miércoles, 31 de octubre de 2012

O PP de Ordes, satisfeito coa rebaixa en licencias de obra para explotacións agrogandeiras


A medida proposta polos populares foi aprobada na sesión plenaria do pasado xoves

Martínez Sanjurjo: "O PP volve a demostrar que é o único que está ao carón dos problemas da xente"

A moción impulsada polo Partido Popular de Ordes para reducir nun 75% o imposto sobre construccións, instalacións e obras (ICIO) aplicable ás explotacións gandeiras e agropecuarias deste municipio rematou a súa tramitación no Pleno celebrado o pasado xoves día 25, que aprobou a modificación da ordenanza fiscal que regula esta taxa. 

O Partido Popular felicítase pola implantación desta rebaixa e adianta que nos vindeiros plenos continuará propoñendo medidas factibles que redunden en beneficio dos veciños de Ordes.

Con este trámite, materializouse o compromiso adquirido no Pleno municipal de finais de setembro, no que a Corporación aprobou unha moción impulsada polo portavoz municipal do  Partido Popular para axudar ao sector primario de Ordes, oprimido polas estreiteces económicas derivadas da falta de rendibilidade das explotacións.

A modo de exemplo, o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, sinalou que construír un establo de 500 metros cadrados de superficie implica, antes da bonificación impulsada polo PP, pagar ao Concello unha taxa de máis de 2.500 euros.

José Luis Martínez Sanjurjo (PP).
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Con esta iniciativa, o Partido Popular volve demostrar que é o único  que está ao carón dos problemas da xente, mentres os demais se atrincheiran nos despachos por temor a mancharse de realidade”

*


O BNG propón obras de mellora nas estradas de Buscás, Pereira e Vilamaior

Detalle do estado da estrada de Esmorís co cruce coa Nacional 550, na parroquia ordense de Buscás.


Serían incluidas no Plan de Obras e Servizos para o exercicio do ano 2013

Gonzalo Castro: "Moitas estradas do noso rural atópanse nun estado deficiente de conservación"

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, anunciou que o seu grupo propuxo a mellora do pavimento de varias pistas situadas en Buscás, Pereira e Viilamaior, como propostas a incluir no Plan de Obras e Servizos (POS) para o exercicio 2013, que deberá ser aprobado polo Pleno antes do 30 de novembro de 2012.

Esta proposta foi realizada no último Pleno da corporación municipal, onde se adquiriu o compromiso de levar estas propostas a unha comisión de urbanismo para aprobar as memorias e proxectos de execución destas obras.

Propostas do BNG
A totalidade das propostas do BNG para incluir no Plan de Obras e Servizos para o exercicio 2013, son as seguintes:

- Pavimentación con aglomerado da estrada que vai de Esmorís á intersección coa N-550, na parroquia de Buscás.

- Pavimentación con aglomerado das seguintes pistas na parroquia de Pereira: a pista que vai de Pereira ao Carballo e a pista que vai da Poza a Cercedo.

- Pavimentación con aglomerado das seguintes pistas na parroquia de Vilamaior:  a pista de acceso á Escola de Vilamaior, a pista de acceso ao lugar da Ameixeira, a pista de acceso ao lugar do Castro, a pista de acceso desde o lugar do Carballo ao campo de fútbol de Vilamaior.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O estado do pavimento de moitas das pistas e estradas das parroquias do noso concello atópanse nun estado de conservación moi deficiente, ocasionando graves perxuizos aos nosos veciños”

“O lamentable estado de estradas como a que vai desde o lugar de Esmorís até a N-550, que é a vía de saída utilizada por moitos veciños para dirixirse desde a importante parroquia de Buscás, que conta con máis de 500 habitantes, até A Coruña” 

*

Novo curso de carretilleiro e manipulador de alimentos

Momento da celebración dun curso de manipulador de alimentos do Concello de Ordes.

