jueves, 28 de febrero de 2013

Mesón do Vento prepárase para a súa festa do lacón con grelos


Terá lugar os próximos días 9 e 10 de marzo en Ardemil

Mostras de gando, de maquinaria agrícola, probas de gando vacún, degustacións gastronómicas e música en vivo completan o programa

O lugar do Mesón do Vento, na parroquia de Ardemil, acollerá o próximo sábado 9 e domingo 10 de marzo a tradicional festa do lacón con grelos, que este ano xa vai pola 15º edición. 

Como novidade, este ano celebrarase unha mostra morfolóxica de gando vacún, que terá lugar o sábado a partir das 16.30 horas. Unha xornada que dará comezo ás 10:00 horas coa apertura do recinto, que acollerá unha exposición de gando e unha exposición de maquinaria agrícola

Ese mesmo día, tanto ás 14:00 como ás 20:00 horas, tamén haberá tempo para a festa a música e o baile coa sesión vermú e a verbena nocturna que estará amenizada por un conxunto musical.

Xornada do domingo
A xornada do domingo comenzará tamén ás 10:00 horas. Pouco despois comenzarán a repartirse as primeiras racións de lacón con grelos nos distintos establecementos da zona. Unha degustación que coincidirá cunha concentración moteira organizada polo clube Biela Queimada. 

A partir das 12:00 terá lugar a proba de andadura federada galega de dous e catro tempos. Novamente a partir das 15:30 horas disputarase a carreira de trotóns

Tamén a música en vivo e o baile marcarán esta xornada de festa tanto a mediodía como a última hora da tarde.

*

miércoles, 27 de febrero de 2013

Manuel Regos reclama á Xunta de Galicia máis cursos formativos na comarca de Ordes

De esq. a der. Regos, Gonzalez e Fernández esta mañá xunto ao grupo de quince mulleres da comarca de Ordes.

Foi durante o acto de entrega de certificado de profesionalidade a quince mulleres da comarca

Manuel Regos: “A partir de agora, estas persoas teñen unha oportunidade laboral que poderían levar a cabo baixo a fórmula do cooperativismo”

Esta mañá tivo lugar o acto de entrega dos certificados do módulo formativo ‘Apoio domiciliario e alimentación familiar’. Unha cita que se desenvolveu no salón de plenos do Concello de Ordes e que foi presidida polo presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete

Tamén acudiron ao acto Miguel Fernández Blanco, presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, e María Amparo González Méndez, directora xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. 

Todos eles recoñeceron e agradeceron o apoio e traballo relizado polos servizos de atención social do Concello de Ordes, así como a labor municipal en materia de integración e inclusión social.

Certificados de profesionalidade
En total foron quince as mulleres ás que se lles entregou este “certificado de profesionalidade que ademais de demostrar o esforzo e  adicación tamén facilitará a inclusión no mundo laboral” según palabras de González Méndez. 

O curso supuso máis de cen horas de formación teórica e práctica que se desenvolveron durante os meses de outubro e novembro do ano 2012. 

Unha iniciativa englobada dentro do II Plan de Inclusión de Galicia e a Asociación Plataforma polo Emprego. Nela participaron tanto a Mancomunidade de Ordes, a través do Centro de Información á Muller, como o Concello de Ordes. 

O apoio e dotación de coñecementos e formación laboral para as persoas en risco de exclusión social é o obxetivo fundamental deste plan, “que abrangue a tramitación da lei de inclusión social no Parlamento de Galicia ao longo dos próximos meses”, tal e como avanzou a directora xeral de Familia.

Manuel Regos, no centro, xunto con María Amparo González, directora xeral de Familia da Xunta de Galicia; e Miguel Fernández, presidente de Plataforma polo Emprego.
"Máis cursos formativos"
O presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, lembroulles a todas as presentes que “a partir de agora teñen unha oportunidade laboral que poderían levar a cabo baixo a fórmula do cooperativismo”. 

Neste aspecto ofreceulles os servizos que se prestan dende a oficina de cooperativismo que a Mancomunidade ten ubicada nos baixos da Alameda de Ordes. 

