miércoles, 30 de enero de 2013

Orde do día do Pleno de xaneiro en Ordes


O PP de Ordes propón ao Pleno un apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado


Martínez Sanjurjo considera necesario "escenificar a unidade das forzas políticas" fronte á violencia

Os populares condenan as actividades da banda Resistencia Galega

O Partido Popular de Ordes trasladará ao pleno municipal de mañá unha moción na que propón que a totalidade da corporación exprese o seu rexeitamento a calquera tipo de terrorismo por atacar os fundamentos da convivencia democrática e por en risco a integridade física dos galegos e galegas, condenando especificamente as actividades de Resistencia Galega.

Con esta moción, o Partido Popular pretende expresar, ademais, o apoio e recoñecemento ao labor que desenvolven os corpos e forzas de seguridade do Estado na loita contra o terrorismo en Galicia e reiterar o compromiso inquebrantable coas fórmulas de participación política, as únicas aceptables e compatibles co sistema democrático.

Ataque á sede do PP
O 13 de xulo do 2011, a sede local do PP de Ordes foi obxecto dun atentado que se saldou con graves danos materiais. Noutros lugares de Galicia, téñense rexistrado, nos últimos anos, con anterioridade e posterioridade a esa data, feitos similares atribuídos, na maior parte dos casos, ao grupo Resistencia Galega.

Neste escenario, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, considera necesario escenificar a unidade de todas as forzas políticas democráticas para reiterar o rexeitamento a calquera forma de violencia e trasladar o apoio inquebrantable aos membros dos corpos e forzas de seguridade que, co seu traballo, contribúen e protexer ao conxunto da sociedade.

*

O PSOE de Ordes, preocupado polos cortes de luz na gardería municipal


Xesús Pedreira preguntará no Pleno de mañá sobre os motivos que lvaron a Fenosa a interrompir o suministro eléctrico

Os socialistas tamén reclamarán melloras na ordenación da iluminación pública da vila

Iluminación e subministro eléctrico centrarán gran parte das intervencións do PSOE de Ordes no pleno municipal de mañá xoves. Así, Xesús Pedreira preguntará no pleno polos motivos da interrupción do subministro eléctrico á gardería municipal en días pasados, “o cal supuxo unhas condicións precarias para os cativos, segundo as informacións que nos aportaron os afectados, polo que é preciso que se expliquen xa as razóns que levaron a Gas Natural-Fenosa a curtar o subminstro á gardería”.

Así mesmo, os socialistas pedirán unha mellor ordenación da iluminación pública nas rúas de Ordes pois consideran excesiva a iluminación dalgún puntos como, por exemplo, a avenida de Alfonso Senra. “Pensamos que se poden apagar un de cada dous puntos e, aínda así, a iluminación sería máis que suficiente”, apunta Pedreira Mirás.

Muro derrubado no campo da feira do Mesón do Vento.
Arranxos no Mesón do Vento 
Por outra parte, os socialistas solicitarán tamén o arranxo dun muro de contención no punto quilométrico 27 da N-550, ao seu paso polo Mesón do Vento, concretamente no lugar do campo da feira. 

Un muro que se derrubou co gallo da tormenta cicloxénica explosiva Gong e que aínda non foi arranxado. “Queremos saber quen ten a responsabilidade do arranxo: Fomento ou o Concello, e saber que pasos se están facendo para arranxar isto”, explica o concelleiro socialista.

Por último, o PSOE de Ordes pedirá as sinaturas de todos os concelleiros electos da corporación para instar ao Goberno a que rectifique o anteproxecto de reforma da lei de Bases de Réxime Local

Xesús Pedreira considera que esta lei “pretende reducir as competencias municipais e centralizar nas Deputacións as competencias dos concellos pequenos, o que suporá unha perda democrática e unha discriminación para o medio rural”. 

