viernes, 31 de agosto de 2012

Ordes despide o verán clausurando os cursos de natación



Os concelleiros Roberto e Lucía Iglesias, e Luis Gómez Candal entregaron os diplomas 

Esta mañá clausuráronse os cursos de natación que o Concello de Ordes desenvolveu ó longo dos últimos dous meses. Partidos de waterpolo, xincanas, guerras de globos, e moitas máis actividades tiveron lugar na piscina municipal. 

Alí estiveron tamén os concelleiros delegados de Deportes, Diversidade Funcional e de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible, Roberto Iglesias, Lucía Iglesias e Luis Gómez Candal

Piscina aberta ata o 15 de setembro
Precisamente eles foron os encargados de facer entrega das medallas e diplomas a máis de medio cento de nenos e nenas que asistiron a estes cursos, tanto nas modalidades de iniciación como de perfeccionamento. Ata ao vindeiro 15 de setembro todos os que queiran poderán seguir facendo uso da piscina municipal de Ordes.

*

O Compos se proclama en Ordes campión da Supercopa Deputación

A plantilla da S.D. Compostela, vencedora da Supercopa Deputación.

Os composteláns venceron aos penaltis ao Silva logo de rematar con empate a tres goles

A S. D. Compostela proclamouse onte campión da Supercopa Deputación ó vencer ó Silva no campo de Vista Alegre de Ordes. O campo ordense acolleu unha final que media hora antes do seu final parecía sentenciada a favor do Compos que vencía por 3 a 0. Dous destes tantos foron marcados por Louro e outro por Tachi

Pero minutos antes do pitido final o marcador reflexaba un empate que se tivo que resolver na rolda de penaltis. A victoria supón, ademais do trofeo, 2.000 euros para o equipo gañador.

Representantes do Concello e Deputación
Nas gradas da cidade deportiva de Vista Alegre estiveron presentes a primeira tenente alcalde, Silvia Marín, e o concelleiro de Deportes, Roberto Iglesias. Ambos dous acompañaron a Manuel Taboada, representante por parte da Deputación da Coruña, encargado de entregar a copa ós vencedores desta competición.


Unha gran festa despide as actividades de conciliación familiar deste verán



Cada verán, o Concello de Ordes organiza esta iniciativa co fin de facilitar ás familias o coidado dos pequenos durante as súas  vacacións 

Cunha gran festa onde non faltaron os xogos, a diversión e ata as batallas con pistolas de auga esta mañá os nenos e nenas de Ordes despedíronse das actividades de conciliación familiar. Os monitores desta nova edición das escolas de verán foron os encargados de facerlle entrega a  todos eles dos seus diplomas acreditativos. 

Actividades lúdicas e didácticas
Cada verán o Concello de Ordes organiza esta iniciativa co fin de facilitarlle ás familias do municipio o coidado dos máis novos da casa durante as súas  vacacións estivais. Actividades de carácter lúdico e didáctico ocuparon durante estes meses as horas centrais do día destes rapaces e rapazas, que convertiron o local social nunha particular aula. 

Todos eles tamén tiveron tempo de realizar distintas excursións polo exterior, ademais da realización de actividades e xogos nos distintos parques da vila de Ordes. 

*

A biblioteca de Ordes retoma o seu horario habitual de mañás e tardes


A sala estará disponible en horario de 08:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:00 horas

Logo do periodo estival, o próximo luns a biblioteca municipal de Ordes retomará o seu horario habitual, de 08:30 a 14.30 horas e de 15:30 a 20:00 horas. 

Según avanzan dende a dirección da biblioteca en breve farán público o calendario de actividades, así como o resto de novidades de cara á tempada de outono e inverno. 

*

miércoles, 29 de agosto de 2012

Roberto Iglesias e Silvia Marín, os concelleiros do Goberno mellor valorados polos nosos lectores

Silvia Marín e Roberto Iglesias, os concelleiros do Goberno de Ordes mellor valorados polos nosos lectores. 
Son os responsables das areas municipais de Deportes e Xuventude, Educación, Mantemento e Servizos

Unha recente enquisa de Ordessiete reflecta que Roberto Iglesias, cun 50 % dos votos, e Silvia Marín, cun 39 %, son os concelleiros membros do Goberno municipal de Ordes mellor valorados polos nosos lectores.

