domingo, 31 de marzo de 2013

Moitas consultas sobre o consumo de drogas no Campo da feira

Un grupo de xóvenes achegándose á carpa instalada no Campo da feira de Ordes.
A carpa de Asfedro acolleu as consultas de máis dun cento de xóvenes

Máis de medio cento de mozos e  mozas achegáronse ata a carpa que a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) instalou a madrugada do pasado venres no Campo da Feira de Ordes. 

Unha iniciativa realizada conxuntamente co Concello de Ordes e da que fixeron uso máis de  medio cento de mozos e mozas que acudiron á festa Wake up! Que se desenvolveu na discoteca LP45. 

Algunhas destas consultas incluiron o análisis voluntario e gratuíto de sustancias, entre os que abundaron a cocaína e a metilendioximetanfetamina, máis coñecida como éxtase ou MDMA

*

Galería de fotos Venres Santo en Ordes


viernes, 29 de marzo de 2013

Continuan as celebracións da Semana Santa de Ordes

Momento da celebración da misa de Xoves Santo, onte na igrexa parroquial de Santa María de Ordes.
Esta noite terá lugar a procesión do Cristo Xacente polas rúas da vila 

Na tarde de onte, a igrexa parroquial de Santa María de Ordes acolleu a misa de Xoves Santo á que acudiron centenares de veciños e veciñas. Un acto oficiado polo pai Fernando García, chegado dende o santuario da Virxe do Camiño, en León 

Procesións
Xa hoxe, Venres Santo, terá lugar a procesión da Virxe das Dores e da Soidade e a do Cristo Xacente a partir das 21:30 horas polas principais rúas da vila, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. 

*

O Concello de Ordes inclúe a mellora do vial da Espenica no POS 2013


As intervencións realizaranse en dúas fases

O Concello de Ordes acometerá en breve o arranxo que une a estrada Ordes-Pontecarreira (CP-3802) co lugar da Espenica.

Tal e como está acordado a mellora deste vial levarase a cabo en dúas fases, estando a primeira delas incluida no Plan de Obras e Servizos (POS) 2013. En relación ao tramo ao que recentemente facía alusión o PSOE de Ordes, está prevista incluso a aplicación dun segundo plan, o que indica a prioridade que dende o Goberno municipal se ten por mellorar a pavimentación do vial. 

Fochancas
“Os encargados do Plan de Rebacheado que leva a cabo o Concello xa están advertidos das fochancas existentes neste tramo, co fin de darlle unha solución satisfactoria ata a aplicación do plan que acometa o arranxo do pavimento en todo o seu traxecto”, aseguran dende o Concello de Ordes.

*

miércoles, 27 de marzo de 2013

O Museo do Traxe dixitalizará os seus fondos videográficos e sonoros


Manuel Viqueira: "O custe desta labor para as arcas municipais é completamente nulo"

Manuel Viqueira, director do Museo do Traxe Juanjo Liñares asinou recentemente un convenio de colaboración co presidente da Federación Española de Agrupacións de Folclore (FEAF), Pedro Asuar Ortíz, polo que se dixitalizará todo o legado documental doado polo coreógrafo e bailarín ordés.

Trátase dun abundante número de grabacións sonoras, cintas de vídeo e documentos manuscritos que Juanjo Liñares foi recopilando ao longo da súa vida profesional  e que na actualidade pertencen á fundación que leva o seu nome. 

Nelas aparecen danzas populares, composicións musicais orixinarias “e sospeitamos que moito máis do que nos cremos xa que Juanjo chegou a recorrer miles de quilómetros e visitar centenares de pobos e vilas durante gran parte da súa vida para obter todo este material”, destaca Viqueira.

 Unha vez que toda a documentación esté dixitalizada, labor que se espera esté rematada nun prazo máximo de catro anos, todo o material orixinal coas correspondentes copias dixitais será depositadas novamente no Museo do Traxe. Pero non será o único espazo onde se poderán visualizar, escoitar ou consultar xa que outra copia irá para a Biblioteca Nacional de Madrid.