*

O BNG de Ordes pedirá o desaloxo da Garda Civil se non paga antes de 90 días

Dependencias da Garda Civil na rúa República Arxentina de Ordes.
Gonzalo Castro lembra que é o Goberno de Madrid quen ten a obriga de pagar o cuartel de Ordes 

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, anunciou hoxe que o seu grupo defenderá unha moción no Pleno deste xoves na que proporán  que o Concello de Ordes inste ao Goberno Central a pagar o custo do baixo da Garda Civil antes de tres meses, co apercibimento de que en caso contrario desaloxarán á Garda Civil”.

Castro apoiou esta proposta no feito de que “Regos afirmou que se no ano 2012 o Goberno Central non construia o cuartel ou non pagaba o custo dese baixo, o Concello desolaxaría dese baixo á Garda Civil”.

Gonzalo Castro (BNG).
As frases de Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes
"Resulta inadmisíbel que o alcalde adiantase case 500.000 euros ao Goberno Central comprando e acondicionando un baixo para a Garda Civil

“Non nos valen remendos como un aluguer, xa que o Concello precisa de liquidez para resolver desaguisados como a obra da Casa Consistorial e debe recuperar a totalidade da inversión feita nese baixo”

"Resulta lamentábel que o alcalde de Ordes leve cinco anos mentindo aos veciños de Ordes co asunto do Cuartel da Garda Civil, facendo pagar aos veciños e veciñas de Ordes o Cuartel da Garda Civil, cando é o Goberno Central quen ten a obriga de financialo.

*

A ANPA do CEIP Castelao visita o Museo do Traxe

Alumnos e pais e os seus pais e nais, hoxe de visita no Museo do Traxe Juanjo Liñares.
O museo acolle multitude de curiosidades e anécdotas referidas aos traxes de Juanjo Liñares

Membros da Asociación de Naie e Pais (ANPA) do CEIP Castelao de Ordes, así como varios alumnos do centro, acudiron recentemente ao Museo do Traxe para desfrutar dunha xornada do máis entretida. Na súa visita tiveron ocasión de descubrir multitude de curiosidades e anécdotas en relación coas vestimentas e ropaxes que se expoñen nas súas vitrinas. 

A visita englóbase dentro do programa de promoción do museo que se está a levar a cabo entre as asociacións da contorna, cuxos membros poden beneficiarse dunha visita guiada completamente de balde.

*

Máis de 150 asistentes na Xornada de Promoción do Cooperativismo

Ponentes da xornada sobre cooperativismo, hoxe en Ordes.

Manuel Regos destaca a importancia da oficina que dende setembro asesora e presta apoio gratutitamente na comarca de Ordes

Cun número que superou os 150 asistentes, está mañá desenvolveuse en Ordes a xornada sobre cooperativismo. Unha iniciativa cuxo principal obxetivo é o de dar a coñecer un novo xeito de poder desenvolver unha iniciativa laboral en tempos de crise

Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, foi o encargado de abrir esta xornada e de dar a benvida a todos os asistentes. 

Regos destacou a importancia que estas cooperativas teñen en moitos sectores da comarca, como se da no caso da actividade agraria e gandeira

Tamén falaou da importancia e labor que dende a oficina de cooperativismo, instalada nos baixos da Alameda, se está a realizar dende a súa implantación no pasado mes de setembro, e que ata o de agora posibilitou a apertura de dúas novas cooperativas.
    
Durante toda a mañá desenvolvéronse no auditorio da Casa da Cultura unha serie de ponencias, charlas e encontros nos que se abordaron diferentes aspectos do traballo que se ven realizando dende distintas cooperativas. O traballo agrario, o traballo asociado ou a economía social foron algúns dos aspectos dos que se falou ao longo da mañá. 

Máis de 150 persoas seguiron as ponencias na Casa da Cultura.
Participantes
Tamén se aportaron datos relevantes que indican o posicionamento da comunidade galega nesta materia, a cal conta cun total de 1.150 cooperativas e 90.000 persoas asociadas. Os responsables das charlas e coloquios foron: Xoán Miguel Concheiro, subdirector xeral de cooperativas e Economía Social; Ruth Rodríguez Ferreiro, técnico de Agaca e Rosa Álvarez Fernández, técnico de Ugacota, son algúns dos nomes que participarán neste encontro. 