Roberto Iglesias estreouse como concelleiro de Ordes nas pasadas eleccións locais de maio do 2011, ocupando as concellerías delegadas de Deportes e Xuventude e a quinta tenencia de alcaldía. Silvia Marín, concelleira dende 2007, asume as delegacións de Educación, Mantemento e Servizos, así como a primeira tenencia de alcaldía do Concello de Ordes.

O peor valorado
Pola contra, o concelleiro do Goberno peor valorado polos nosos lectores foi Xosé Luis Gómez Candal, delegado de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible, con apenas un 2 % dun total de 49 votos rexistrados.  

*

Xogos e competicións deportivas pecharán este venres os cursos de natación de Ordes


Búsqueda do tesouro, partidos de waterpolo, xincanas, ou carreiras de sacos entre outros serán algunhas das probas

Este próximo venres finalizarán os cursos de natación impartidos polo Concello de Ordes na piscina municipal ubicada no Campo da Feira. A partir das 11:00 e ata ás 13:00 horas a piscina municipal acollerá unha serie de competicións e probas coas que se despedirán ditos cursos ata o vindeiro ano. Búsqueda do tesouro, partidos de waterpolo, xincanas, ou carreiras de sacos entre outros serán algunhas das competicións que os monitores teñen previstas.

Ao longo destes últimos dous meses, máis de medio cento de rapaces e rapazas de entre 3 e 16 anos aprenderon a nadar ou ben perfeccionaron o seu estilo con técnicas en cada un dos estilos. Durante cada xornada impartíronse un total de catro cursos de 45 minutos de duración, sendo de 30 minutos no caso dos máis pequenos.

Conciliación familiar
Por outra banda, tamén o venres concluirán as actividades de conciliación familiar levadas a cabo polo Concello de Ordes. Será a partir das 11.30 horas cando arranque a festa de clausura que terá lugar no local social e na que, ademáis de xogos e reparto de lambetadas, cada un dos asistentes recibirá un diploma.

*

sábado, 25 de agosto de 2012

O PP pide máis luz nocturna en Ordes


Os populares critican as "medidas de racionalización lumínica" postas en marcha polo Concello

O Partido Popular de Ordes informou onte de que durante o próximo pleno municipal defenderá unha iniciativa para instar ao Concello a aclarar os criterios que utiliza para racionalizar o consumo enerxético derivado da iluminación nocturna. Segundo os populares, "se  teñen constatado numerosas incoherencias, como o apagamento masivo de farolas en zonas que rexistran una elevada intensidade de tráfico, mentres permanecen acesos durante toda a noite puntos de luz en lugares con moi escasa ou nula circulación de vehículos e peóns".

Como exemplo da "falta de criterio" que segundo o PP de Ordes caracteriza as medidas de racionalización lumínica implantadas polo Concello de Ordes, o Partido Popular sinala o que está suceder no Mesón do Vento e outros núcleos do municipio "onde o Goberno local deixou sen servizo un elevado número de farolas, incrementado así o risco para condutores e viandantes, dada a elevada intensidade de tráfico que rexistra a estrada N-550 ao atravesar esta localidade".

Accidente na Piolla
O Partido Popular tamén denuncia o acontecido o pasado xoves, arredor das 22:30 horas na rotonda que enlaza a N-550 coa estrada de Betanzos, preto da Piolla. Nese punto rexistrouse accidente múltiple no que resultaron implicados tres vehículos. Aseguran os populares que "dada a ausencia de iluminación artificial, os implicados tiveron que iluminar a zona cos faros dos seus vehículos para poder cubrir os partes do accidente".