Regos tamén aproveitou a ocasión para reclamar “máis cursos formativos tanto para homes como para mulleres, dado o elevado índice de paro que presenta a comarca”.
   
Miguel Fernández tamén explicou que Ordes é unha das mellores localizacións para emprender medidas deste tipo por tratarse dun punto onde reside moita xente que necesita deste apoio. Tamén por ser un lugar moi atractivo para que a xente veña a residir e por ofrecer a posibilidade de emprender un proxecto laboral”.

*

O PP de Ordes pide "axilidade" na reparación do alumeado eléctrico na Espenica

Martínez Sanjurjo reclamará ao alcalde no pleno de mañá "que tome medidas" para resolver estes problemas

Os populares reclaman tamén unha parada de autobús na rúa do Mediodía

O Grupo municipal do Partido Popular de Ordes reclamará no pleno previsto para mañá unha "maior axilidade" do Concello á hora de arranxar as averías que se presentan no alumeado público municipal, dado que segundo aseguran, "moitas peticións tardan semanas en ser atendidas, e así o acreditan os veciños".

Na mesma liña, os populares de Ordes reclamarán ao alcalde que tome medidas, ou efectúe as xestións necesarias, para corrixir deficiencias de subministración eléctrica que afectan aos veciños do lugar da Espenica, onde os picos de tensión poden danar electrodomésticos e outros equipos eléctricos.

Mellora de sinalización
No pleno de mañá, o Grupo do Partido Popular instará tamén ao Concello de Ordes a efectuar as xestións oportunas para mellorar a sinalización  horizontal –actualmente e segundo sinalan, é "moi confusa"- no cruce que enlaza a N-550 coa rolda leste a entrada de Ordes dende Santiago, e coa estrada de Cerceda e co parque empresarial de Merelle.

No capítulo de rogos, o grupo que dirixe José Luis Martínez Sanjurjo instará tamén ao Concello a repintar a e garantir a dispoñibilidade do espazo necesario para unha parada do bus escolar na rúa Mediodía, na vila de Ordes.

Estrada cortada por un desprendemento
O Partido Popular tamén aproveitará o Pleno para reclamar ao Concello que explique se ten efectuado algunha xestión encamiñada a arranxar os desprendementos rexistrados hai xa un mes na ponte do Pravo Novo, na estrada que enlaza Meitufe coa Porta do Nó, e que desde entón permanece cortada ao tráfico, obrigando aos usuarios habituais a efectuar desvíos de varios quilómetros.

Ao mesmo tempo, o PP de Ordes preguntará se está previsto convocar por vez primeira en case dous anos o Consello Local da Emisora Municipal, que segundo os populares, "leva oito meses a espera de reunirse, mentres ese medio se dedica a ensalzar o labor do equipo de Goberno e a ningunear e ignorar á oposición".

*

martes, 26 de febrero de 2013

Ordes enviste 119.000 euros nun novo sistema de iluminación do casco urbano



O proxecto inclúe a instalación de 40 novas farolas que suporán un aforro enerxético e de gasto dun 25%

O Concello de Ordes está a levar a cabo nestes días a instalación do novo sistema de iluminación en diversas rúas do casco urbano. Concretamente trátase das rúas Lagartos, Galicia e Nova, onde o departamento de Urbanismo está a realizar un investimento que supera os 119.000 euros.

Corenta novas farolas
En total son corenta os novos puntos que a empresa Rofaya está a colocar e que estarán en pleno funcionamento ao longo das vindeiras semanas. 

As novas farolas únicamente proxectan luz nunha única dirección, é decir cara abaixo, eliminando así a contaminación lumínica. 

Outra diferencia coas anteriores é que estas instalaranse nunha das beirarrúas, xa que dada a altura do mástil proxecta luz a ambos lados dos tramos, polo que o número de farolas vese reducido considerablemente con esta nova medida.

A frase de Roberto González, concelleiro de Urbanismo de Ordes
“As novas farolas que se están a colocar suporán tanto un aforro enerxético como unha reducción no recibo da luz de preto dun 25% aproximadamente”

*

A Corporación debatirá en pleno este xoves o uso dos terreos da praza de abastos



A reunión plenaria ordinaria do mes de febreiro terá lugar nos baixos da Alameda a partir das 20:00 horas

O Concello de Ordes celebrará este xoves a partir das 20:00 horas a sesión plenaria ordinaria da súa Corporación municipal correspondente ao mes de febreiro.