Tamén haberá mesas de traballo nas que as cooperativas Nova Aseconia, Xesforesta e Monte Cabalar compartirán a súa experiencia. A xornada pechouse cunha degustación de productos procedentes de distintas cooperativas do territorio galego.

Exposición
Ademais, ata o vindeiro domingo poderase visitar de balde a exposición Descubre as cooperativas, instalada no Museo do Traxe ubicado no Campo da Feira, tamén na vila de Ordes. Alí unha serie de paneis informativos e de pantallas interactivas resolverán calquera dúbida sobre as cooperativas.

Tanto a mostra como a xornada está financiada pola Mancomunidade de Ordes, Eusumo, o Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia.

*

Ordes acollerá un novo curso de manipulador de alimentos


Será o próximo 7 de febreiro en horario de 16:00 a 19:00 horas

O Concello de Ordes a través do seu Departamento de Emprego convoca un novo curso de manipulación de alimentos, no que xa se pode reservar praza. A xornada formativa desenvolverase a Casa da Cultura o xoves 7 de febreiro nun horario que vai de 16:00 a 19:00 horas.  

Inscricións
Para inscribirse os interesados  deben facilitar os seus datos no Departamento de Emprego na Casa do Concello. Máis información no teléfono 981 680002.

*


Inaugurada a mostra sobre cooperativas no Museo do Traxe

Os sete alcaldes da Mancomunidade e o director xeral de Traballo, onte no Museo do Traxe.

Pretende impulsar o cooperativismo como fórmula de autoemprego
 
Coa presenza do presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos, dos outros seis alcaldes do órgano supramunicipal e do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martina, na mañá de onte inaugurouse a mostra Descubre as cooperativas. Composta por unha ampla serie de paneis informativos e grandes pantallas interactivas poderá visitarse de balde ata o vindeiro domingo no Museo do Traxe.

Con esta iniciativa preténdese incidir na posibilidade de constituir unha cooperativa como unha alternativa o autoemprego “sobre todo no ámbito rural. Actualmente son moitas máis as cooperativas que se constitúen que as que pechan”, tal e como salientou Martiña. 

O director xeral tamén destacou o cuarto lugar que actualmente ocupa Galicia con respecto ás persoas que traballan baixo a fórmula das cooperativas. Neste sentido destacan as cooperativas de servizos, que xunto coas textís, as agrarias e as de transporte son as máis representativas da comarca de Ordes.

Oficinas de fomento ao cooperativismo
Na inauguración da mostra tamén se fixo unha especial mención ás oficinas de fomento ao cooperativismo, que no caso de Ordes está constituida dende o pasado mes de setembro nas dependencias da Mancomunidade, nos baixos da Alameda de Ordes. 

“Unha das maiores ventaxas e puntos fortes destes dezasete centros espallados por noventa concellos de toda Galicia é o servizo de asesoremento e a creación do plan de empresa que se ven realizando. 

*

A CIG denuncia débedas salariais en Electricidad Carlos

Convocan unha folga indefinida para esixir pagos que cifran en máis de sete mil euros por traballador

O sindicato CIG repartiu onte octavillas por toda a vila de Ordes na que denuncia a situación dos traballadores de Electricidad Carlos, S.L. quenes levan sen cobrar os seus salarios dende xaneiro do 2012. Unha débeda que o sindicato cifra en máis de sete mil euros por traballador

Por este motivo, a CIG convocou unha folga indefinida dende o pasado lunes e "ata chegar a unha solución en defensa dos nosos intereses e esixindo o pagamento inmediato dos nosos salarios".

*


lunes, 28 de enero de 2013

O PSOE de Ordes denuncia o paso de camións de Sogama polo centro da vila


Xesús Pedreira: "Vista a cantidade de trafico pesado que aínda circula polo centro de Ordes, queda claro que de pouco ou nada serven os carteis que os invitan a circular pola Rolda Leste"

O PSOE de Ordes denunciou hoxe que algúns camións de Sogama seguen a transitar polo centro da vila de Ordes, concretamente pola avenida de Alfonso Senra, coas molestias que isto supón para os veciños e veciñas do municipio, tanto polos malos cheiros como pola presenza de tráfico pesado na principal travesía ordense. 