Para os populares de Ordes,  “despois da época de vacas gordas, na que Regos gastou e deixou a deber o que non tiña, agora apreta o cinto sen criterio, castigando, como sempre, aos veciños que non teñen culpa alguna dos excesos cometidos por un alcalde irresponsable e derrochador”.


martes, 21 de agosto de 2012

Castro e Pedreira, os líderes políticos de Ordes mellor valorados polos nosos lectores

Gonzalo Castro, o mellor valorado.
O lider do BNG é o único que aproba e a peor valorada é Ana Álvarez, de CideGa, cun 94 % de votos en contra

Os lectores de Ordessiete valoraron recentemente a labor dos principais líderes políticos de Ordes. 

O único que aproba é Gonzalo Castro (BNG): a súa labor é considerada como boa ou moi boa polo 45 % dos lectores votantes, mentres que o 33% pensa que a súa actividade está sendo mala ou moi mala. 


Pedreira, o segundo mellor valorado
Pedreira
O segundo mellor valorado é o socialista Xesús Pedreira, cun 24 % de votos a súa xestión como boa e moi boa fronte a un 61 % de mala ou moi mala. 

En término medio atópanse os líderes de PP e UxO, cunha valoración de boa ou moi boa de Manuel Regos polo 20 % dos votantes fronte ao 18 % de José Luis Martínez Sanjurjo (PP). 

Ana Álvarez, a peor valorada
Ana Álvarez, de CideGa.
Polo outro extremo, a labor de Ana Álvarez, de CideGa é a peor valorada polos nosos lectores. 

Un 94 % opinan que o seu traballo na Corporación municipal é malo ou moi malo fronte a unicamente o 1 % que opina que está sendo bo ou moi bo.




viernes, 17 de agosto de 2012

O Concello homenaxea ás irmás María e Adela Calvo Veiras, emigradas a Uruguai

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, xunto a María e Adela Calvo Veira, ordenses e emigradas a Uruguai.

O Día do Emigrante de Ordes celebra os seu trinta aniversario

Silvia Marín: "Atopámonos nun momento no que é preciso aunar esforzos"

No marco das celebracións das festas patronais de Santa María de Ordes, celebrouse onte o Día do Emigrante que dende fai trinta anos o Concello de Ordes celebra cada ano. Nesta ocasión foron protagonistas María e Adela Calvo Veiras, dúas irmáns naturais do lugar de Vilar, da parroquia de Ordes,  e emigradas a Uruguai

No centro, as homenaxeadas deste ano, naturais do lugar de Vilar, xunto ao alcalde e un grupo de concelleiros.
"Situación difícil"
A tenente de alcalde do Concello de Ordes, Silvia Marín, aseguro que “atopámonos nun momento no que é preciso aunar esforzos para solventar e superar unha situación difícil que afecta a empresas e familias”, tarefa apara a que se encomendou á figura de San Roque, patrón deste día de celebración e ó que tamén solicitou axuda para os nenos, nenas e a xuventude en xeral. 

Un desexo ó que tamén se uniu durante a celebración da misa o alcalde de Ordes, Manuel Regos, quen quiso ensalzar “o gran nivel de formación das novas xeneracións do país e o inxente esforzo o que moitos se ven sometidos por ter que ir buscar fóra un futuro mellor”.

A tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín, deposita unha ofrenda floral aos pés do Monumento ao Emigrante.
Última xornada de festas
Onte foi un día marcado polas altas temperaturas e o bo tempo. O ritmo musical e o baile correu a cargo do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes, e das orquestras Armonía Show e París de Noia. De cara a hoxe, último día destas festas patronais, as orquestras Panorama e Bahía Blanca serán os encargados de sacara a bailar a todos os presentes.

*

miércoles, 15 de agosto de 2012

Santa María bendeciu a todo Ordes

En primeiro término, o concelleiro de Obras, Roberto González, portando o pendón parroquial. Tras el, o alcalde, Manuel Regos e a tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín, á dereita.

A festividade de Santa María culmina en Ordes cunha misa e procesión da santa imaxe

A igrexa parroquial de Santa María de Ordes acolleu esta mañá a celebración dunha misa na que tamén varios nenos recibiron a súa Primeira Comunión. Unha cita á que acudiu o alcalde, Manuel Regos, xunto ao seu equipo de Goberno.