A cita terá como puntos principais da orde do día a modificación do terreo onde se ubica a praza de abastos, cuxa categoría pasará a ser de equipamento de abastecemento e suministración co uso complementario técnico administrativo. 

Trátase dunha medida imprescindible para poder levar a cabo a moción presentada no pleno de novembro polo grupo municipal socialista, na que se demandaba a creación dun centro municipal de emprendemento na segunda pranta do inmoble.

*

lunes, 25 de febrero de 2013

Manuel Regos presidirá a entrega de certificados ‘Apoio domiciliario e alimentación familiar’

Terá lugar este mércores 27 ás 11:00 horas no salón de plenos do Concello de Ordes

O alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade, Manuel Regos, presidirá este mércores no salón de plenos do Concello de Ordes o acto de entrega de certificados do módulo formativo ‘Apoio domiciliario e alimentación familiar’

No acto, que terá lugar ás 11:00 horas, tamén participarán Miguel Fernández Blanco, presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, e María Amparo González Mendez,  directora xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Quince mulleres
Serán quince as mulleres ás que se lle fará entrega deste título, integrado no curso ‘Atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio’. En total foron máis de cen horas de formación teórica e práctica que se desenvolveron durante os meses de outubro e novembro do ano 2012. 

Unha iniciativa na que a Mancomunidade de Ordes, a través do Centro de Información á Muller, así como o Concello de Ordes participaron na organización desta iniciativa co II Plan de Inclusión de Galicia e a Asociación Plataforma polo Emprego.

*

O PSOE de Ordes pídelle a Rajoy que retire o anteproxecto de reforma municipal

Xesús Pedreira: "O Goberno utiliza o argumento da austeridade e da crise económica para suprimir ou encarecer os servizos públicos”

O Partido Socialista de Ordes pedirá no pleno municipal deste xoves que se solicite ao Goberno a retirada do anteproxecto de lei de Reforma da Administración Local xa que “pon en xaque os fundamentos do municipalismo e, con el, a base mesma dun modelo que garantiu a cohesión social do noso país durante os últimos trinta anos”, explica o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira

Así mesmo, solicitará que se abra un proceso de negociación con todos os grupos parlamentarios e coa FEMP para abordar un novo marco legal para o mundo local que garanta a autonomía local e os dereitos sociais dos cidadáns.

Os socialistas de Ordes pedirán a unión de todos os grupos municipais contra unha "lei inxusta" e farán un chamamento a reafirmar a autonomía local e a recoñecer o labor que veñen realizando os concellos, especialmente os máis pequenos. 

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes
“Todos somos conscientes da necesidade de aplicar o rigor, a austeridade e a eficiencia na administración dos recursos pero estes argumentos non se poden utilizar como coartada para suprimir ou encarecer os servizos públicos” 

“Lonxe de atender as demandas históricas dos Concellos sobre unha reforma das leis e do financiamento local, o Goberno quere deslocalizar e afastar dos veciños as competencias propias dos Concellos, que nalgúns casos desaparecerán ao ser traspasadas ás Comunidades autónomas sen recursos financeiros e noutros casos pasarán ás Deputacións, polo que poderán ser privatizados co conseguinte aumento das taxas e dos prezos que pagan os cidadáns”

*

Os Viqueiras homenaxean á nosa Rosalía

Os Viqueiras, na Alameda de Ordes / Foto: Sonia.
O grupo ordense de gaitas acudiu ao chamamento na honra da poeta padronesa

O grupo de gaitas Os Viqueiras acudiu ao chamamento que a Fundación Rosalía de Castro, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, fixeron a todos os gaiteiros e gaiteiras do país para que  na mañá do domingo 24 de febreiro saíran ás rúas a celebrar o Día de Rosalía

Se celebraba o 176 aniversario do seu nacemento e 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos cunha interpretación masiva da Alborada de Rosalía.