O concelleiro socialista, Xesús Pedreira, esíxelle ao alcalde, Manuel Regos, que “dunha vez por todas tome medidas contundentes para desprazar este tráfico de Sogama, e o resto de tráfico pesado, pola Rolda Leste porque, do contrario, a súa construción e o gran investimento que supuxo non terían sentido”.

Rampla de acceso á piscina do Muíño.
Varanda de protección na piscina
Unha petición que o PSOE presentará no pleno municipal deste xoves 31 de decembro, canda outra solicitude para a instalación dunha varanda de protección nos accesos á piscina municipal do Campo da Feira

Xesús Pedreira explica que “nas obras que se realizaron a principio de verán na piscina construíuse unha rampla de acceso dende a rúa do Muíños, dun metro de altitude e que carece de varanda de protección. 

Tendo en conta que se trata dunha zona moi concorrida pola veciñanza, ademais de estar na zona principal de ocio nocturno en Ordes, antes de que haxa un accidente que teñamos que lamentar é preciso que o Concello instale xa esta varanda”. 

Por iso, os socialistas instarán ao alcalde a que instale sen máis demora unha varanda, aínda que só sexa provisional.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE en Ordes
“Moitos veciños notificáronnos con indignación, e nós mesmos puidemos comprobalo, polo feito de que camións de Sogama segan transitando polo centro da vila cando a Ronda Leste é unha infraestrutura que foi construída en especial para sacar este tráfico da zona urbana”

“Vista a cantidade de trafico pesado que aínda circula polo centro de Ordes, queda claro que de pouco ou nada serven os carteis que os invitan a circular pola Rolda Leste"

"Tampouco se percibe que os gardas municipais fagan unha labor de información nas entradas e saídas á N.550 da Rolda, que non pretendemos que sexa permanentemente pero si con algunha regularidade”

*

As xornadas de cooperativismo en Ordes dan comezo este mércores


A asistencia é gratuíta, se ben é preciso rexistrarse no teléfono 981 680002 ou a través do enderezo electrónico: manuel.pena@ordes.dicoruna.es

Ordes acollerá durante esta semana unha xornada e unha exposición sobre o fomento do cooperativismo organizadas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, e que conta coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, da Rede Ensumo e da Unión Europea. 

Dúas iniciativas gratuítas que teñen como obxectivo divulgar os valores cooperativos entre persoas desempregadas, emprendedoras, institucións públicas e privadas e, en xeral, entre calquera persoa interesada.


Casa da Cultura
A Xornada sobre Cooperativismo terá lugar o mércores 30 de xaneiro, entre as 09:30 e as 14:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Ordes. 

A asistencia é libre e de balde, se ben é preciso anotarse previamente na Oficina de Fomento do Cooperativismo, no teléfono 981 680 002 ou a través do e-mail manuel.pena@ordes.dicoruna.es. O prazo de inscrición remata do 29 de xaneiro.

domingo, 27 de enero de 2013

O PP denuncia o corte dunha estrada en Leira por derrubamentos

A pista permanece pechada ao tráfico dende o seu derrubamento a semana pasada.

O suceso tivo lugar fai unha semana entre Meitufe e Porta de Nó e segundo os populares, o Concello de Ordes está "de brazos cruzados"

O Partido Popular de Ordes informou esta mañá de que unha semana despois de que o temporal precipitase un derrubamento na estrada local que enlaza os núcleos de Meitufe e Porta do Nó, en Leira, "Ordes, o Concello continúa de  brazos cruzados, mentres os usuarios da vía se ven obrigados a efectuar rodeos de varios quilómetros para sortear o punto afectado, que permanece pechado ao tráfico".

A pista afectada é unha vía perimetral que discorre próxima á cola do encoro de San Cosmade, que abastece á central térmica de Meirama. 

O portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo, pregúntase se a pasividade que amosa o Concello neste caso sería a mesma se o lugar e dos feitos os afectados fosen outros.

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes 
“Desgraciadamente, o Concello de Ordes actúa de diferente xeito en función das incidencias que xorden en cada momento e semella que, á vista da súa actitude, o rexedor considera aos habitantes de algunhas zonas como veciños de segunda

"A actitude do Concello de Ordes é impresentable e impropia dun concello democrático

O punto limpo de Ordes recolleu máis de 268.000 quilos de residuos no 2012


Foron 25 000 quilos menos que o ano 2011 por mor da crise da construción

As últimas cifras na recollida selectiva de residuos rexistradas no Punto Limpo de Ordes poñen de manifesto a importancia destas instalacións, así como o elevado grao de concienciación que os veciños e veciñas teñen adquirido en materia de reciclaxe. Ao longo do pasado 2012 preto de 268.500 quilos de residuos de toda índole foron depositados neste espazo.

Entre os materiais que máis se depositaron destacan os de construcción (formigón, ladrillos e tellas), con arredor de 30.400 quilos. A isto hai que engadir outros 122.130 quilos doutros  materiais diversos procedentes de obras e demolicións, así como os 17.400 quilos de metais. Se falamos de lodos de pintura e barniz con disolventes foron 32 quilos. No caso dos aceites usados hai que falar de 1.100 quilos, sendo 58 quilos a cantidade de aceites vexetais e 44 quilos de filtros de aceite.

No que se refire a mobles, colchóns e outros voluminosos similares a cifra situase nos 23.400 quilos, e 5.150 no caso dos neumáticos usados, 3.200 quilos de electrodomésticos, ademais doutros 9.150 quilos de televisores e outros equipos similares. Tamén é importante a cifra de 24.300 quilos de material diverso de distinta composición e uso que se rexistraron ao longo de todo o ano. 

Plásticos agrícolas
A cifra alcanzada polos plásticos agrícolas ocupa un lugar importante con case 21.000 quilos, mentres que  9.600 quilos foi a cantidade dos demáis tipos de de plásticos e cauchos. Atendendo aos envases as cifras sinalan 36 quilos en envases de plásticos e 34 quilos en aerosoles. 

Tamén hai rexistro doutros elementos como os 40 quilos de toners de impresión, 2 quilos de radiografías, 900 de cartón, 160 de tubos fuorescentes ou 450 de pilas usadas.

Comparando coas cifras xerais do pasado ano o nivel de recollida descendeu nun total de 25.000 quilos. A maior baixada produciuse no caso dos materiais de construcción con 13.000 quilos menos.

*

O Concello de Ordes imparte un novo curso de carretilleiro


As clases teñen lugar na Casa da Cultura e no recinto feiral de gando do Mesón do Vento.
Son dezaoito as horas de formación presenciais e a través da internet


Esta fin de semana o Concello de Ordes acolle un novo curso de carretilleiro. Na primeira xornada, que tivo lugar na tarde de onte na Casa da Cultura, impartíronse coñecementos teóricos que ao longo desta mañá puñeronse em práctica ao longo desta mañá no circuito habilitado no recinto feiral de gando do Mesón do Vento

Clases tutoriadas
En total son dezaoito horas de formación, oito delas presenciais mentres que as restantes poderán seguirse a través da internet, puidendo contactar co titor para resolver as dúbidas que se presenten. 

*

sábado, 26 de enero de 2013

O PSOE reclama unha senda peonil para a estrada Mesón do Vento-Cerceda

Xesús Pedreira presentou unha moción para reclamar o apoio dos grupos municipais para que a Deputación a inclúa no seu plan de seguridade viaria

O PSOE de Ordes solicitou onte a construción dunha senda peonil de 1.410 metros na estrada DP 2405 Mesón do Vento-Cerceda ao seu paso polo lugar de A Brea, parroquia de Ardemil, orzamentada en 175.216 euros. 