A continuación tivo lugar unha procesión coa imaxe da Virxe que por mor do mal tempo, mudou o seu percorrido. Posteriormente, tvo lugar unha sesión vermú que correu a cargo da orquestra La Bámbola e o grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes. 

Día do Emigrante
Mañá xoves terá lugar o Día do Emigrante, no que cada ano o Concello de Ordes rende unha particular homenaxe aos nosos emigrantes. Esta ano as homenaxeadas son dúas irmáns oriunda de Vilar, María e Adela Calvo Veiras, de 75 e 66 anos de idade, emigradas a Uruguai. O acto arrancará ás 13:00 horas no monumento ao emigrante situado a carón da Casa do Concello.

A música tampouco faltará no día de mañá, esta vez por conta das orquestras París de Noia e Armonía Show. A  Banda de Música de Ordes, así como o grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes completan o cartel. 

*

A alerta amarela 'afoga' o primeiro día de festas


Pese ao mal tempo, a orquestra Salsa Rosa ofreceu o seu espectáculo musical.

A forte chuvia deixou a Ordes sen o seu primeiro día de festas

A alerta amarela por forte chuvia e ventos activada por Meteogalicia dende as 21:00 horas de onte non errou na súa predición para Ordes. As festas da vila deron comezo onte baixo unha intensa borrasca que alonxou a moitos das celebracións. 

A Alameda de Ordes baleira na noite de onte, sobre as 23:30 horas, baixo unha intensa chuvia.
Intensa chuvia
A afluencia de xente tanto na Alameda como no Campo da feira resultaba desolador. A orquestra Salsa Rosa viuse obrigada a tocar para as apenas duascentas personas que se resguardaban da intensa chuvia baixo os paraugas e os portais das aceras nunha noite puramente invernal.

As chuvias non cesaron ata pasadas as 02:00 horas, cando xa o comezo das festas chegaba ao seu fin.


martes, 14 de agosto de 2012

As gaitas de Folquiada 'inauguran' as festas de Ordes



Pasarrúas e música na Alameda

As festas patronais de Ordes na honra a Santa María deron comezo esta mañá coa música da agrupación folclórica Folquiada. Eles foron os responsables de realizar o primeiro pasarrúas e de poñer a nota musical nesta xornada xunto ás orquestras Salsa Rosa e Sintonía de Vigo. 

*

O teatro de Eva Fernández e Pablo Meijide enche a Casa da Cultura de Ordes

O auditorio de Ordes onte cheo na representación da obra de Eva Fernández e Pablo Meijide.

O grupo de teatro de afeccionados estreou a súa obra Non é a típica obra clásica

O grupo de teatral de afeccionados de Ordes encheron na noite de onte o auditorio da Casa da Cultura coa estrea da función Non é a típica obra clásica. Na súa posta en escea participaron un total de once actores que recibiron unha gran ovación  ao remate da representación. 

Historia medieval
A historia, en clave de comedia, narra as peripecias dun rei medieval que tenta casar ó seu príncipe herdeiro cunha rica princesa, coa intención de que o seu reino non sucumba á decadencia máis absoluta. Os autores do texto son Eva Fernández Veiras e Pablo Meijide Santos, quenes tamén forman parte do elenco de actores.

*

lunes, 13 de agosto de 2012

COMEZAN AS FESTAS DE ORDES!



Dende mañá e ata o venres, a nosa vila recibirá a miles de visitantes

Como é habitual, a N-550 sufrirá un peche á altura da nosa vila 

A vila de Ordes celebrará as súas festas patronais na honra a Santa María a partir de mañá martes e durante os tres próximos días. 

Mércores, 15
O día 15 haberá misa ás 12:00 horas, e a continuación se sacará a imaxe de Santa María, patrona de Ordes, en procesión polas principais rúas da vila. A orquestra La Bámbola será a protagonista da sesión vermú, ademáis de contar coas actuacións da banda de música de Lousame e do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes. 

Xa á noite, a orquesta Olympus nos fará bailar a todos cun gran espectáculo sonoro e visual.