Inscricións na Casa do Concello e nos teléfonos 981 680002 e 981 680157

As aulas da Casa da Cultura do Concello de Ordes acolleu esta tarde ven un novo curso de manipulador de alimentos. A duración deste curso é de dez horas en total, tres das cales son presenciais mentres que as restantes poderán ser seguidas a través de Internet.

En total son quince persoas as que están a obter este título, que xa resulta imprescindible para poder traballar no sector da hostelaría e noutros postos relacionados coa industria alimentaria. 

Cabe destacar o enorme interés que ditos cursos están a suscitar entre os veciños e veciñas de Ordes, que cada convocatoria ven como as aulas están máis concurridas.

Carretilleiro
Por outra banda tamén está aberta a segunda convocatoria para o curso de conducción de carretillas, que terá lugar os días 23 e 24 de novembro. En total son 18 horas de formación presencial nas que se inclúen, ademais de coñecementos teóricos, unha parte práctica que se desenvolverá nas instalacións do mercado de gando, ubicadas en Mesón do Vento. 

Deste xeito durante o primeiro día e de 16:00 a 20:00 horas os inscritos terán que acudir ás clases que se impartirán nos baixos da Alameda. Xa ó día seguinte as instalacións do mercado de gando do Mesón do Vento serán o punto de encontro para levar a cabo as prácticas.

Os interesados en inscribirse pódenno facer no departamento de Emprego e Formación, situado no primeiro andar da Casa do Concello, ou ben obter máis información a través dos teléfonos 981 680002 ou 981 680157. Dita información tamén se pode consultar na web do Concello www.concellodeordes.com.

*

A 'terrorífica' biblioteca de Ordes celebra o samaín



O centro exhibe unha mostra de obras de terror orientada a xente de todas as idades, na que se poden ver as obras máis vendidas dos últimos anos

Co gallo da celebración do samaín a biblioteca municipal de Ordes exhibe estes días unha nova decoración. Morcegos, vampiros, fantasmas, seres de ultratumba, meigas, monstruos e as típicas cabazas laranxas colgan das paredes do centro. Sen dúbida trátase do mellor marco para a exposición de libros, cómics e novelas de terror e misterio dirixida a xente de todas as idades que se está a levar a cabo estes días. 

Clásicos da literatura
Nela, ademais dos títulos clásicos como Drácula, O Lobisome ou Frankenstein, tamén se poden atopar as obras máis vendidas dos últimos anos. Algunhas destas foron adaptadas ó cine e á televisión cun enorme éxito, como o é o caso da saga Crepúsculo ou da serie Sangre fresca.

*

Ordes homenaxeará mañá ao soldado Lois


Será ás 12:00 horas no cemiterio municipal do Piñeiro

Mañá xoves 1 de novembro, día de Todos os Santos, o Concello de Ordes celebrará a tradicional misa e ofrenda floral ante a tumba de Manuel Lois García, coñecido como ‘Soldado Lois’. O acto terá lugar ás 12:00 horas no cemiterio municipal do Piñeiro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.  En caso contrario a celebración litúrxica trasladarase á igrexa parroquial de Santa María

Este ano o Concello conta coa colaboración da Infantería de Mariña do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol. Tamén se contará coa asistencia de representantes doutros corpos como son a Garda Civil de Ordes, a Comandancia da Garda Civil da Compañía de Santiago de Compostela, a Policía Local de Ordes, ademais do equipo de Goberno local e outros membros da corporación. Arredor das 13:00 horas está previsto que a banda de música da Infantería de Mariña do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol interprete varias pezas en honor ó Soldado Lois e para desfrute de todos os veciños e veciñas que queiran participar deste acto.

Quen é o Soldado Lois?
Nado en Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería de Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do cañón 4.

Será a comenzos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas arxelinas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartagena e Alicante, composta por catro vapores, dous cruceiros e sete destructores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminantes, esbourando un deles. 

Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navio Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir dita caixa, sendo Lois o primeiro en asumir o requerimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados fan que caia ó chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil o cal rodou pola cuberta ata caer ó mar, pasando así o perigo”.

Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermaría do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Animo a todos os veciños e veciñas a participar nestes actos cos que queremos rendir unha merecida homenaxe a este home que entregou a súa vida para salvar a dos seus compañeiros e que supón un orgullo para todos nós”

*

Diploma para catorce novos graduados na ESO

O grupo de novos graduados da ESO xunto aos concelleiros Silvia Marín e Ramón Vázquez.

Ordes sitúase como un dos municipios con mellores resultados da provincia

Silvia Marín: "Acadar un título académico coma este pon de manifesto o afán de superación que posúe cada un destes alumnos" 

Un total de 14 alumnos recibiron onte os diplomas acreditativos do Curso de Graduado Escolar para Adultos tras a convocatoria do pasado mes de setembro. Esta cifra, unida ós aprobados do pasado mes de abril, tradúcese en preto dun 90% de aprobados cun total de 51 alumnos matriculados. Por elo o Concello de Ordes sitúase unha vez máis entre os municipios con mellores resultados da súa contorna, posicionándose incluso por diante de Santiago. Por materias no caso de Ciencias Sociais e Lingua hai que falar dun 80% de aprobados, mentres que na rama de Tecnoloxía esta porcentaxe sitúase no 60%.

A media de idade do grupo ordense sitúase nos 35 anos. Cada un destes alumnos recibiu unha media de dez horas de clase semanais no local do Punto de Encontro, situado na rua Luis Xoxardo. Entre outras ventaxas a obtención deste título oficial suponlles o acceso inmediato a moitos ciclos formativos, algús dos cales podem cursar no mesmo municipio, concretamente no IES Nº 1. Este é o caso dos alumnos que xa están acudindo ás clases do ciclo medio de Xestión Administrativa ou de Electromecánica de Vehículos.

Tanto a tenente alcalde e concelleira de Educación de Ordes, Silvia Marín, como o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez, acompañaron ós alumnos e as profesoras no acto de entrega de diplomas. No encontro, que tivo lugar nos baixos da Alameda, a tenente alcalde tamén lles lembrou a posibilidade que agora teñen de obter a titulación de nivel 4 de Celga en língua galega

Marín tamén adiantou que dende o Concello tense previsto abrir a partir do mes de novembro unha nova convocatoria orientada a adultos para obter o Graduado Escolar.

Silvia Marín.
As frases de Silvia Marín, tenente de alcalde e concelleira de Eucación de Ordes
"Vos animo para continuar coa vosa formación académica co fin de conseguir un posto de traballo, sobre todo tendo en conta que o mercado laboral cada vez require de man de obra máis cualificada e preparada”

 "Acadar un título académico coma este pon de manifesto o afán de superación que posúe cada un destes alumnos e alumnas”

*

O ordense Félix Vázquez, cuarto no campionato de España cadete de Taekwondo

O taekwondista ordense Félix Vázquez, de catorce anos, posa co seu entrenador.

Manuel Regos: "É un exemplo para a xuventude e nos fai estar orgullosos do seu traballo e esforzo"

O Concello ven de expresarlle as súas felicitacións e o merecido recoñecemento a Félix Vázquez Millán tras acadar a cuarta posición no campionato de España cadete de taekwondo, disputado esta pasada fin de semana en Gandía (Valencia).

Félix Vázquez, de 14 anos de idade competiu na categoría cadete -53 quilogramos. O takwondo  acudiu a esta competición, no que participaron un total de 245 atletas, cun equipo composto por 17 mozos e 15 mozas. En total acadáronse dúas medallas de ouro, unha de prata e oito bronces.