Os socialistas presentaron onte unha moción para o seu debate no pleno ordinario do vindeiro 31 de xaneiro e coa que buscarán o apoio dos distintos grupos municipais para instar á Deputación provincial da Coruña a que inclúa esta senda peonil tan necesaria no seu plan de seguridade viaria

O orzamento de execución material desta actuación ascende a 121.686 euros e o orzamento de execución por contrata é de 175.216 euros.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE)
As frases de Xesús Pedreira, portavoz do PSdG-PSOE de Ordes
Trátase dunha das travesías con maior número de poboación e vivendas nas súas marxes e pola que pasa a diario unha gran cantidade de tráfico rodado pola presenza da central térmica de Meirama, Sogama e o polígono industrial de Acevedo”

“A senda peonil tería unha anchura de 1,8 metros e complementaríase coa colocación das canalizacións de servizos urbanos previstos nun futuro de auga e rede de sumidoiros

O Concello de Ordes inviste 328.000 euros en obras de mellora en distintas rúas da vila

Reformas de novo asfaltado e arranxo de beirarrúas na rúa Casabella.

Manuel Regos: "O Goberno municipal aposta por continuar cunha política de investimento en infraestructuras, porque é o mellor xeito de contribuir ó avance do noso municipio e da súa xente"

O Concello de Ordes ven de emprender unha serie de intervencións que suporán unha mellora nun importante número das rúas do seu núcleo urbánO orzamento é de perto de 328.000 euros cun prazo de execución aproximado de tres meses. 

As beirarrúas e pavimento da rúa Galicia están sendo arranxadas e melloradas así como os cruces e interseccións ubicadas na zona. Tamén estase a instalar unha rede de alcantarillado nova

Tamén na rúa Casabella e Camposanto estanse a levar obras deste tipo. Concretamente un novo asfaltado e melloras  nas interseccións, así como do arranxo das beirarrúas. No caso da rúa Nova tamén se está a repasar o asfaltado ademais de arranxar os desperfectos que se localizan nas beirarrúas en ambas mans.

Rúa Galicia.
Rúa Galicia.
Rúa Casabella
Ademais de todo isto, agás na rúa Casabella, en cada unha destas travesías vaise a instalar un novo sistema de iluminación. Desta maneira subsanaranse os problemas que ata o de agora se viñan dando coas antigas farolas alí instaladas. 

Tamén se subsanará o desnivelado que presentan moitas arquetas instaladas no centro da vila, así como de repintar moitas das súas rúas.

Desglosando o montante total preto de 120.000 euros destinaranse ao cambio dos elementos de iluminación exterior. 146.000 para as intervencións da rúa Galicia. No caso de Casa vella e Camposanto destinaranse algo máis de 126.500 euros, mentres que na rúa Nova empregaranse preto de 12.500 euros. Para a recolocación das arquetas e o repintado das rúas investiranse pouco máis de 23.000 euros.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Se trata duns cartos que redundan no beneficio dos veciños e veciñas de Ordes e que se invisten para dar solución a moitos inconvintes que ata o de agora viñan padecendo os residentes e transeúntes”

"O Goberno de Ordes aposta por continuar cunha política de investimento en pro das infraestructuras do noso municipio, porque é o mellor xeito de contribuir ó avance do noso municipio e da súa xente”

*

Regos: "Ordes non debe nada ás empresas da reforma da Casa do Concello"

O alcalde asegura que as acusacións do PP e BNG están "infundadas" e a retirada dos andamios débese ás tarefas de arriostramento da fachada do edificio

Regos: "Existe un burofax do 27 de decembro na que a constructora lle pide á empresa dos andamios a súa retirada para continuar coa reconstrución"

“O Concello de Ordes non adebeda ningunha cantidade á empresa que está a realizar as obras no antigo consistorio”. Así de taxante se amosou na tarde de onte o alcalde Manuel Regos ante as acusacións por parte do BNG e PP de que a retirada de andamios e lonas que cubren o inmoble da antiga Casa do Concello é debida a impagos.

Regos especificou que a decisión de retirar os andamios foi tomada pola propia empresa constructora para levar a cabo as tarefas de arriostramento da fachada do inmoble. Unha labor que se vai a acometer ao longo dos próximos días e que é imprescindible para o seu vaciado”.

