Ordes confirma que se acollerá ao crédito sindicado do Ministerio de Facenda de abono de débedas municipais a provedores mediante crédito.


O portavoz municipal do PP de Ordes, Martínez Sanjurjo.
14 de marzo. O PSdG-PSOE, BNG e CideGa solicitan a Manuel Regos que cambie a data de celebración do pleno municipal por coincidir coa xornada na que está convocada unha folga xeral.


Manuel Regos acepta a proposta de mudar a data de celebración do pleno. Do xoves 29 ás 20:00 horas se pasa á nova data do venres, 30 ás 09:00 horas. Ese pleno deberá aprobar o plan de axuste de pagamento das débedas municipais.


15 de marzo. Data límite para remitir ao Ministerio de Facenda a relación certificada de todas as obrigas do Concello de Ordes pendentes de pago. 


16 de marzo. O grupo municipal do BNG solicita ao Goberno municipal o acceso a unha relación detallada e xustificada dos gastos que se pretenden incluir na liña de crédito habilitada por Facenda.


18 de marzo. O grupo municipal do PP de Ordes solicita ter acceso á relación de facturas pendentes de pago.


21 de marzo. O grupo municipal do BNG denuncia que o Goberno municipal segue sen facilitarlles esa información.  


22 de marzo. Os concelleiros de Ordes reciben a convocatoria para unha reunión da Comisión Informativa Permanente de Contas e Facenda sinalada para o 27 de marzo ás 09:15 horas. O único punto da orde do día facía referencia ao dictame favorable e aprobación, se procede, do plan de axuste elaborado polo interventor municipal.


Se da a coñecer a cantidade pola que o Concello de Ordes solicitará o crédito sindicado: 2,7 millóns de euros.


23 de marzo. O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, pídelle aos acredores municipais que vaian comprobar se a súa factura está na lista enviada ao Ministerio.


Manuel Regos cita a Gonzalo Castro o martes 27 de marzo ás 11:00 horas para revisar as facturas enviadas ao Ministerio de Facenda. 


25 de marzo. O Goberno municipal do Concello de Ames publica na súa web a relación de facturas pendentes de pago. Martínez Sanjurjo pide que o Concello de Ordes faga o mesmo. 


Gonzalo Castro, do BNG de Ordes. 
27 de marzo. A Comisión Informativa Permanente de Contas e Facenda do Concello de Ordes reúnese sen dar traslado aos seus integrantes dunha copia do plan de axuste elaborado polo interventor municipal . Varios concelleiros abstivéronse de votar "por non ter información para tomar unha posición". O presidente da Comisión afirma que a documentación referida será remitida coa convocatoria oficial do pleno ordinario. Ao final da Comisión, convócase pleno ordinario para o venres 30 ás 08:00 horas.  


Os concelleiros reciben por correo electrónico a convocatoria de pleno ordinario ás 14:19 horas coa documentación e os antecedentes relativos a todo os puntos da Orde do día, excepto a documentación relativa ao citado plan de axuste.


28 de marzo. Gonzalo Castro presenta no rexistro do Concello de Ordes dous escritos nos que solicita 1) que se poña a disposición dos concelleiros relación certificada de facturas remitidas ao Ministerio de Facenda; 2) que se convoque unha nova reunión da Comisión que inclúa a documentación a examinar; e 3) se convoque un novo pleno que respecte o requisito legal de por a disposición dos concelleiros a documentación íntegra que sirva de base ao debate "desde o mesmo día da convocatoria" na Secretaría da Corporación.


O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, ten acceso á relación de facturas e alerta da débeda de máis de 600.000 euros a Fenosa.


O gabinete de prensa do Concello de Ordes divulga a data e hora do pleno ordinario do mes de marzo: venres 30 ás 08:00 horas


29 de marzo. A última hora da mañá, Manuel Regos convoca un pleno extraordinario para o venres 30 de marzo ás 07:30 horas.


*

Regos convoca un pleno extraordinario ás sete e media da mañán

Comunicación remitida hoxe polo Goberno municipal do Ordes dando conta da convocatoria de pleno extraordinario.
Se debatirá a aprobación do plan de axuste para pagar os 2,7 millóns de euros de débedas municipais

A última hora da mañá de hoxe, o Goberno municipal fixo pública a convocatoria dun pleno extraordinario para mañá venres ás 07:30 horas. A orde do día contempla a aprobación do plan de axuste por 2,7 millóns de euros elaborado polo interventor municipal, e que será remitido ao Ministerio de Facenda logo da súa aprobación mañá pola corporación municipal.