Félix Vázquez é veciño da parroquia de Santa Cruz de Montaos e leva dende os tres anos practicando este deporte. O seu centro de adestramento é o ximnasio Luar, ubicado no centro da vila de Ordes e punto de referencia a nivel autonómico das artes marciais. No seu palmarés figuran, entre outros éxitos, o de campión galego na categoría infantil (2011), campión galego na categoría cadete (2012), así como o de campión provincial. O seu obxetivo máis inmediato de cara ós vindeiros meses é o de prepararse física e técnicamente para o seu ascenso á categoría Junior.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Félix Vázquez é exemplo para a xuventude e un deportista que nos fai estar orgullosos do seu traballo e do seu esforzo"

"Grazas a Félix o nome do noso municipio escribiuse con letras maiúsculas nunha das competicións máis importantes de taekwondo que ten lugar en España"

"Dende o Concello queremos amosarlle o noso máis sincero agradecemento e facémoslle chegar o noso apoio para continuar cunha das carreiras deportivas máis prometedoras que se auguran no municipio de Ordes”

*

A Cruz Vermella de Ordes celebra este sábado o samaín


Unha terrorífica noite na Casa da Cultura a partir das 20:30 horas

A Cruz Vermella de Ordes celebrará por todo o alto o Samaín cun programa de actividades no que figuran circuitos de terror, probas de diversa índole, personaxes que farán tremer a todos e moitas máis sorpresas. 

A ‘Noite do Samaín’ está especialmente pensada para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos de idade. Terán lugar o sábado 3 de novembro na Casa da Cultura a partir das 20.30 horas.

Inscricións
Todos os que queiran participar en dita actividade deberán inscribirse previamente e de xeito gratuito  na oficina da Cruz Vermella, ubicada na rúa Luis Xoxardo, ou ben a través do correo electrónico cruzrojaordes@cruzroja.es. Os organizadores deste encontro tamén  poñen a disposición dos usuarios o teléfono 670 261 201.

*

lunes, 29 de octubre de 2012

Noite de tasca este venres en Leira


Mulleres ordenses aprenden como funciona unha familia

A Casa da Cultura de Ordes acolle este curso de cen horas de duración.

Unha ducia de veciñas participan nun curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio

A Asociación Plataforma Polo Emprego oganiza en Ordes un curso formativo de atención sociosantiaria a persoas no domicilio que terá unha duración de cen horas e no que participan unha ducia de veciñas. Unha iniciativa financiada pola Secretaría Xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar e que conta coa colaboración do Concello de Ordes e da Mancomunidade de Municipios de Ordes.

As clases terán lugar ata o vindeiro 22 de novembro na Casa da Cultura de Ordes, en horario de 09:30 a 14:00 horas. As alumnas, formaranse concretamente en apoio domiciliario e alimentación familiar, de xeito que serán quen de elaborar o plan de traballo no domicilio e aplicar procedementos de administración e control dos gastos dese domicilio en función dos ingresos e das necesidades desa persoa. Deste xeito, aprenderá técnicas básicas de cociña para a elaboración de menús en función das características da persoa ao seu coidado.

Atención sociosanitaria
Durante as vindeiras semanas, estas doce alumnas aprenderan todos os coñecementos necesarios para desenvolver as actividades relacionadas coa xestión e o funcionamiento dunha familia, de xeito que estarán capacitadas para traballar na organización, execución e control das actividades de atención sociosanitaria directa ás persoas no domicilio. 

Deste xeito, estarán capacitadas para seren contratadas tanto por administracións públicas que presten servizos domiciliarios de atención a persoas dependentes, como a entidades privadas que oferten este servizo ou mesmo como autónomas, creando a súa propia empresa de servizos domiciliarios.

*

domingo, 28 de octubre de 2012

O BNG atopa documentación municipal nunha escombreira en Esmorís

A tenor de Gonzalo Castro, trátase de documentación administrativa relacionada con obras.

Castro: "Se trata dun auténtico escándalo que constitúe un atentado medioambiental"

O BNG de Ordes denunciou onte públicamente a existencia dunha escombreira na zona de Esmorís, próxima ao polígono industrial de Merelle. Nesta escombreira detectaron a existencia no medio do escombro de documentación administrativa do Concello de Ordes.