Xoves 16, día do emigrante
O xoves día 16, a xornada estará adicada aos emigrantes. Así ás 13:00 horas haberá unha ofrenda floral no monumento adicado a súa figura situado a carón da Casa do Concello, así coma un acto litúrxico. Este ano as homenaxeadas serán as irmás María e Adela Calvo Veiras, emigradas a América. 

Posteriormente desfrutaremos coas actuacións da Banda de Música de Ordes, dos Viqueiras de Ordes, ademáis das orquestas París de Noia e Armonía Show entre outras sorpresas
   
Venres, 17
Por último o venres 17 de agosto a charanga Ruada e grupo Bahía Blanca porán a nota musical no turno de mañán, mentres que a orquestra Panorama será a encargada de facelo na verbena nocturna, coa que se pechará o programa festivo deste ano.

Peche da N-550
Como ven sendo habitual durante as festas da vila de Ordes, a N-550 estará cortada dende as 15:00 horas de mañá ata as 08:00 horas do sábado 18. Dende o sul cara a Coruña, o desvío se producirá polas rúas Rosalía Castro, Lagartos e nova variante leste. Dende o norte cara Santiago de Compostela, pola nova variante leste, rúa do Paraíso, Lagartos e rúa de Galicia. A policía local de Ordes recomenda o uso da variante leste nos desprazamentos norte-sul e sul-norte pola N-550 ao seu paso pola vila de Ordes.  

Estará prohibido aparcar no aparcamento anexo da Alameda e na avenida de Alfonso Senra, entre os números 109 e 126. A O.R.A. en zona azul estará operativa durante todos os días de celebracións.

A parada de Monbús en dirección Santiago de Compostela será ubicada provisionalmente no número 120 da avenida de Alfonso Senra, fronte ao comercio Javier Alfonso. En dirección a Coruña, se situará no número 137 desa mesma avenida, fronte ao bar Mira.

*   

Pedreira: "Se Rajoy suprime as axudas aos parados de longa duración, 400 ordenses terán un grave perxuizo"

Os socialistas de Ordes reivindican manter o programa Prepara para evitar a desprotección de desempregados do municipio

Os socialistas de Ordes reivindican que o Goberno de España manteña o programa Prepara, dirixido a persoas que agotan a súa prestación por desemprego, porque a súa eliminación suporía un grave prexuízo para preto de 400 persoas paradas de longa duración no municipio. 

Nunha proposta que trasladarán ao vindeiro pleno municipal, solicitarán que o programa se prorrogue polo menos ata o 15 de agosto de 2013 e que o Goberno coordine mellor as políticas activas de emprego e as axudas económicas de acompañamento para evitar a exclusión social.

O portavoz do PSdeG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, considera que “se o Goberno de Mariano Rajoy suprime esta axuda e as demais medidas do programa Prepara, en Ordes prexudicaría especialmente ás persoas desempregadas dos sectores do textil e da construcción”. 

Risco de exclusión social
Os profesionais destes dous ámbitos foron os primeiros en sufrir as consecuencias da crise e veríanse abocados a situacións de risco de exclusión social coa eliminación do Prepara.

Pedreira explica que “non podemos permitir que o Plan Prepara desapareza porque, coas circunstancias actuais, é a única fonte de subsistencia dos cidadáns que agotan o desemprego e que non teñen máis que eses 400 euros para poder vivir”. 

Ademais, defende que o programa demostrou unha considerable eficacia porque propiciou a mellora da empregabilidade de máis de 450.000 desempregados desde que entrou en vigor.

Fronte a un Goberno que “coa súa actuación agrava día a día o problema do paro e as súas consecuencias máis negativas para os cidadáns”, os socialistas pensan que se deben manter e incrementar políticas que, como o Plan Prepara, combinen medidas activas de orientación, formación e recalificación, ao tempo que faciliten unha axuda de renda ás persoas desempregadas.