*  

miércoles, 28 de marzo de 2012

O PP alerta da débeda municipal con Fenosa: 605.258,69 euros

Martínez Sanjurjo apunta que o crédito de 2,7 millóns de euros suporá o abono duns intereses de preto de 900.000 euros

O Partido Popular de Ordes ven de informar que entre as facturas por un valor total de mais de 2,7 millons de euros que o Concello de Ordes pretende pagar aos proveedores acolléndose á liña de crédito para entidades locais habilitada polo Ministerio de Facenda, figura unha suma de 605.258,69 euros correspondentes á débeda que o Goberno local mantén con Fenosa, outra de 223.428,40 euros coa empresa encargada dos servizos de mantemento e obras eléctricas no municipio, e a suma de 32.581,10 euros pendente de pago as estacións de servizo en concepto de combustible, segundo se desprende da revisión efectuada polo Partido Popular aos varios centos de facturas postos a súa disposición en oito lotes na secretaría municipal.

O PP considera que elevado volume desta débeda coa eléctrica pon de manifesto a desidia e a irresponsabilidade que ven caracterizando a xestión económica do Concello de Ordes, que optou por incorrer en gastos multimillonarios, moitas veces para proxectos innecesarios e non demandados, sen contar co crédito necesario e ignorando o pagamento dos servizos máis esenciais.

Facturas de restaurantes
Sen embargo a revisión das facturas que o Concello de Ordes presentará ao Ministerio de Fecenda se atopan 6.400 euros que o Concello de Ordes debe a tres restaurantes do municipio. En opinión de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes, que o Goberno de Regos teña que pedir un crédito para pagar as facturas de restaurantes constitúe unha indecencia que atenta contra a dignidade dos veciños aos que o Concello cobra impostos sen ofrecer servizos esenciais a cambio.

O Partido Popular de Ordes recorda que o crédito de 2,7 millóns de euros que o Concello solicita ao Ministerio de Facenda se suma a outras débedas formalizadas anteriormente con diferentes entidades financieras, polo que o importe total de todos os créditos pendentes deste Municipio pode roldar os dez millóns de euros. Este feito resta calquera capacidade de manobra e de investimento ao Goberno local,  tanto na actual lexislatura como nas posteriores. É dicir, todos os  ingresos que poda ter o Concello irán destinados ao pagamento de débedas, anulando así a posibilidade de incorrer en outros investimentos.

Como exemplo, sempre segundo o PP de Ordes, o crédito de 2,7 millóns de euros que o Concello se dispón a formalizar supoñerán uns intereses de máis de 840.000 euros, elevando o importe total desta nova débeda a 3,6 millóns de euros.

*

Gonzalo Castro denuncia "fraude" nas facturas do Concello pendentes de pago

O nacionalista asegura que faltan 400.000 euros da relación remitida a Facenda

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, denunciou hoxe que o alcalde Manuel Regos "está a cometer unha auténtica fraude coa tramitación das facturas pendentes de pago por parte do Concello a incluir no fondo para o pago aos proveedores”.

Castro sinalou que “para poder acceder ao fondo para o pago aos proveedores, a lei obriga ao Concello a remitir unha relación certificada de todas as obrigacións pendentes de pago ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, antes do 15 de marzo de 2012”.

O portavoz nacionalista lembrou que “esta relación certificada de todas as facturas pendentes debería ter sido levada ao pleno da corporación local, tal e como esixe a lei, para dar conta detallada da mesma, cousa que o alcalde non fixo en ningún momento, intentando esconder esta información, por intereses inconfesables”.

Exame das facturas
O portavoz do BNG lembrou que “o BNG solicitou reiteradamente o acceso á relación certificada remitida ao Ministerio de Facenda, mais finalmente, o único que se lle permitiu pola alcaldia foi examinar múltiples facturas almacenadas en caixas, sen aportarlle copia da relación certificada remitida pola intervención ao Ministerio de Facenda”

Para Castro, esta actitude do alcalde só buscaba un obxectivo “esconder gastos de difícil xustificación, cunha actitude evidentemente fraudulenta, como o demostra o feito de que que nas facturas que se deixaron examinar ao BNG faltaban máis de 400.000 euros con respecto á relación certificada que se ten remitido a Facenda”.

