viernes, 13 de abril de 2012

Pachi Vázquez: "O Goberno de Feijóo non mira polos gandeiros de Ordes"

Momento da charla de Pachi Vázquez onte con gandeiros, afiliados e simpatizantes socialistas de Ordes. 

Xesús Pedreira lembrou que os socialistas de Ordes “fomos os primeiros en conseguir levar a Pleno iniciativas contra a seca que agora se presentarán no resto dos municipios de Galicia”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, anunciou onte en Ordes a presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias e nos concellos en apoio do sector agrogandeiro “con medidas estruturais, non limosnas”. Un anuncio realizado durante a súa visita onte xoves a unha explotación leiteira en Trazo e reiterado minutos despois nunha xuntaza con máis de corenta representantes do sector gandeiro e concelleiros socialistas da comarca de Ordes.

O líder dos socialistas galegos avanzou que esas medidas deben concretarse en préstamos a interese do cero do IGAPE, do que o líder dos socialistas criticou que deixara o 70% do diñeiro destinado a axudas sen adxudicar; a consecución dun gran acordo polo Grupo Lácteo Galego; e a posta a disposición de terras para a súa explotación agrogandeira, logo de constatar que existen zonas do país co 80% da terra desaproveitada.

Contra a seca 
Un punto no que coincidiu o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, encargado de presentar a Pachi Vázquez no acto celebrado no restaurante El Túnel de Ordes. Pedreira Mirás lembrou que “os socialistas de Ordes fomos os primeiros en conseguir levar a Pleno iniciativa contra a seca, que agora se presentarán no resto dos municipios de Galicia”.

Xesús Pedreira explicou que para unha explotación leiteira media o sobrecusto provocado pola seca ascende a uns cinco céntimos por cada litro de leite producido, o que supón uns gastos de 10.000 euros máis ao ano. “Ordes é un dos municipios máis afectados, debido á importancia que ten o seu sector gandeiro, especialmente nas parroquias de Barbeiros, Lesta, Parada e Vilamaior”, explica Xesús Pedreira, quen indica que “hai moitas explotacións moi perxudicadas e algunhas mesmo perderon toda a forraxe que tiñan”.

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes destacou o apoio unánime conseguido no pleno municipal ordense ao paquete de medidas destinadas a paliar esta situación e que implican ás administracións autonómica e central. “As máis inmediatas serían solicitar a apertura dunha liña de financiamento ao 0% a través do IGAPE para a compra de forraxe para alimentación do gando, así como a condonación das cotas da Seguridade Social dos profesionais do sector durante seis meses”, sinala Pedreira Mirás.

Ademais, a proposta dos socialistas ordenses solicitaba o incremento do límite de axudas baixo o réxime de mínimis ata os 15.000 euros e a convocatoria da Mesa do Leite, na que se debatería sobre o diferencial de prezos existente entre as explotacións galegas e as do resto do Estado. Finalmente, os socialistas solicitaban que a redacción dun convenio coas entidades financeiras para que se poda cobrar a PAC no momento no que se solicita e a publicación da “Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria”, que deberá incluir a figura do “árbitro” (mediador ao que poderían recorrer as partes no caso de non chegar a un acordo) e un “prezo de referencia”, que se poida aplicar mentres non se alcanza un acordo.

Colaboración dos gandeiros 
Durante o debate de ideas que mantivo cos gandeiros e concelleiros socialistas da comarca de Ordes, Pachi Vázquez instounos a “que miren o que lles pasou en tres anos” de Goberno de Núñez Feijóo, “o goberno non mirou para eles” a pesares de ser “os anos da maior seca desde que hai rexistros”. Para Vázquez “non vale con dicir que isto o ten que arranxar Europa ou Madrid”, para o máximo responsable do socialismo galego o agro e a gandería é “unha cuestión nosa, que temos que arranxar aquí”, e afirmou que as mulleres  e homes do agro sempre atoparan ao seu carón aos socialistas.

Na xuntanza estiveron presentes unha trintena de gandeiros da comarca de Ordes, así como concelleiros socialistas de Ordes, Oroso, Trazo, Tordoia, Frades e Cerceda. Así mesmo, estiveron presentes o alcalde socialista de Mesía, Mariano Iglesias; o coordinador comarcal do PSOE, Antonio Leira; o secretario de Organización do PSdeG, Pablo García; e os deputados autonómicos Silvia Fraga e José Luís Méndez Romeu.

 *