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, considerou un “auténtico escándalo esta forma de proceder do Goberno municipal, que constitue un auténtico atentado medioambiental”, e anunciou que “poremos en coñecemento das autoridades competentes esta situación para que sexa investigada por se poidera derivarse algún tipo e responsabilidade destes feitos”.

Castro afirmou que “a documentación que poidemos ver no medio do escombro está bastante deteriorada polo efecto das inclemencias meteorolóxicas, pero pode distinguirse claramente que se trata de diferentes expedientes administrativos municipais, algúns deles relacionados con obras”.

*

miércoles, 24 de octubre de 2012

O PSOE de Ordes quere convertir o inmoble de Fomento no lugar de Canedo nun local social

Ubicado na N-550, en Ardemil, era utilizado como sede dos peóns camineros

Os socialistas reclamarán a Mariano Rajoy a creación dun fondo estatal de emerxencia

Os socialistas de Ordes solicitarán mañá xoves ao pleno municipal que inste ao Ministerio de Fomento a que ceda o inmoble que posúe no lugar do Canedo, parroquia de Ardemil, ao Concello de Ordes coa finalidade de que poda ser habilitado como local socialA petición socialista fai referencia a un inmoble situado na N-550 no lugar do Canedo e que era utilizado antigamente como sede dos peóns camineros. 

O concelleiro socialista Xesús Pedreira sinala que este inmoble “podería cumprir unha función social moi interesante para os máis de cincuenta veciños do Canedo e tamén para os de Adina, que non terían que desprazarse ata o Mesón do Vento”.

Segregación por sexos e pobreza
Así mesmo, os socialistas solicitarán o apoio do pleno á petición de que a Xunta retire as axudas destinadas a centros concertados que segregan por sexos e destine eses cartos ás partidas para bolsas estudantís. Os socialistas lembran que eses centros están incumprindo tanto a LOE como a Lei de Igualdade e recordan que a recente sentenza do 24 de xullo do Tribunal Supremo descarta que a educación diferenciada poida acollerse ao sistema de ensinanza dos centros concertados sostidos con fondos públicos.

Finalmente, o grupo municipal socialista solicitará ao pleno que inste ao Goberno da Nación a crear un Fondo Estatal de Emerxencia para as familias en situación de pobreza e exclusión social, cunha dotación de 1.000 millóns de euros para 2013. Este fondo permitiría dotar aos Concellos de cartos tanto para o financiamento dos gastos correntes da prestación de servizos educativos, de atención a discapacitados e dependentes, prestacións de servizos sociais, apoio á infancia e melloras na empregabilidade dos grupos máis afectados pola crise. 

Ademais, pedirá destinar a actividades de interese social o 1% da cota íntegra do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) de 2013 daqueles contribuíntes que así manifesten expresamente a súa vontade.

*

Ordes celebra o Día das Bibliotecas cunha mostra literaria...terrorífica

A mostra pode coñecersena biblioteca municipal de Ordes, nos baixos da Alameda da vila de Ordes.

Poderanse coñecer obras de misterio e terror tales como Drácula ou Frankenstein

Co gallo do Día Internacional das Bibliotecas que se celebra hoxe, o Concello de Ordes ven de organizar unha mostra bibliográfica orientada aos máis novos. 

Aproveitando a proximidade do samaín expóñense toda unha serie de referencias de terror e misterio con firmas tan populares como as de Stephen King, Agatha Christie ou Charlaine Harris entre outros. Ademais xa están a disposición de todos os exemplares da Colección Suspense e Terror, con títulos como Drácula ou Frankenstein.

*

A Mancomunidade pon en marcha unha oficina de fomento de cooperativismo


A nosa comarca conta con 35 cooperativas, a maioría do sector agrogandeiro

Manuel Regos: "As cooperativas aguantan moi ben en tempos de crise"

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes xa conta cunha Oficina de Fomento do Cooperativismo, un novo servizo para a creación de emprego cooperativista e fomento da economía social na comarca ordense. Unha oficina na que se realizarán actividades de formación, información, promoción e sensibilización á sociedade para divulgar os valores cooperativos, dando apoio a emprendedores e promotores cooperativistas e facendo especial fincapé en mozos, mulleres e desempregados.