O portavoz nacionalista salientou que “ao pretender esconder facturas, que sospeitamos que serán de difícil xustificación, o alcalde pon en perigo o cobro por parte dos proveedores das facturas legais e totalmente xustificadas, o que constitue un comportamento absolutamente intolerábel”.

*

O pleno municipal deberá refrendar este venres o crédito de 2,7 millóns que se pedirá a Facenda

Tamén se abordará o expediente de rescisión de contratos de concesión da praza de abastos 

Este venres 30 de marzo, a partires das 08:00 horas, terá lugar o pleno ordinario da corporación municipal de Ordes  correspondente ao mes de marzo. 

Entre os puntos destacados da orde do día aparece a aprobación do plan de axuste elaborado pola intervención municipal, a través do que se solicitará un crédito de 2,7 millóns de euros dentro do plan estatal de pagamento a proveedores. Tamén se abordará o expediente de rescisión de contratos de concesión da praza de abastos ou a ordenanza reguladora de ficheiros de datos persoais.

*

O responsable do pintado das estradas do Estado "non descarta" unha intersección na N-550

Ángel González del Río visitará proximamente a vila de Ordes

A obra afectaría a estrada nacional á altura do IES Maruxa Mallo

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, mantivo esta mañá un encontro co xefe de Demarcaciones de Carreteras  del Estado en Galicia, Ángel González del Río, no que abordaron as molestias entre a veciñanza que está a causar o repintado da N-550 ao seu paso por Ordes. Segundo informa o Concello de Ordes, González del Río "non descarta" poder acometer unha posible intersección na N-550 á altura do IES Maruxa Mallo.

González Del Río comprometeuse a visitar o municipio despois da Semana Santa e comprobar de primeira man aqueles puntos máis polémicos. Neste sentido, destaca o paseo de Iván Raña á altura do IES Maruxa Mallo, do centro comarcal e da piscina municipal onde o Ministerio de Fomento trazou unha liña contínua que imposibilita a incorporación de calquera tipo de vehículo no carril cara a Ordes. Non é o único punto problemático xa que o manterse liña continua dende Ordes ata Santa Cruz de Montaos, algúns lugares da zona ven como os conductores están obrigados a dar varios rodeos antes de chegar a elas.

Ronda leste
A próxima visita do responsable ministerial servirá tamén para darlle a coñecer os puntos de enlace co polígono industrial de Merelle tanto dende a N-550 como dende a rolda leste que será inaugurada en breve.


*

martes, 27 de marzo de 2012

O BNG rechaza que o Concello renuncie a facer investimentos con recursos propios até 2015

Esta renuncia é recoñecida pola intervención municipal no Plan de Axuste elaborado para acceder ao crédito de Facenda

Castro: "Perto do 90% das cantidades pendentes de pago son a empresarios e autónomos de Ordes"

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, advertiu hoxe que “o goberno municipal de Ordes ten renunciado a facer investimentos con recursos propios, tal e como se recoñece no plan de axuste eleborado pola intervención municipal para aceder á liña de crédito habilitada polo Ministerio de Facenda para o pago a proveedores”.

O portavoz nacionalista salientou que “a intervención municipal recoñece no plan de axuste, que o goberno municipal de Ordes renuncia á posibilidade de facer investimentos con recursos propios, como mínimo até o ano 2015”.

Gonzalo Castro fixo fincapé no rechazo do BNG “á posibilidade de que se condene aos veciños e veciñas de Ordes a sufrir un deterioro nos servizos públicos como consecuencia da renuncia do goberno municipal a facer investimentos de aquí ao 2015, xa que é precisamente agora, nun momento de crise cando hai que buscar fórmulas que permitan atender as necesidades dos veciños, como a cooperación entre as distintas administracións”.

Para o portavoz do BNG, “a xestión do actual alcalde deixa un triste récord para o Concello de Ordes, o de ser o Concello máis endebedado de toda Galiza, como o demostra a solicitude para financiar a través do Ministerio de Facenda case 2,8 millóns de euros de débeda cos proveedores, situando a Ordes á cabeza dos concellos galegos que solicitan acceder a esa liña de crédito, cunha petición de crédito que se achega aos 215 euros por habitante, e que só constitue a punta do iceberg da débeda total do Concello, que se achega aos 11 millóns de euros, ou, o que é o mesmo, a perto dos 800 euros por habitante”.