Xesús Pedreira Mirás (PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes
"A desaparición do Plan Prepara suporía un despropósito máis en materia de emprego por parte do Goberno do PP, con resultados moi negativos"

"Tras a reforma laboral que abaratou e facilitou o despido e o recorte do 54% nas achegas ás autonomías para políticas activas de emprego" 

"O Goberno do PP vai causar unha fractura social con máis paro, menos protección, menos dereitos e con menos políticas activas para favorecer a empregabilidade dos parados, en contra das recomendacións do Consello Europeo”

*

domingo, 12 de agosto de 2012

Ordes acolleu esta tarde o Día da Muiñeira

Entrada na Alameda de Ordes das agrupacións Camiño Real de Poulo e Veciños de Leira.

Actuaron as agrupacións culturais e folclóricas de Leira, Os Xeitosos de Trazo, Camiño Real de Poulo e Sementes da Arte

A vila de Ordes acolleu esta tarde un especial tributo ao noso folclore coa celebración do Día da Muiñeira. Un acto programado polo Concello de Ordes que se ven celebrando dende comezos deste mes e que este ano contou coa participación de catro agrupacións da nosa comarca.

Pasarrúas cos Xeitosos de Trazo e Sementas da Arte en primeiro término.
Participantes
A Asociación Cultural Veciños de Leira interpretou as pezas Muiñeira de Santa María, Muiñeira de Santaia, Xota de vodas, Muiñeira de Carballo e Xota de Santa María. Os demáis participantes nesta xornada foron a Asociación Cultural Os Xeitosos de Trazo, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e a Agrupación Folclórica Sementes do Arte.

Previamente á actuación, que tivo lugar na Alameda de Ordes, os integrantes de cada grupo realizaron un pasarrúas polo centro da vila interpretando pezas musicais en vivo.

O público congregouse na Alameda de Ordes para desfrutar da nosa música tradicional. 

sábado, 11 de agosto de 2012

Ardemil celebrou esta mañá a súa festa da malla

O alcalde e os concelleiros cun grupo de participantes esta mañá na festa da malla de Ardemil.

O alcalde, Manuel Regos, descubriu unha placa en recoñecemento desta popular celebración agraria

A parroquia ordense de Ardemil celebrou esta mañá a súa tradicional festa da malla. Unha cita que cada ano congrega a centenares de vecinos e visitantes que queren revivir a tradicional separación da palla do gran.

Unha churrascada, música e unha exibición de tractores antigos e outros aperos de labranza culminaron a festa. Para conmemorar a tradicional celebración, o alcalde de Ordes, Manuel Regos, descubriu un monolito cunha placa. No acto destacou a importancia deste tipo de eventos como "recoñecemento das nosas tradicións”. 

Xunto ao alcalde tamén asistiron o concelleiro delegado de Cultura, Festas e Terceira Idade, Ramón Vázquez Raña, e a primeira tenente de alcalde e concelleira delegada de Educación, Mantemento e Servizos, Silvia Marín.

*

Máis de douscentos gandeiros reclaman en Ordes unha solución ao sector lácteo

O alcalde, Manuel Regos, tamén participou na movilización que reclama de Núñez Feijóo a súa mediación ante o Ministerio de Agricultura

Algo máis de douscentos gandeiros da comarca participaron onte na movilización convocada polos sindicatos Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego que tivo lugar no Campo da feira de Ordes en reclamación dunha solución ao sector lácteo galego. 

As centrais agrarias denuncian a suba dos custes de produción e a caida dos prezos do leite. A protesta gandeira foi secundada por numerosos comercios da vila que pecharon as súas portas en solidaridade cos manifestantes.


Entre as reclamacións que se fixeron públicas destaca a petición ao presidente da Xunta de Galicia para que medie ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para que convoque canto antes a Mesa do leite.

Asistentes
O alcalde de Ordes, Manuel Regos, tamén asistiu ao chamamento dos sindicatos, así como o secretario local do Partido dos Socialistas de Galicia, Xesús Pedreira, e o portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, xunto cos principais líderes sindicais e a portavoz de Agricultura no Parlamento de Galicia, a socialista Sonia Verdes.


*

viernes, 10 de agosto de 2012

Este domingo, día de muiñeiras

Foto de arquivo da pasada edición do Día da Muiñeira en Ordes.