Podes escoitar a interpretación dos Viqueiras facendo clic baixo estas liñas:



*

domingo, 24 de febrero de 2013

O PSOE de Ordes pide unha baixada nos impostos municipais


Para evitar unha merma recaudatoria ao Concello, Pedreira propón incrementar as taxas ás entidades bancarias e empresas de telefonía

O Partido Socialista de Ordes pediulle ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, que realice unha serie de baixadas nas taxas e impostos municipais en función dos ingresos dos veciños e veciñas de Ordes e a súa relación co Salario Mínimo Interprofesional (SMI, 645 euros). 

Unha proposta que os socialistas presentarán no pleno da vindeira semana e que inclúe exencións para as familias con menos recursos que se financiarían co incremento de taxas municipais ás entidades bancarias e a empresas de telefonía móbil. 

Por iso, os socialistas proporán tres medidas1-  Fraccionar o pago do IBI en tres prazos: 20 de xullo (20%), 20 de setembro (30%) e 20 de novembro (50%). 2-  Conxelar a base liquidable e do tipo impositivo do IBI sobre os terreos e propiedades urbana do Concello. 3-      Modificar as ordenanzas fiscais e establecer exencións e bonificacións fiscais para as taxas de auga e recollida de lixo en función dos ingresos e a súa relación co Salario Mínimo Interprofesional. 

Deste xeito habería exencións do: 100% para ingresos anuais inferiores ao SMI; 75% para ingresos anuais menores ou iguais ao 1,05 do SMI; 50% para ingresos anuais menores ou iguais ao 1,1 do SMI; 25% para ingresos anuais menores ou iguais ao 1,5 do SMI

Medidas complementarias
Para evitar unha merma de ingresos no Concello de Ordes, o portavoz municipal do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira, propón medidas complementarias como: 1- crear unha taxa aos caixeiros automáticos das entidades bancarias presentes na vila; 2- incrementar a taxa ás empresas privadas de telefonía e TV pola instalación de antenas no municipio; 3- incremento da taxa por solicitar licenza urbanística a empresas de telefonía, electricidade e bancarias: 4- incremento da taxa ás compañías aseguradoras polos informes de sinistros de tráfico da Policía Local; 5- incrementar a taxa por instalación de vallas publicitarias en terreos privados ou públicos.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdeG-PSOE en Ordes
“A crise económica, sumada aos recortes do Goberno e ao incremento dos impostos e do IVE fronte á conxelación dos salario e a supresión da paga extraordinaria aos funcionarios, están a repercutir negativamente nas maioría das familias, polo que dende o Concello deberiamos facer o que estea na nosa man para evitar incrementarlle unha maior carga impositiva as ordenses”

*

Noite de tasca en... Xanceda o 1 de marzo


viernes, 22 de febrero de 2013

Os irmáns David e Luis Pena, de Trasmonte, gañan un premio nacional de mecánica de automobil

Os irmáns David e Luis Pena Botana, veciños de Trasmonte, hoxe ás portas do IES Nº 1 de Ordes.

"Este recoñecemento, “que nos anima a seguir estudiando e invertindo na nosa formación”, aseguran

O premio foi entregado hai escasos días en Madrid

O Concello de Ordes felicitou aos irmáns David e Luis Pena Botana tras acadar o primeiro premio nacional na X edición do concurso nacional Jóvenes Técnicos en Automoción. Estes dous alumnos do 2º curso do grao medio de automoción do IES Nº1 de Ordes acadaron recentemente este recoñecemento, “que nos anima a seguir estudiando e invertindo na nosa formación”, aseguran. 

Organizados pola Fundación Compromiso con la Formación Profesional (Comforp) estes premios recoñecen aos mellores alumnos de todo o territorio nacional dentro das ramas de tecnoloxía, carrocería,  pintura, e vehículos industriais.

 Tres fases
As tres fases das que constou este concurso foron superadas cun éxito por parte destes dous irmáns de Trasmonte. Na primeira delas respostaron rápida e correctamente a todo o cuestionario que se lles enviou a través da internet.  