As frases de Manuel Viqueira, director do Museo do Traxe Juanjo Liñares
“Vemos cumplido un dos principais obxetivos que nos tiñamos marcados e que ata o de agora non poidemos levar a cabo por unha cuestión económica e de falta de medios"

"O custe desta labor para as arcas municipais é completamente nulo, polo que estamos realmente satisfeitos e podemos decir que o medo que tiñamos a perder todo isto xa nos desapareceu”

*

O PSOE pide un arranxo nunha pista da Espenica

Segundo os socialistas, a estrada CP-3802 presenta "múltiples fochancas"

O PSOE de Ordes pídelle ao Concello de Ordes o arranxo do vial que une a estrada Ordes-Pontecarreira (CP-3802) co lugar da Espenica, á altura do barrio ordense do Paraíso. Unha estrada que “é moi transitada por numerosos veciños que circulan cara a Espenica e Castiñeira e que se atopa nun estado de conservación pésimo”, segundo o voceiro socialista Xesús Pedreira.

Por iso, o PSOE de Ordes pídelle ao Concello ordense, responsable da conservación deste vial, que acometa canto antes o rebacheado desta pista pola seguridade viaria dos numerosos condutores que cada día utilizan esta estrada.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Son moitas as pistas do Concello de Ordes as que precisan dunha actuación, pero o estado de conservación do vial de acceso á Espenica é moi deficiente e a necesidade dunha actuación urxente é máis que evidente con só botar unha ollada ás múltiples fochancas que medran sobre el”

*

Noite de Tasca o venres 5 en Poulo


Instalan unha carpa informativa sobre o consumo de drogas no Campo da feira

Deseñada pola Asociación Ferrolá de Drogodependencias en colaboración co Concello de Ordes

Manuel Regos: "A mellor arma preventiva contra as drogas é a información"

En colaboración co Concello de Ordes a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) instalará unha carpa no Campo da Feira coincidindo cunha nova xornada festiva, na que a discoteca LP 45 celebrará a festa Wake Up! dende as 21:00 horas. O horario de atención ao público desta carpa irá dende as 23:30 horas do 28 de marzo ata as 05:00 horas do día 29.

Entre os servizos que se ofrecerán figuran probas de alcolemia,  información sobre os riscos que conleva o conumo de sustancias e os seus adulterantes máis comúns, facilitación de dípticos informativos e preservativos, análises colorimétricos, así como a resolución de dúbidas e a atención das demandas que se presenten.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“É fundamental a prevención no consumo de drogas, sobre todo entre a xente máis nova. É un risco ao que está exposto todo o mundo e para elo a mellor arma combativa é a información"

"Brindamos todo o noso apoio a iniciativas como esta que, ademais, desenvolverase nun espazo en un momento concreto onde os se esperan milleiros de mozos e mozas que serán unha vez máis os auténticos protagonistas dunha noite de ocio e diversión

*

Área Central exhibe os traxes de Juanjo Liñares



Con motivo da Semana da Moda de Galicia

O centro comercial compostelán Área Central acolle durante estes días e ata o próximo 7 de abril unha mostra dalgunhas pezas pertencentes ao Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes. 

Concretamente trátase dunha serie composta por traxes rexionais das Comunidades Autónomas de todo o territorio nacional, cedidas temporalmente con motivo da celebración da Semana da Moda de Galicia (Galicia Fashion Week). 

*

Ordes prepárase para vivir a procesión de Nuestra Señora de los Dolores e de la Soledad


Os pasos transcurrirán polas rúas Rosalía de Castro, Lagartos, Recreo, Mediodía e pola N 550

Ordes prepárase para as celebracións do Xoves Santo que terán lugar na igrexa parroquial a partir das 18:00 horas. Ás 21:00 horas terá lugar a celebración da Hora Santa.

O Venres Santo será a xornada máis destacada da Semana Santa ordense. A partir das 10.30 horas comenzarán os turnos de vela e as confesións, para dar paso á celebración e rezo do vía crucis ás 12:00 horas, mentres que a misa oficiarase ás 17:00 horas. 

O acto máis importante do calendario terá lugar a partir das 21:30 horas coa procesión da Nosa Señora das Dores e da Soidade e do Cristo xacente. Se as condicións meteorológicas o permiten os pasos realizarán un percorrido que pasará polas rúas Rosalía de Castro, Lagartos, Recreo, Muíños para voltar á igrexa parroquial dende a N-550. 

Durante a procesión participarán tanto a banda de tambores da cofradía como a Banda de Música de Ordes.