Celébrase unha nova edición de tributo a nosa cultura musical da man de catro agrupacións folclóricas

Este domingo terá lugar unha nova edición do Día da Muiñeira. Unha cita cultural, lúdica e gratuíta na que se rendirá tributo ao noso folclore, á nosa música e a quenes fan posible a difusión e legado da cultura tradicional galega. 

Pasarrúas inicial
A cita será a partir das 20:00 horas na Alameda de Ordes logo dun pasarrúas polo centro da vila a cargo das agrupacións participantes: Grupo de danza Asociación Cultural Veciños de Leira, Asociación Cultural Os Xeitosos de Trazo, Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e a Agrupación Folclórica Cultural Sementes do Arte. 

*

Discrimina o Partido Popular a Ordes?


Ordes recibe moitos menos fondos da Deputación provincial para servizos sociais que outros municipios con menos poboación, pero gobernados polo PP, segundo o BNG
Castro: "O Partido Popular utiliza as deputacións como instrumento caciquil e clientelar en beneficio de intereses partidistas"
Segundo o BNG de Ordes, o noso municipio está sendo discriminado respecto a outros de menor poboación, pero con gobernos municipais do Partido Popular. Así o asegura o seu portavoz, Gonzalo Castro, quen onte acusou aos populares de "discriminar" ao Concello de Ordes nos convenios da Deputación provincial para servizos sociais. Segundo informan os nacionalistas, o Concello de Ordes recibirá unha cantidade moi inferior á que recibirán municipios da zona con moita menos poboación.
Así, mentres o noso municipio, con 13.000 habitantes, vai recibir 37.981 euros para servizos sociais, outros concellos con moita menos poboación, pero gobernados polo Partido Popular, recibirán cantidades moi superiores. Os nacionalistas citaron os casos de municipios como Trazo que con 3.500 habitantes recibirá 68.819 euros; Tordoia, 4.200 habitantes e 51.502 euros; Rois, 4.900 habitantes e 62.057 euros, ou Padrón, 8.900 habitantes e 72.529 euros. 
Incluso, concellos máis próximos a Ordes en poboación, como Santa Comba, con 10.000 habitantes, recibirán o dobre de recursos que o Concello de Ordes, en concreto 75.578 euros, segundo as cifras citadas polo BNG de Ordes.
As críticas de Castro tamén trasladáronse ao alcalde, Manuel Regos, a quen culpa de “manter un silencio cómplice diante desta discriminación e maltrato do PP aos veciños e veciñas de Ordes”.
Nese sentido, enfatizou que “Ordes precisa dun alcalde que defenda os seus intereses, non a un alcalde incapaz de defender aos seus veciños e que nin está nin se lle espera cando estes son maltratados”.
Gonzalo Castro (BNG).
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"O comportamento do goberno do Partido Popular na Deputación da Coruña, con respecto aos convenios para servizos sociais, é unha proba máis de porque este partido se nega a eliminar as Deputacións, porque as utiliza como instrumento caciquil e clientelar en beneficio de intereses partidistas”
*

jueves, 9 de agosto de 2012

O BNG alerta da paralización das obras de reforma da antiga Casa do Concello

Fachada leste da antiga Casa do Concello de Ordes.

Castro: "Regos ten un informe técnico coas posíbeis solucións sen que teña feito nada"

Os nacionalistas propuxeron unha consulta popular sobre o destino do edificio que foi rexeitada por UxO e PP

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, denunciou esta mañá que “a obra de reforma da Casa Consistorial leva nove meses paralizada, mentres o Concello segue pagando un crédito de 700.000 euros que pediu o alcalde para facer esa obra”.

Castro acusou ao alcalde de “ter gastado o diñeiro dese crédito noutras cousas e por iso agora existen dificultades para executar esa obra, nunha actitude absolutamente irresponsábel e impropia dun xestor de recursos públicos”.

O nacionalista afirmou que “esta situación demostra o desgoberno e a improvisación que caracterizan a xestión do alcalde de Ordes, que non contento con endebedar aos veciños con obras de cuestionábel urxencia e necesidade, nin sequera é quen de executalas”.