Na segunda proba desprazaronse ata os talleres Louzao de Santiago de Compostela para demostrar a súa destreza no alineado de direccións

Xa por último realizaron unha analítica de gases perfecta, exhaustiva e completa que convenceu ao xurado de que eles eran os merecedores do galardón. A puntuación que obtiveron foi de 81,83 puntos sobre 100. 

Por detrás deles situouse o IES valenciano O Cabañal con 78,83 puntos, mentres que o terceiro posto con 77,5 puntos foi para o IES Diego Marín de Aguilera, de Burgos. 

No acto de entrega de galardóns, que se celebrou hai escasos días no recinto do IFEMA en Madrid, os irmáns Pena Botana agradeceron públicamente “o esforzo e apoio por parte de todo o departamento de automoción na súa formación” do centro académico ubicado en Ordes.

IES Nº 1 de Ordes
Actualmente o IES Nº1 de Ordes imparte os cursos de grao medio de Formación Profesional tanto de automoción como de traballo administrativo. A demanda para cursar estudos nestas áreas é moi elevado, chegando a completarse prácticamente a totalidade dos cursos. 

Dende o centro demandan que se impartan tamén os restantes cursos de ciclo superior ou ben que se complete coa instauración do ciclo medio de carrocería

*

O 'poliño Manoliño', de visita na biblioteca

O conto O poliño Manoliño, esta tarde na biblioteca municipal de Ordes.

Preto dun cento de nenos e nenas de Ordes disfrutaron da Tarde de contos e lendas da biblioteca


A biblioteca municipal de Ordes acolleu esta tarde unha nova entrega das súas Tardes de contos e lendas. Dende as 18:30 horas, arredor dun cento de rapaces e rapazas disfrutaron co relato O poliño Manoliño, ofrecido polo grupo Duendecico

*

jueves, 21 de febrero de 2013

Pereira celebrou o seu Entroido do xeito máis doce

A súa asociación de veciños e veciñas organizou un concurso de repostería típica destas datas

A gañadora foi Remedios Veiras Varela

A asociación de veciños de Pereira organizou o pasado sábado de Piñata un concurso de doces de Entroido. 

Entras as delicias que poideron desgustarse estaba as orellas, rosquillas, periquitos e as imprescindibles filloas

As gañadora foi Remedios Veiras Varela.

*


Rematan os cursos de informática e internet de Ordes

Os veciños e veciñas participantes no curso de informática organizados polo Concello de Ordes.

O Concello ultima xa unha nova edición que dará comezo a partir do mes de marzo

Máis de trinta veciños e veciñas remataron nesta semana os cursos de informática organizados polo departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes, recibindo cada un deles un diploma acreditativo.

O Concello xa ultima os detalles dos próximos cursos de iniciación a Windows XP e do nivel 3 e avanzado da internet, que darán comenzo a partir do próximo mes.  

*

O PSOE denuncia o "pésimo estado" das pistas das parcelarias de Parada, Lesta e Mercurín


Pista rural na parcelaria de Parada.
Xesús Pedreira: "Hai que desbrozar as pistas e imos pedirlle ao Concello de Ordes que solucione o problema" 

O Partido Socialista de Ordes denunciou hoxe o "pésimo estado de conservación" das pistas de concentración parcelaria nas parroquias de Parada, Lesta e Mercurín. 

Recollendo as denuncias de veciños e veciñas destas parroquias, os socialistas de Ordes presentaron estas queixas diante do Concello e pedirán tamén no vindeiro pleno ordinario unha solución para estes veciños. 

“É evidente que fai falla unha actuación, hai que desbrozar as pistas e imos pedirlle ao pleno que o Concello solucione o problema pois é a súa responsabilidade”, adianta Xesús Pedreira, portavoz do PSdG-PSOE de Ordes .