Cofradía
Máis de 300 persoas conforman a cofradía de Nuestra Señora de los Dolores y la Soledad, un número que cada ano se ve incrementado por veciños e devotos de todasas idades. Anque a súa actividade se remonta ó ano 1993 non foi ata 1995 cando se constituiu oficialmente.

Xa no Sábado Santo a partir das 21 horas haberá unha solemne vixilia pascual. Ao igual que nos restantes oficios anteriores nesta ocasión tamén participará o pai Fernando García, chegado dende o santuario leonés da Virgen del Camino.

*

martes, 26 de marzo de 2013

Cruz Vermella Ordes celebrou o Día da Auga



Organizáronse obradoiros e actividades no parque da Constitución

Co gallo do Día Mundial da Auga que se celebrou esta pasada fin de semana, Cruz Vermella Ordes realizou unha serie de obradoiros e actividades relacionadas con dita celebración. 


Apoio escolar
O grupo de rapaces e rapazas que forman parte dos seus grupos de apoio escolar foron os protagonistas desta xornada na que se incidiu na importancia de aforrar auga e se compartiron hábitos para logralo.

*

jueves, 21 de marzo de 2013

Ordes espera por unha resposta de Fomento respecto da sinalización cara á ronda leste

O Concello solicitou ao Ministerio de Fomento, aínda sen resposta, melloras na sinalización da ronda leste.

Un pleno municipal do máis literario acorda dedicarlle unha rúa a Euloxio R. Ruibal

A parella de anciáns de Quenlle (Montaos) conta co apoio unánime dos grupos políticos municipais

A reunión plenaria da Corporación municipal do Concello de Ordes celebrouse esta tarde coas ausencias dos dous concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Montse Rei. En primeiro lugar debatiuse o apoio da Corporación á petición do indulto a favor do matrimonio de anciáns de Queis (Montaos) formulada ante o pleno polos seus avogados, Julio Castro Pol e Manuel Astray

Os feitos trasládanse ao ano 2007, cando  Manuel Rodríguez  foi condenado a  dous delitos de malos tratos. No caso de Carmen Martínez foi condenada por lesións á pena de prisión de cinco meses. Tamén se lle prohibiu aproximarse e comunicarse co seu home durante seis meses, feito que ambos quebrantaron.

O primeira tenente de alcalde, Silvia Marín, leu a petición dos avogados en voz alta para a continuación ser sometida a votación. Os catro grupos municipais, CideGa, PSdG-PSOE, PP e UxO apoiaron por unanimidade a medida.

Regulamento de Emerxencia Social
A primeira das mocións dos socialistas foi referida á solicitude de redactar unha ordenanza que permita crear un Regulamento de Emerxencia Social para os municipios que, como o caso de Ordes, teñan mancomunados os servizos sociais.  A medida foi igualmente apoiada de xeito unánime por todos os presentes. 

Vencellada a esta moción, o voceiro socialista, Xesús Pedreira, tamén pediu no pleno a subscrición de Ordes ao Convenio para o Fondo Social de Vivendas para Afectados por Desafiuzamentos, asinado pola FEMP, o Goberno de España e entidades financeiras españolas. 

Un convenio que permitirá a creación dun fondo social de 6.000 vivendas destinadas ao aluguer, achegadas polas entidades financeiras, e ás que poderán acceder persoas que fosen desaloxadas da súa primeira vivenda dende o 1 de xaneiro de 2008 e que se atopen en situación especial de vulnerabilidade social.

Silvia Marín respostou ao socialista afirmando que o Concello de Ordes xa está adherido ao citado convenio, polo que os socialistas retiraron a moción. 


O Grupo municipal do PP de Ordes, lendo o poemario de Ruibal, Caderno de Ordes.
Euloxio R. Ruibal
Diferente sorte correu a solicitude que dende o PSdG-PSOE se fixo chegar á Corporación de adicarlle a rúa provisionalmente coñecida como Trascampo da Feira, no entorno do CEIP Campomaior, ao literato ordense Euloxio R. Ruibal. A proposta foi aprobada pola unanimidade de todos os membros da Corporación municipal.