O portavoz do BNG afirmou que “o alcalde ten desde hai máis de medio ano un informe técnico coas posíbeis solucións aos problemas estruturais do edificio, sen que teña feito nada para continuar coas obras”.

Informe técnico
Segundo informou o BNG, este informe técnico de urbanismo conclue que a solución para o edificio da Casa Consistorial pasaría por unha destas tres opcións: un profundo reforzamento da actual cimentación e estructura, a construcción dunha nova cimentación e estructura, baleirando o edificio e deixando só a fachada ou, finalmente, a construcción dun novo edificio cun deseño de fachada idéntico ao actual.

Gonzalo Castro lembrou que “o BNG presentou o pasado mes de marzo unha proposta para que o Pleno acordase celebrar unha consulta popular, para que os veciños e veciñas de Ordes decidisen que solución adoptar para resolver os problemas que ten o edificio da Casa Consistorial, pero tanto UxO como o PP rexeitaron esta iniciativa do BNG”. 

*

O Campo da Feira acollerá este venres unha concentración en apoio ao sector lácteo


Está convocada por Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores e contará co apoio do Concello de Ordes

Este venres, 10 de agosto, o Campo da Feira de Ordes acollerá unha concentración en apoio ao sector lácteo. A cita, prevista para as 11:30 horas, está respaldada polos sindicatos agrarios e gandeiros Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores. 

O Concello de Ordes, a través do Goberno municipal, tamén mostrará o seu apoio poñendo a disposición dos manifestantes toda a infraestructura e medios organizativos necesarios. 

Posteriormente, sobre as 13:00 horas, a marcha ten previsto desenvocar na Alameda de Ordes, onde se leerá un manifesto por parte dos principais representantes dos sindicatos convocantes.

*

miércoles, 8 de agosto de 2012

Ordes recibirá 1.982 euros de axudas da Xunta para Protección Civil

Como parte dun paquete de subvencións a 183 concellos por valor de 340.000 euros

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, destinará algo menos de dous mil euros a subvencionar a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ordes

A achega, que se fixo pública onte, está englobada nun paquete de 183 concellos e conta cun importe total de 340.000 euros. A agrupación ordense deberá investir os apenas dous mil euros en equipamento e vestimenta persoal de uniforme, equipamentos, alugueres, seguros, comunicación, seguros, formación ou equipamento informático.

*

martes, 7 de agosto de 2012

Regos comentou co subdelegado do Goberno a marcha do CIM ordense

O presidente da Manocomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos, e Jorge Atán, esta mañá na Coruña.
Atán interesouse pola prevención e loita contra a violencia de xénero no noso municipio

O alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos, reuniuse esta mañá na Coruña co subdelegado do Goberno nesa capital, Jorge Atán, con quen analizou a prevención e loita contra a violencia de xénero no noso municipio e nos demais integrantes na Mancomunidade.

Participantes
Na xuntanza, á que acudiu entre outros o xefe da Policía Local de Ordes, Eduardo Rodríguez, e a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Subdelegación da Coruña, María Garaboa, analizouse a actividade dos corpos de seguridade en relación á temática e o funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM) ordense a nivel local e comarcal.

*

lunes, 6 de agosto de 2012

O Campo da Feira convertiuse na gran festa dos máis novos



O Día do Neno e da Nena foi celebrado en Ordes cunha festa de espuma, obradoiros e moitas animacións

Centenares de rapazas e rapaces fixeron posible na tarde do hoxe que o Campo da Feira de Ordes se convertera no maior centro de divertimento de toda a comarca. Obradoiros de maquillaxe, globoflexia, xogos populares e viseira, e diversas animacións foron os grandes protagonistas. 


Festa da espuma
Todos eles tamén non se cansaron de rir co espectáculo de títeres 'Castañas e legañas', pero onde realmente o pasaron en grande a gran maioría foi coa gran festa da espuma coa que os organizadores pecharon esta cita que se ven celebrando ininterrumpidamente nos últimos anos. 

Todas estas actividades conformaron o Día do Neno e da Nena que anualmente organiza o Concello de Ordes dentro da súa programación do Verán Cultural.

*