Burofax
Neste sentido o primeiro edil ordense asegura que “existe un burofax con data do pasado 27 de decembro no que a empresa constructora lle solicita á empresa responsable dos andamios a súa retirada con fin de poder continuar co proceso de reconstrución

"Dito isto calquera acusación neste ámbito verquida contra o actual equipo de goberno está infundada”, conclúe o alcalde. 

Según se especifica dende o Goberno municipal, o contrato coa empresa que está a levar as tarefas de reconstrucción conclúe o próximo 31 de xullo “polo que se están a acometer os prazos establecidos para a execución de dita intervención”.

Dende o Concello de Ordes tamén se quere deixar ben claro que a retirada destes elementos non supón ningún risco para a seguridade dos transeúntes nin para os inmobles máis cercanos. 

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Todo iso que se está a decir é falso e responde ou ben á falta de información por parte dalgúns membros da Oposición ou, no peor dos casos que é o máis probable, nun intento de confundir e manipular aos nosos veciños deixando a seriedade e rigor deste Concello en entredito"

“Este Concello sempre cumple pormenorizada e escrupulosamente con todas as medidas de seguridade en calquera ámbito sexa cal sexa a actividade que estamos a realizar”

*

O BNG denuncia o abandono das obras da Casa do Concello de Ordes

Estado actual da vella Casa do Concello de Ordes.

Gonzalo Castro: "Sospeitamos que é debido á falta de diñeiro do Concello, xa que o crédito de 700.000 euros que pediu o alcalde foi destinado a outros gastos"

O BNG de Ordes denunciou onte que a empresa que se encargaba dos traballos de rehabilitación do edifico da antiga Casa Consistorial desmontou os andamios e abandonou a obra en plena execución.

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, sospeita que “esta situación é debido á falta de diñeiro do Concello para acometer estas obras, xa que o crédito de 700.000 euros que pediu o alcalde para acometer esta obra foi destinado a outros gastos”.

Gonzalo Castro criticou duramente a xestión do alcalde en todo o relacionado coa remodelación da Casa Consistorial, que calificou de “caótica, irresponsábel e improvisada”, o portavoz nacionalista xustificou esta valoración afirmando que “primeiro construese un edificio anexo con escasa funcionalidade, onde se ubicaron os servizos administrativos do Concello e agora no colmo dos despropósitos pretendíase destinar a totalidade do edificio da antiga Casa Consitorial a salón de plenos e despachos do alcalde e dos grupos políticos, para finalmente abandonar esta obra e deixar un dos edificios máis emblemáticos de Ordes medio demolido e nun estado de absoluto abandono”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O alcalde estase a rir dos veciños, xa que primeiro endebeda o Concello cun préstamo de 700.000 euros para facer un mausoleo para satisfacción do seu ego persoal na antiga Casa Consistorial, e finalmente gasta ese diñeiro noutras cousas abandonando o edificio en estado ruinoso despois de iniciar a súa demolición”

“É un escándalo a ineptitude dun alcalde que está a facer que Ordes sexa noticia por unha xestión que supera o ridículo máis espantoso”

*

O PP denuncia a retirada de andamios do Concello por impago de 37 000 euros

Estado actual da fachada leste da antiga Casa do Concello de Ordes.

Os populares denuncian que o mal tempo e os problemas estructurais do edificio poden precipitar derrubamentos en ausencia dunha estructura perimetral de protección

O Partido Popular de Ordes denunciou onte que a estructura de andamios que rodeaba desde setembro a antiga Casa do Concello de Ordes acaba de ser retirada pola empresa titular por impagamento dos traballos xa realizados, dado que acumula unha débeda de 37.000 euros

O Partido Popular de Ordes denuncia que este feito constitúe o "enésimo despropósito do Concello", que logo de acometer unha intervención que provocou "serios danos estructurais" no edificio, agora "non é capaz de resolver a situación".