Tras a votación, a tenente de alcalde, Silvia Marín, entregou a cada un dos concelleiros un exemplar do  poemario de Ruibal Caderno de Ordes, publicado recentemente pola editorial Toxosoutos

Desvío cara ronda leste
A primeira das mocións do Grupo municipal popular tivo que ver coa petición de solicitar do Ministerio de Fomento a colocación duns carteis máis grandes e vistosos de desvío do tráfico pesado lonxe do centro da vila cara á ronda Leste. Os populares solicitaron ademais a activa participación da Policía Local no desvío nas horas máis conflictivas de tráfico pesado polo centro de Ordes.

Silvia Marín respostou aos populares afirmando que a medida xa fora solicitada polo Grupo socialista de xeito moi similar no pleno do pasado mes de xaneiro, e que de todos xeitos esta circunstancia "xa foi comunicada ao Ministerio", de quen agardan ainda resposta

Os votos en contra do grupo de Goberno e PSdG-PSOE á urxencia, impediu a súa votación, polo que o portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo, optou por retirala logo de reclamar do Concello un novo escrito ao Ministerio para que dean "unha solución á maior brevedade posible".

Rogos socialistas 
Xa no apartado de rogos, Xesús Pedreira solicitou do Concello a retirada dun cano de augas do CEIP Castelao que fai uns días presentaba restos de alimentos. Marín respostou que esa circunstancia resultou ser accidental e motivada nunha conducta dunha nova cociñeira que por descoñecimento botou os restos ao carón da pipeta. Esta conducta, asegurou Marín, xa foi correxida e a cociñeira pediu disculpas. En todo caso, asegurou a tenente de alcalde, o cano é de augas pluviais, como asi atestou Augas de Galicia, e non de saída de desperdicios das cociñas da escola.

Tamén Silvia Marín acordou que o Goberno tomará en consideración o rogo socialista de proceder a realizar melloras no vial de Lesta.

Respecto do repintado do local social de Bailía (Leira), tamén Marín afirmou que xa se solicitaron unhas axudas inmersas no programa Lider para estas tareas.

Pedreira expuso tamén a inexistencia de alumeado no lugar da Brea, na estrada de Cerceda, ao que o grupo de Goberno respostou que logo de que se producira un roubo na zona, xa se están arranxando as deficiencias. 

Rogos populares
Pola bancada popular, José Manuel Gestal trasladou á Corporación a existencia de baches na rúa da Canteira no cruce coa rúa Ramón Ferreiro máis no lugar do Peñasco. Por parte do Goberno, afirmouse que no primeiro caso, a empresa encargada das obras xa foi avisada para que procedan ao seu inminente arranxo. Respecto do Peñasco, estes baches amañaranse unha vez chegue o bo tempo.

Gestal tamén denunciou unhas deficiencias na sinalización do Camiño Inglés no lugar de Carrás, en Montaos. Marín respostou que todo o Camiño Inglés está sendo revisado e que se correxirán esas e otras deficiencias detectadas.

Tamén un contedor no lugar de Carballedo (Buscás) tamén será reposto logo da denuncia do PP de Ordes.

No apartado de preguntas, José Manuel Gestal preguntou ao Goberno  sobre o por que do incremento dos custes na contratación administrativa e xestoría do Concello de Ordes. Marín respostou que esta suba é debida ao aumento da carga de traballo e á actualización do IPC, que segundo a tenente de alcalde, "xa facía moito tempo que non se actualizaba".

Tamén o Goberno confirmou, a pregunta dos populares, a compra da caseta da piscina municipal do Muíño por importe de 3.000 euros, porque segundo Marín, "resultaba máis rentable mercala que arrendala". 

Respecto duns aparentemente confusos custes respecto do aluguer de carretillas elevadoras con motivo da celebración do festival de arte urbán, Silvia Marín respostou ao Partido Popular que pese a algunhas deficiencias no concepto das facturas, en realidade o servizo fai referencia ao aluguer e transporte de varias máquinas elevadoras e non só a unha.

Tamén Gestal quixo preguntar polo proceder dunha persoa calquera que queira entrear libremente nas pistas de atletismo da Cidade Deportiva de Vista Alegre. O concelleiro delegado de Deporte, Roberto Iglesias, respostou ao popular dicindo que simplemente dirixíndose a calquera dos encargados do departamento en calquer horario diurno, estes encargaranse de poñer as pistas a libre disposición dos usuarios que reclamen o seu uso.