Para recibir a información poden dirixirse ó Técnico de Prevención da Mancomunidade, Manuel Pena Rodríguez, que estará a disposición de todos os que se acheguen ata a Oficina de Fomento Cooperativo e que ofrecerá a axuda e o soporte técnico. Así mesmo, tamén asesorará sobre os trámites constitutivos de novas cooperativas e fará un acompañamento a proxectos de nova creación.

Cooperativismo en Ordes
A comarca de Ordes conta na actualidade cun total de 35 cooperativas postas en marcha, a maioría do sector agrogandeiro. Os municipios con maior presenza destas fórmula empresarial son Frades (oito) e Ordes (sete), seguidos por Tordoia e Trazo, ambos con cinco cooperativas. Cerceda e Mesía contan con catro cooperativas cada unha, mentres que Oroso dispón de tres entidades.

A Oficina de Fomento do Cooperativismo da comarca de Ordes está subvencionada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, a través da Consellería de Traballo e Benestar, e forma parte da Rede Eusumo. Emprazada nos locais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes na rúa Xoxardo, o seu horario de atención ao público é de 08:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos Boquete, presidente da Mancomunidade de Ordes
“O obxectivo principal é que se poidan poñer en marcha novos proxectos, ademais de asesorar sobre os trámites constitutivos e dar información ás cooperativas xa en marcha”

“As cooperativas son unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise e que, ao contrario do que moitos pensan, non só se pode aplicar ao mundo agrario e gandeiro, senón que hai moitas modalidades e moitas liñas de axuda moi interesantes”

*

Últimos días para anotarse no Circuito Cultural e Deportivo do Concello de Ordes


Entre outros figuran cursos de informática, fotografía dixital, arte floral ou tenis de mesa

Clases de estimulación temperá para bebés e de adestramento canino son as novidades deste ano

O próximo xoves 25 de outubro finaliza o prazo de inscrición para poder participar nas actividades comprendidas dentro do circuito cultural e deportivo organizado polo Concello de Ordes.  

Este ano ofértanse clases de informática, fotografía dixital, arte floral, cociña, estimulación temperá para bebés (xogos, masaxes...), xabróns artesanais, xoiería e bisutería, adestramento canino, tenis de mesa e cursos medioambientais. 

Inscricións
Os interesados poderán anotarse ou obter máis información do departamento de Cultura e Deporte do Concello, situado no primeiro andar da Casa do Concello, o ben chamando ao 981 680002.

*

A biblioteca de Ordes ofrecerá este venres unha tarde de relatos para os pequenos


Será a partir das 18.30 horas e nela tamén poderán participar os pais, nais e acompañantes

A biblioteca municipal de Ordes acollerá este próximo venres 26 de outubro unha nova entrega das súas Tardes de contos e lendas. A partir das 18:30 horas o grupo Duendecico ofrecerá o relato ‘A viaxe do gato Lambiscas’. Unha narración que permitirá a todos os asistentes participar nunha trepidante e emocionante viaxe plagada de sorpresas, con destino a un mundo de ensoño na compañada dun felino moi particular.

As Tardes de contos e lendas é unha lúdica e didáctica especialmente orientada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos de idade. Nela tamén poden participar e interactuar pais, nais e acompañantes. Deste xeito o Concello de Ordes pretende inculcar o hábito á lectura entre os máis novos á par que se lles ofrece unha primeira toma de contacto coa biblioteca e a súa ludoteca, amosándolles os fondos e as actividades das que poden dispoñer e disfrutar ó longo de todo o ano.  

*

Convocado un novo curso de manipulador de alimentos

Terá lugar o mércores 31 en horario de 16:00 a 19:00 horas

O Concello de Ordes ven de convocar un novo curso de manipulador de alimentos para a vindeira semana. Concretamente será o  mércores 31 de outubro na Casa da Cultura en horario de 16:00 a 19:00 horas.