Consulta das facturas
O BNG examinou esta mañá as facturas pendentes de pago que se incluirán na solicitude do Concello de Ordes para acceder ao crédito habilitado por Facenda para ao pago aos proveedores e constatou, segundo Castro, “a suntuosidade, a improvisación e a irresponsabilidade coa que veu gastando o diñeiro o actual goberno municipal, un goberno que pasou catro anos en total e absoluta campaña electoral, un goberno que poderíamos definir como o goberno das “carpas e da venda de fume”, mais, curiosamente, no montante total da débeda do Concello de Ordes, non son as facturas destinadas a sufragar servizos públicos esenciais as que máis abundan, isto constitue a triste constatación da nefasta política deste goberno municipal”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Case un 90% das facturas pendentes de pago por parte do Concello de Ordes, proveñen de servizos prestados por autónomos, profesionais e pequenos e medianos empresarios do noso concello, empresas que non participaron nos investimentos máis elevados que se realizaron nos últimos anos en Ordes e que, ainda por riba, sufriron a discriminación de ver os seus pagos máis retrasados que os pagos a empresas de fora do noso municipio”.

*

'Conto de cores', este venres na biblioteca municipal de Ordes

Momento dunha sesión de contacontos na biblioteca de Ordes durante o pasado mes de febreiro.

Se trata dunha actividade enmarcada dentro do programa 'Tardes de contos e lendas'

'Conto de cores' é o título do espectáculo infantil que terá lugar o vindeiro venres 30 na biblioteca municipal de Ordes a partir das 18:30 horas. Esta actividade enmárcase dentro do programa de animación á lectura 'Tardes de contos e lendas', unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos así coma os seus pais ou coidadores. 

Os últimos venres de cada mes dende a biblioteca organízase unha sesión de contacontos coa que se pretende fomentar tanto o hábito á lectura como a utilización deste espacio.

*

O PSOE de Ordes solicitará que a Xunta pague os gastos de mantemento do ensino ordense

A medida afectaría aos centros Castelao, Campomaior, Mesón do Vento, Santa Cruz, Parada, Merelle e Beán

A Agrupación Socialista de Ordes vai presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria deste venres na que solicita sendas entrevistas urxentes co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, para esixir a asunción dos gastos de conservación, limpeza, mantemento e vixianza dos centros de ensino primario por parte da Consellería de Educación e Educación Universitaria.

Un claro exemplo do incremento destes gastos está na factura eléctrica. Inicialmente, os concellos facíanse cargo unicamente dos gastos de luz dos centros educativos, mentres que a Xunta de Galicia corría cos gastos do gasoil para as caldeiras da calefacción. “Ao cambiar a un sistema de calefacción eléctrico, as aportacións que tiña que facer a Xunta de Galicia pasaron automaticamente á conta de municipios como Ordes”, sinala Xesús Pedreira.

No caso de Ordes, esta petición suporía que a Xunta de Galicia asumise os gastos nos colexios Castelao, Campomaior e Mesón do Vento; así como das escolas unitarias de Santa Cruz, Parada, Merelle e Beán.

Xesús Pedreira Mirás.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Os concellos están na actualidade asumindo un gran esforzo económico para o mantemento dos edificios dos centro de ensino, uns gastos que cada vez son máis elevados mentres que os recursos dos que dispoñen os concellos son cada vez menores

*

lunes, 26 de marzo de 2012

Novo curso de lingua galega para obter o Celga 2

A concelleira delegada de Educación de Ordes, Silvia Marín, cun grupo de alumnos do curso de lingua galega.
As clases desenvólvense nas aulas da Casa da Cultura da vila de Ordes

O Concello de Ordes ven de iniciar un novo curso de lingua galega no que participan alumnos de diversas idades e nacionalidades. Esta iniciativa, desenvolvida conxuntamente co Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia lles permitirá presentarse ás probas de obtención do nivel Celga 2. As clases desenvolveranse ata o próximo mes de xuño nas aulas das Casa da Cultura da vila de Ordes.