Tamén dende o PP quixeron saber que destino se lle vai dar ás farolas vellas recentemente sustituídas na rúa dos Lagartos. Marín asegurou que agora esas farolas están gardadas nun almacén do Concello, pero que que está estudando onde irán reubicadas. 

Por último, o PP quixo saber as medidas que o Goberno municipal vai tomar respecto das deficiencias detectadas no interior e exterior dos baixos da Alameda de Ordes. Marín respostou que se están a estudiar diferentes solucións.

O pleno, logo de 45 minutos, remataba cunha alusión por parte da tenente de alcalde Silvia Marín á celebración do Día Mundial da Síndrome de Down.

*

A Xunta convida aos maiores de Ordes a relaxarse nos balnearios galegos


O prazo de inscrición permanece aberto ata o 12 de abril

As solicitudes deberán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes anuncia da apertura ata o próximo 12 de abril do prazo de inscrición para participar no Programa de Benestar en Balnearios da Xunta de Galicia.

Nesta quenda os interesesados poderán escoller entre os balnearios de Acuña (Caldas de Reis), Arnoia, Augas Santas (Pantón), Baños de Brea, Baños de Molgas, Caldelas de Tui, O Carballiño, Carballo, termas de Cuntis, balnearios de Laias, balneario de Lobios, balneario do río Pambre, e termas romanas de Lugo.

Beneficiarios 
Poderán optar a participar neste programa as persoas residentes en Galicia con máis de 65 anos, ou ben aqueles que a partir de 60 sexan pensionistas. 

Basta con pasar polo Departamento de Servizos sociais do Concello e cumplimentar unha folla de solicitude, ademais de entregar unha fotocopia do DNI e unha declaración responsable do estado de saúde relativa ao solicitante e ao cónxuxe ou acompañante.

*

miércoles, 20 de marzo de 2013

O PSOE de Ordes pide unha rúa para Euloxio Ruibal

O literato Euloxio R. Ruibal (Ordes, 1945).

Tamén solicitarán no pleno de mañá dúas iniciativas para mellorar a seguridade viaria no municipio

O PSdG-PSOE de Ordes proporá na sesión plenaria de mañá xoves dedicarlle unha rúa da vila a Euloxio R. Ruibal, insigne dramaturgo e membro da Real Academia Galega nacido na parroquia de Buscás

Os socialistas, que xa solicitaran que o IES nº 1 de Ordes levase o nome de Euloxio Ruibal, propoñen agora darlle este nome á rúa agora coñecida como “rúa tras o campo da Feira”, situada no entorno do CEIP Campomaior, lugar onde reside a familia de Euloxio Ruibal.

Quen é Euloxio R. Ruibal?
Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945) é dramaturgo, guionista, narrador e ensaísta. Considerado un dos renovadores do teatro galego, Rodríguez Ruibal é un dos dramaturgos máis frutíferos en lingua galega. Na actualidade é profesor asociado da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela e arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, institución da que é membro dende marzo de 2005.

Entre os premios que ten recibido nos últimos tempos figuran o Abrente (1973 e 1975), Álvaro Cunqueiro (1989) e Valle Inclán (2005).

Seguridade viaria 
Por outra banda, os socialistas tamén presentarán no pleno de mañá xoves dúas iniciativas para mellorar a seguridade viaria no municipio. A primeira será a instalación dun sinal de STOP na parroquia de Lesta, concretamente na intersección do vial procedente da Cruz coa AC-2402 (Ordes-Cerceda) xa que é un vial moi transitado e o cruce é moi perigoso. 

Así mesmo, os socialistas pedirán o acendido das farolas do marxe esquerdo do lugar da Brea, na estrada CP-2405 (Mesón do Vento-Cerceda). “Hai moitas farolas que nestes momentos están apagados e é preciso que se poñan en funcionamento por seguridade viaria, sobre todo onde hai casas”, explica Pedreira Mirás.