O curso consistirá nunha charla informativa de tres horas presenciais nas que se abordarán aspectos prácticos sobre a seguridade alimentaria, a manupilación de alimentos e as normas mínimas a seguir na industria alimentaria. Os asistentes poderán completar o curso con outras sete horas de formación que se impartirán por vía telemática.

Inscricións
As persoas que queiran inscribirse deben dirixirxe ao Concello de Ordes ou poñerse en contacto co persoal da axencia de emprego e desenvolvemento local. Tamén dispoñen do teléfono 981 680 002. O prezo do curso ascende a 25 euros en total.

*

martes, 23 de octubre de 2012

A Mancomunidade de Ordes, premiada pola Xunta de Galicia

Recibe unha mención especial nos Premios Coopera Galicia 2012 por un proxecto contra a violencia de xénero

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de recibir unha das tres mencións especiais nos Premios Coopera Galicia Entidades Locais 2012, convocados pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. Unha mención recibida polo proxecto 'Creación e consolidación de estruturas de coordinación e instrumentos de apoio a través do Centro de Información á Muller'.

O obxectivo deste proxecto do Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes é crear un protocolo de actuación contra a violencia de xénero a nivel comarcal. Un sistema de intervención integral contra a violencia de xénero na comarca de Ordes que implique non só ás forzas de seguridade e aos servizos sociais de cada un dos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), senón tamén a outras entidades como os centros educativos, os centros de saúde, os xulgados...

Asociacionismo municipal
Os premios Coopera Galicia Entidades Locais distinguen anualmente as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas de Galicia. 

*

lunes, 22 de octubre de 2012

O PP gañou en todas as mesas electorais de Ordes

Gráfico coas votacións rexistradas nas mesas electorais do concello de Ordes.
As forzas de esquerda resisten mellor o voto urbán fronte a aplastante victoria dos populares no rural ordense

O Partido Popular gañou en todas e cada unha das vinte mesas electorais habilitadas no concello de Ordes co gallo das eleccións autonómicas de onte. A victoria dos populares resulta incontestable en cada unha das mesas, facéndose especialmente significativa o apoio aos populares en parroquias como Ardemil (65 %) ou Beán (74,4 %).

Voto urbán
Os socialistas resisten mellor o voto urbán en Ordes xa que foi nas furnas da Casa da Cultura e nas do CEIP Castelao, onde rexistraron os seus mellores resultados. Sen embargo, o BNG resiste no seu feudo de Buscás (20,34 %) e perden fronte a EU-Anova en Ardemil, Leira, Mercurín, Montaos, CEIP Castelao, nunha mesa do CEIP Campomaior e nas tres da Casa da Cultura.

*  

O PP de Ordes agradece o “inmenso caudal de confianza” dos ordenses

Martínez Sanjurjo tamén agradece o esforzo desenvolvido polos afiliados e simpatizantes do PP no noso municipio

O Partido Popular de Ordes quixo agradecer esta mañá o “inmenso caudal de confianza” recibido onte nas urnas, nas que, co 54,43% dos votos, rexistrou un incremento de preto de oitos puntos respecto ás autonómicas de 2009, nas que acadara o 46,69% dos sufragios.

Os populares ordenses atribúen o crecemento rexistrado onte a unha clara aposta dos ordenses polo rigor, a seridade, a transparencia e a honestidade que caracterizan ao presidente Alberto Núñez Feijóo e a súa maneira de xestionar os recursos públicos.

Ao tempo que agradece o respaldo maioritario acadado onte nas urnas, o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, valora o esforzo desenvolvido polo amplo equipo de afiliados e simpatizantes do Partido Popular de Ordes, que levaron a cabo unha intensa axenda de traballo, tanto durante a precampaña, como na campaña electoral propiamente dita.