As pistas referidas están incluídas dentro das concentracións parcelarias Mercurín-Lesta II e Santa Mariña de Parada II, que suman máis de 2.100 hectáreas. A pesar de contar coas súas bases definitivas aprobadas, ambas están paralizadas pola Xunta de Galicia dende hai varios anos, aínda que as pistas si foron entregadas ao Concello de Ordes.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE). 
As frases de Xesús Pedreira, portavoz do PSdG-PSOE de Ordes 
“Se ben é certo que a Xunta recortou as súas achegas e medios para facer estes desbroces, non é de recibo que os veciños se atopen con serias dificultades para poder pasar por estas pistas, pois incluso nalgunha dela nos comentan que os toxos case que pasan dun lado ao outro da pista”

“Xa denunciamos no seu día que esas pistas deben manterse limpas pois, no caso de lume no monte, poden axudar tanto a evitar a extensión das lapas como a facilitar o acceso dos medios de extinción

“O responsable da mala conservación destes viais é o Concello de Ordes xa que, aínda que as parcelarias non están rematadas, as pistas si que foron entregadas ao Concello que é o máximo responsable do seu mantemento para garantir o paso dos veciños e tamén evitar riscos en caso dun posible lume forestal

*

martes, 19 de febrero de 2013

Máis de 3500 persoas disfrutaron do Sábado de piñata en Ordes


Primeiro premio individual adultos: Estatua da Liberdade, de Ordes.

Repartíronse máis de 4000 euros en premios

Máis de 3.500 persoas disfrutaron do sábado de piñataen Ordes. A cita arrancou ás 17:00  horas cando os  máis de 200 participantes iniciaron o desfile que percorreu as principais rúas da vila ata chegar ata o Campo da feira. Alí celebrouse o concurso de disfraces, comparsas e carrozas no que se repartiron máis de 4.000 euros en premios

Unha dotación para a que se contou coa colaboración de Reale Seguros e da Asesoría Jaime Castro. Os participantes desta edición chegaron de todos os puntos da comarca, e outros concellos como os de Santiago de Compostela, Teo, Carral, Noia, Laracha, Teo, Cambre, Arteixo, A Coruña ou Verín, entre outros.

Gañadores 
Individuais adultos
1º premio  Estatua da Liberdade  (Ordes) 175 euros
2º premio  O demo  (Verín) 125 euros
3º premio   Modelo confeccionado con bolsas  (Cambre) 90 euros

Premio individual infantil: El Baile del Caballo, de Ordes.
Individuais infantís
1º premio  El Baile del Caballo  (Ordes) 125 euros
2º premio  Gangnan Style by Ramiro (Arteixo) 90 euros
3º premio  Saborosos Cupcakes  (Ordes) 75 euros
Primeiro premio comparsa adultos: A caixa dos xoguetes, de Poulo.

Comparsas adultos
1º premio  A Caixa dos Xoguetes  (Poulo) 400 euros
2º premio  Superheroes de Marvel  (Ordes) 300 euros
3º premio Mercagrelo  (Oroso) 200 euros

Primeiro premio comparsa infantil: Os Viaxeiros da Lúa, de Ordes.
Comparsas infantís
1º premio Os Viaxeiros da Lúa   (Ordes) 200 euros
2º premio Bollywood Campomaior  (Ordes)  150 euros
3º premio Os frijolitos co Mariachi Tolo  (Ordes)  125 euros

Primeiro premio carrozas: Invasión Alienígena, de Ordes.
Carrozas
1º premio Invasión Alienígena (Ordes)   600 euros
2º premio Locos Anos 60 (Arteixo)  400 euros

Mellor comparsa municipal
El Discurso del Rey (Ordes)  200 euros

Premios local accésit
Parella Española  (Ordes)  100 euros
Os Heroes da Compra  (Ordes)  100 euros
Irlanda Folk  (Ordes)  100 euros
Avestruces Merengueras  (Ordes)  100 euros
Eduardo Manostijeras  (Ordes)  100 euros
Misa en Ordes  (Ordes)  100 euros
Xefe Lndio e Familia  (Ordes)  100 euros
Abellas Mel Pops  (Ordes)  100 euros

Premio Simpatía: Ordes Style, de Ordes.
Premio Simpatía
Ordes Style (Ordes)  150 euros

*

Nova tarde de contos e lendas na biblioteca de Ordes


Duendecico ofrecerá o relato O poliño Manoliño

A biblioteca municipal de Ordes acollerá este venres unha nova entrega das súas 'Tardes de contos e lendas'. 