A retirada da andamiaxe metálica perimetral pode conducir, en opinión dos populares de Ordes, a males maiores, dado que sen esa protección, as inclemencias meteorolóxicas desta época do ano, unidas ao delicado estado da estructura, poderían provocar  desprendementos ou mesmo ao derrubamento de parte do edificio. 

A maiores, o edificio xa foi desprovisto de cuberta, polo que as intensas chuvias que se rexistran durante estes meses poden agravar os serios danos que presentaba a construcción.

Ademais, sempre segundo o PP, a pasada fin de semana, a grúa situada ao carón do edificio en obras presentou unha situación de elevado risco por mor dun bloqueo do seu rotor. A avaría inmobilizou a capacidade da estructura para posicionarse automaticamente e minimizar os efectos do vento.

Extremar a seguridade
Neste escenario, o Partido Popular de Ordes esixe ao alcalde que asuma a súa responsabilidade e extreme as medidas de seguridade no contorno do edificio, para evitar que calquera desprendemento se poda traducir en lesións para as persoas ou vehículos que podan transitar polas inmediacións.

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, trasladará este asunto ao Pleno Municipal previsto para o xoves da próxima semana.

*

Regos, moi descontento coa decisión de Rueda e Rey Varela de excluír a Ordes do mapa de emerxencias de Galicia


O alcalde alerta de que esta decisión poder poñer en risco aos veciños de Ordes

Ante a exclusión de Ordes do novo mapa de emerxencias de Galicia, decisión adoptada conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), o alcalde Manuel Regos pon de manifesto o seu descontento con tal decisión e o “perxuizo que esta decisión pon para todos os veciños e veciñas de Ordes”. 

En relación a este tema recentemente o alcalde enviou unha petición escrita na que se solicitaba tanto ó vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, como ao presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, que reconsideraran o que ata ese momento era unha posibilidade. 

En dita misiva destacábase a labor tan importante que este grupo de seguridade viña desenvolvendo tanto na vila como no resto das parroquias ordenses. 

A decisión feita pública hoxe xustifícase na existencia dun parque de bombeiros ubicado no polígono empresarial de Merelle, nas inmediacións do casco urbán de Ordes. Según a Xunta e a Fegamp dende este  parque pódense suplir as funcións desenvolvidas polos membros do Grumir. Unha explicación da que categóricamente discrepan dende a alcaldía de Ordes. 

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“O cometido dos bombeiros é claramente moito máis restrinxido que o do Grumir"

"As funcións do Grumir pasan pola colaboración en canto a intervención en accidentes de tráfico, en incendios forestais e urbáns, tarefas e traballos de prevención ante situacións derivadas de riscos naturais (temporais, inundacións, etc)

"Tampouco hai que esquecerse da gran colaboración que viñan prestando coas entidades competentes en canto a seguridade vial ou ante calquer situación que implique un risco tanto para as persoas como para o medio ambiente”

*

O Concello de Ordes programa unha excursión a Cantabria

Os participantes poderán coñecer, entre outras localidades, Santillana del Mar (arriba na foto).

A viaxe terá lugar do 21 ao 24 de febreiro e o seu custe ascende a 160 euros

Inscricións ata o 8 de febreiro na Casa do Concello

O Concello de Ordes pon a disposición de todos os seus veciños con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos unha nova actividade de acción. ‘Multiaventura en Cantabria’ ofrece a posibilidade de desfrutar dunha xornada no parque multiaventura de Cabuerniga, ademais de poder levar a cabo rutas de sendeirismo e visitas guiadas a localidades como Santillana del Mar, Comillas, Torreavega, San Vicente de la Barquera ou Potes entre outras. 

A viaxe terá lugar do 21 ao 24 de febreiro e o seu custo ascende a 160 euros. Un importe que inclúe tanto o aloxamento nun hotel de 3 estrelas como a pensión completa.

Inscricións
Aquelas persoas que estén interesadas poderanse inscribir dende o próximo luns día 28 ata o 8 de febreiro na Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada no primeiro da Casa do Concello. 

Máis información nos teléfonos 981 680 002.

*