*

Expo Ordes 2012

domingo, 25 de marzo de 2012

O PP de Ordes insta ao Concello a publicar na web as facturas enviadas a Facenda

Martínez Sanjurjo considera necesario este exercicio de transparencia, que tamén evitaría que os interesados perdan tempo acudindo en persoa á Casa do Concello 

O Partido Popular de Ordes instou hoxe ao Concello a por a disposición na web municipal a relación de facturas enviadas ao Ministerio de Facenda no marco do plan de pagamento a proveedores habilitado polo Goberno central.

A proposta do portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, xa foi aplicada en concellos como Ames e ofrecería unha triple vantaxe: sería un exercicio de transparencia nunha administración local extremadamente opaca, como a de Ordes; facilitaría o acceso á información aos proveedores interesados, evitanto que teñan que desprazarse persoalmente ás oficinas municipais para comprobar se as súas facturas foron ou non enviadas ao Ministerio de Facenda; e axiliaría a consulta desta documentación por parte dos grupos políticos municipais, que teñen sido citados individualmente, coa conseguinte carga de traballo para os funcionarios municipais.

Solicitude formal
Martínez Sanjurjo adianta que de non poñerse a disposición as facturas na web municipal nos vindeiros días, o Partido Popular formulará unha solicitude formal no vindeiro Pleno. O PP local subliña que publicar a relación de facturas enviadas a Facenda non implica contratempo algún para o Concello, dado que non existen máis limitacións que as derivadas da lexislación en materia de protección de datos.

*

viernes, 23 de marzo de 2012

O PP pídelle aos acredores do Concello que miren se están incluídos no 'excel' enviado a Madrid

Martínez Sanjurjo: "Os provedores poden e deben acudir ao Concello, que está obrigado a atendelos"

As facturas non incluídas poderán ser reclamadas logo de solicitar un certificado individual

O Partido Popular de Ordes animou hoxe aos diferentes provedores do Concello de Ordes a que acudan á Casa do Concello para comprobar se o Goberno local incluíu ou non as facturas pendentes de pago na relación enviada ao Ministerio de Facenda de cara a ser aboadas de forma inminente.

O Partido Popular recorda que, a partir de agora, os provedores que teñen pagos pendentes de cobrar, con facturas rexistradas antes do 1 de xaneiro do 2012, "poden e deben acudir ao Concello, que está obrigado a atendelos", para informarse se as súas facturas están incluidas na relación enviada ao Ministerio de Facenda.

José Luis Martínez Sanjurjo.
Certificado individual
O PP de Ordes informou tamén que os provedores que non consten nesa lista poden solicitar ao Concello que emita un certificado individual nun prazo máximo de quince días. Se pasado ese prazo non existise resposta por parte do Concello, entenderase recoñecido o dereito ao cobro das cantidades adebedadas por silencio administrativo.

De acordo coa informacion facilitada polo Ministerio de Facenda, os concellos terán que comunicar, nos cinco primeiros días dos meses de abril e maio, os certificados rexeitados e non contestados. Deste xeito, o Goberno central efectuará dúas revisións, tamén neses meses e deses datos.

*

Regos permitirá a Castro ter acceso á relación de facturas pendentes de pago

O alcalde recibirá ao portavoz nacionalista este martes ás 11:00 horas

portavoz municipal o BNG de Ordes, Gonzalo Castro, foi citado hoxe polo alcalde de Ordes, Manuel Regos, para o vindeiro martes 27, ás 11:00 horas, a fin de poñer á súa disposición á información relativa ao listado de facturas impagadas polo Concello de Ordes.

Esta citación do alcalde prodúcese logo de que o portavoz nacionalista solicitase por escrito esta información e advertise ao alcalde da obriga legal de facilitar o acceso á mesma, reiterando que “o alcalde debía facilitar inmediatamente o acceso do BNG á información solicitada, de acordo co disposto no artigo 77 da Lei de Bases de Rexime Local e no artigo 14 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Corporacións Locais”, segundo manifestou o portavoz do BNG.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O verdadeiramente importante é que no noso Concello exista vontade de actuar con transparencia á hora de gobernar, xa que aos veciños non se lles pode ocultar información, se isto fose así non faría falta recurrir a imperativos legais para que existise transparencia nunha información tan importante como a relación detallada e xustificada dos gastos que se pretenden incluir na liña de crédito habilitada por Facenda para, supostamente, garantir o pago das débedas aos proveedores

*

Regos, contrario á nova sinalización da N-550

A nova sinalización obriga a chegar á gasolineira das Casillas para xirar dende o centro comarcal cara Ordes.
O alcalde manterá unha xuntanza co xefe de marcación de Estradas de Galicia para tratar de solventar estes perxuizos 

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, manterá unha entrevista o vindeiro mércores 28 de marzo co xefe de marcación de Estradas de Galicia, Ángel del Río. O obxectivo deste encontro pasa por abordar o polémico repintado da N-550 ao seu paso polo municipio realizado nos últimos días. Neste sentido o primeiro edil puso en coñecemento do Ministerio de Fomento os perxuizos que o cambio de sinalización a está a causar nalgúns puntos concretos do vial.