A partir das 18:30 horas, o grupo Duendecico ofrecerase o relato O poliño Manoliño especialmente orientado a nenos e nenas entre 3 e 8 anos de idade.

*

viernes, 15 de febrero de 2013

Todo OK nas obras da antiga Casa do Concello

Estado actual da rehabilitación do Palacio Municipal de Ordes.

As obras no edificio continúan executándose ininterrumpidamente e con total normalidade

As obras do Palacio Municipal de Ordes continúan executándose con normalidade e de xeito continuado tras a instalación do estibado que, dende hai xa máis dunha semana, se instalaou nas prantas superiores do inmoble. 

Segundo informa o Concello de Ordes, o mes pasado, o equipo do Goberno municipal saliu ao paso de falsas acusacións por parte de membros da Oposición que aseguraban da paralización deste proxecto por mor dunha débeda contraída coa empresa constructora. 

Tal e como explicou a tenente alcalde Silvia Marín no último pleno “non existe tal débeda e o motivo da retirada dos andamios debeuse a unha petición por parte da constructora á empresa que os colocou”. 

Un argumento que os membros da Oposición poideron corroborar a través do burofax que se enviou con tal requerimento, e que Marín amosou na sesión plenaria a todos os que llo solicitaron. 

*

O PSOE de Ordes denuncia vertedoiros incontrolados en Parada e Montaos



Xesús Pedreira: "É lamenta que a Xunta de Galicia aproveite estes tempos de crise para recortar tamén en medio ambiente”

O Partido Socialista de Ordes denunciou hoxe a proliferación de vertedoiros incontrolados nas parroquias de Parada e Montaos, en especial nas inmediacións da antiga vía do tren, en especial no tramo que vai dende a ponte da antiga estación de Parada ata Fosado, onde se concentran tres dos catro vertedoiros localizados. 

O cuarto está situado detrás do lugar do Empalme (Ordes), tamén en dirección a Parada. 

Neste sentido, o PSOE responsabiliza á Xunta de Galicia da redución das achegas a programas de protección e recuperación medioambiental nos municipios galegos. 

Así mesmo, o portavoz socialista en Ordes, Xesús Pedreira, responsabiliza tamén ao Concello de Ordes da redución dos medios para a defensa do medio ambiente.

O Partido Socialista de Ordes porá en coñecemento do Concello de Ordes a localización exacta destes vertedoiros incontrolados para que proceda á súa inmediata eliminación e esixirá tamén a toma de medidas preventivas para tratar de que non se volvan reproducir.

As frases de Xesús Pedreira, portavoz municipal do PSdG-PSOE de Ordes

“Lamento moito que se aproveiten estes tempos de crise para recortar tamén en medio ambiente” 

“Cando os socialistas estabamos á fronte da Concellería de Medio Ambiente, o Concello de Ordes asinou varios convenios con Sogama que non só serviron como contraprestación ás molestias que ocasiona a planta incineradora, senón que permitían a realización de programas de prevención e concienciación da veciñanza”

“A proliferación destes vertedoiros está directamente relacionada coa desaparición das subvencións en medio ambiente 

"Esixímoslle ao Concello de Ordes que realice unha política medioambiental baseada en feitos, non en propaganda e defenda os intereses dos ordenses diante da administración autonómica"

*

miércoles, 13 de febrero de 2013

O DNI poderá renovarse en Ordes


Unha unidade móbil da Policía Nacional realizará esta labor os días 27 e 28 de febreiro e 1, 4 e 5 de marzo


Durante os días 27 e 28 de febreiro e 1, 4 e 5 de marzo os veciños e veciñas de Ordes poderán renovar ou solicitar o seu DNI sen ter que desprazarse do municipio. 

Unha unidade móbil da Policía Nacional levará a cabo esta labor na Casa da Cultura, situada no número 25 da rúa Galicia. O horario de atención ao público irá dende as 09:00 ata as 12:00 horas.

Para facer uso deste servizo é imprescindible reservar cita previamente nas oficinas xerais do Concello, ou ben chamando ao teléfono 981 680002 de 08:00 a 15:00 horas.

*