A elevada afluencia rexistrada nos tres actos electorais organizados polo PP de Ordes nesta campaña (en Montaos, Mesón do Vento e Ordes) constitúe un motivo de satisfacción para os populares ordenses, que, ademais, valoran especialmente o apoio permanente do presidente Feijóo, que acudiu á vila para participar no mitin central, celebrado pasado martes, 16 de outubro.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
Do mesmo xeito que con humildade pedimos o voto para a nosa formación, con humildade saberemos administrar a victorial electoral

*

domingo, 21 de octubre de 2012

Alberto Núñez Feijóo repite victoria en Ordes

O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia polo PP, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 16 de outubro en Ordes.
O Partido Popular sube en Ordes máis de sete puntos fronte ás eleccións do 2009

O PSOE e o BNG perden a mitade dos votos obtidos no 2009

O Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo gañou as eleccións autonómicas no concello de Ordes. Co escrutinio rematado, os resultados son os seguintes:

Resultados en 2012:
PP: 3.528 (54,43 %)
PSdG-PSOE: 1.041 (16,06 %)
BNG: 762 (11,75 %)
AGE: 670 (10,33 %) 
UPyD: 66 (1,01 %)
Eb: 54 (0,83 %)
CxG: 40 (0,61 %)

Resultados en 2009:
PP: 3. 475 (46,69 %)
PSdG-PSOE: 2.224 (29,88 %)
BNG: 1.365 (18,34 %)
UPyD: 49 (0,66 %)
EU: 34 (0,46 %)
TEGA: 30 (0,40 %)

Resultados en 2005:
PP: 3.510 (49,2 %)
PSdG-PSOE: 1.962 (27,5 %)
BNG: 1.442 (20,2 %)
EU: 31 (0,4 %)

 *

sábado, 20 de octubre de 2012

Os maiores de Ordes se van de turismo pola Costa do Sol

O grupo de ordenses en Marbella.

Torremolinos, Marbella, Puerto Banús ou Málaga son algúns dos lugares visitados

Un grupo de veciños maiores de Ordes está a desfrutar estes días dun periodo de asueto polo sur de España. Torremolinos, Marbella, Puerto Banús ou Málaga son algúns dos lugares que están a visitar durante estes días e nos que, ademais de realizar circuitos culturais e excursións, tamén está a descubrir o mellor da súa gastronomía.

Os ordenses retratados na localidade malagueña de Mijas.

Organizado polo Concello de Ordes
Esta iniciativa está organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes. Entre as facilidades brindadas para unha maior comodidade dos participantes están servicios de pensión completa, transporte, aloxamento e seguros de viaxe.

*

O PP de Ordes avala as inversións da Xunta no CEIP Campomaior

Os populares anuncian que as obras darán comezo durante as vacacións do Nadal

Martínez Sanjurjo: "No PP somos xente de palabra"

Logo da denuncia do silencio do xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, respecto dos investimentos prometidos pola Xunta de Galicia no CEIP Campomaior, o Partido Popular de Ordes reitera que a Xunta de Galicia "investirá un total de 50.000 euros en diferentes actuacións para a mellora da dotacións" do centro. 

A decisión, comunicada no seu momento pola Xunta de Galicia á comunidade escolar, foi reiterada pola candidata do PP ao Parlamento de Galicia e ata hai pouco delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo, no transcurso dun mitin celebrado no Mesón do Vento coa asistencia de 250 persoas.

O Partido Popular de Ordes valora o interese e a implicación da  ANPA do CEIP Campomaior de cara a conseguir melloras para o centro, actitude que sempre contará co pleno respaldo e a comprensión do PP.

Así, e sempre segundo o PP de Ordes, as obras proxectadas permitirán mellorar o equipamento do centro, con novos baños e outras dotacións adicionais. As actuacións anunciadas  iniciarase coincidindo coa proximidade das vindeiras vacacións de Nadal, para evitar interferir no normal desenvolvemento da actividade escolar.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes  
“No PP somos xente de palabra, cun equipo que só se compromete a executar o que pode pagar, polo que o investimento no CEIP Campomaior está fora de toda dúbida”

*