Neste sentido destaca o Paseo de Iván Raña á altura do IES Maruxa Mallo, do Centro Comarcal e da piscina municipal onde o Ministerio de Fomento trazou unha liña contínua que imposibilita a incorporación de calquera tipo de vehículo no carril en dirección norte cara Ordes. Deste xeito, autobuses escolares e coches particulares deben percorrer medio quilómetro en dirección contraria ata chegar ao desvío da gasolineira de As Casillas e dende aí, xirar cara á vila. Non é o único punto problemático xa que o manterse liña continua dende Ordes ata Santa Cruz de Montaos, algunhas aldeas da zona ven como os conductores están obrigados a dar varios rodeos antes de chegar a elas.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Espero poder solventar este tipo de dificultades o antes posible, sobre todo tendo en conta o importante que é este tramo de entrada a Ordes tanto pola presenza de centros educativos, deportivos e culturais que alí se atopan, como pola cantidade de tráfico que diariamente transita polo mesmo”

*

Xesús Pedreira pide que se volva á anterior sinalización da N-550

Tal como se aprecia, a línea contínua non permite cruzar aos vehículos á dereita, direción norte da N-550. 
O repintado prohíbe a saída dos vehículos da piscina municipal e do IES Maruxa Mallo cara Ordes

O concelleiro socialista considera que o cambio feito polo Ministerio de Fomento  "non ten sentido, pois o xiro fíxose sempre con total seguiridade"


A Agrupación Socialista de Ordes presentará por vía de urxencia unha iniciativa para o seu debate no próximo pleno ordinario do 30 de marzo sobre os perxuizos causados aos veciños pola nova sinalización horizontal da N-550 ao seu paso polo municipio. O concelleiro Xesús Pedreira sinala que “onte mesmo repintaron a Nacional entre Ordes e Santa Cruz de Montaos e cambiaron a sinalización horizontal en varios puntos que perxudican a mobilidade dos veciños de Ordes”.

O maior problema ten lugar no Paseo de Iván Raña, na recta de entrada a Ordes (sentido A Coruña), onde Fomento decidiu prohibir a incorporación de vehículos cara a Vila de Ordes dunha zona onde están ubicados o IES Maruxa Mallo, a piscina municipal e o centro comarcal. Deste xeito, os autobuses escolares e os vehículos dos particulares que recollen aos cativos no instituto ou que utilizan as instalacións da piscina municipal non poderán volter directamente cara a Vila de Ordes, senón que terán que circular máis de medio quilómetro por un vial de servizo ata gasolineira de As Casillas, dende onde poderán voltar cara Ordes.

O concelleiro socialista considera que este cambio “non ten sentido, pois ese xiro fíxose dende sempre con total seguridade, pois a visibilidade que hai nese punto do Paseo de Iván Raña é total en ambos sentidos”. Unha visibilidade que é incluso mellor que a existente no lugar de As Casillas, onde agora os vehículos vense obrigados a facer o cambio de sentido.

Xesús Pedreira Mirás.
Volver á anterior sinalización
Ademais, gran parte do repintado realizado polo Ministerio de Fomento entre Ordes e Santa Cruz de Montaos mantén a liña continua, o que dificulta o acceso a algunhas localidades da zona. “Ao facer liña continua dende Guindiboo de Abaixo ata Santa Cruz están impedindo o acceso ás pistas que levan a aldeas como Queis e obrigan aos conductores a ter que dar rodeos de varios quilómetros cando son xiros que se facían dende sempre e non causaban problema algún”, sinala Pedreira Mirás.

O concelleiro socialista solicitará ao pleno municipal que inste ao Ministerio de Fomento a reestablecer a sinalización horizontal preexistente na N-550 e que este tipo de cambios se comuniquen con tempo para evitar perxuizos aos veciños.

*