Finalmente, os socialistas solicitarán o repintado da fachada do centro social de Bailía, na parroquia de Leira. Segundo Pedreira, “o estado da pintura exterior desta antiga escola unitaria é lamentable e dá unha imaxe de abandono e deterioro cando agora alberga moitas actividades, incluído o oficio de misas. Ademais, o orzamento non é moi elevado”.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, voceiro do PSdG-PSOE de Ordes
"Esta distinción suporía un recoñecemento a unha persoa que con orgullo leva o nome de Ordes, a terra onde naceu e que vén de incorporar á súa extensa obra literaria a través de Cadernos de Ordes que, cando sexa estudada e publicada, deixará o nome de Ordes gravado por sempre”.

*

O PP de Ordes pedirá no pleno o desvío definitivo do tráfico pesado do centro da vila

Unha formigonera encarando esta tarde a vila de Ordes dende a N-550, ignorando o desvío da ronda leste.

Martínez Sanjurjo reclama “medidas reais, non só decisións estéticas” e solicitará a implicación activa da Policía Local

Os populares tamén pedirán explicacións sobre o "pésimo estado de conservación" dos baixos da Alameda

O Grupo municipal do Partido Popular de Ordes informou hoxe de que defenderá no pleno deste xoves unha moción para instar ao Concello de Ordes a adoptar as medidas necesarias para desviar pola Rolda Leste o tráfico pesado que na actualidade atravesa o centro da vila.

A avaría dun camión provocou, o pasado 6 de marzo, serios trastornos no centro da vila durante varias horas. A xuízo do PP local, este feito marcou un “punto de non retorno” que obriga ao Goberno local a adoptar “medidas reais, e non só decisións estéticas como as tomadas ata o de agora”, en palabras do portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo.

A tal efecto, a moción que o Partido Popular someterá á Corporación propón que nos accesos á rolda Leste se substitúa a actual sinalización vertical provisional que prohibe o tráfico de camións polo centro da vila por elementos de maior tamaño e, polo tanto, máis visibles.

Simultaneamente, o PP de Ordes reclama a implicación directa da Policía Local de maneira que nunha primeira fase sitúe unha patrulla, alternativamente, nos accesos á Rolda Leste para animar ao tráfico pesado a utilizar esta vía de circunvalación. E xa nunha fase posterior, o PP entende que a Policía Local debería ampliar o abano de medidas disuasorias, incluíndo as de carácter sancionador.

Outros asuntos
Os populares tamén reclamarán explicacións ao Goberno local polos elevados importes aboados con concepto de alugueiro de carretillas elevadoras, así como polo abono de unha factura dunha caseta para a piscina municipal descuberta, durante os meses do outono, cando as instalacións permanecían xa pechadas ao público.

Tamén aseguran que a "lixeireza" coa que o Goberno de Regos administra os recursos públicos será obxecto de outras preguntas, como as que tratarán de indagar respecto ao importante incremento do importe das facturas aboadas en concepto de xestión laboral e reclamacións de danos patrimoniais.

O PP reclamará tamén a reposición dun contedor de lixo no lugar de Carballedo, en Buscás, dado que o anterior está inutilizado desde finais do ano pasado.

As reclamacións formuladas por algúns usuarios das pistas de atletismo, que piden adecuar o horario de apertura ás necesidades dos usuarios, serán tamén trasladadas ao Pleno.

Tamén pedirán explicacións do uso lle vai dar ás farolas que está a substituír de varias rúas do centro da vila, malia o bo estado que presentan, dado que foran instaladas en datas recentes.

Fendas e filtracións na Alameda
O Grupo Municipal do Partido Popular pedirá explicacións sobre o "pésimo estado" de conservación –con fendas e filtracións de auga- que presentan os baixos da Alameda, malia que foron executados hai tan só catro anos e supuxeron un investimento superior a un millón de euros. 

Entre outros asuntos, o PP tamén formulará un rogo para que o Concello arranxe as deficiencias que presenta a estrada que enlaza o núcleo de O Peñasco con Barbeiros  e pedirá explicacións sobre o apagado das farolas de A Brea (Ardemil), que levan 15 días fóra de servizo.

*

Manuel Regos pide o indulto de Gallardón para a parella de anciáns de Queis


Manuel Rodríguez Cores e a súa esposa Carmen Martínez Ríos foron condeados a vivir separados pese a superar os seus problemas de convivencia e adicións

O Goberno municipal agarda polo apoio dos restantes grupos políticos municipais

O equipo de Goberno de Ordes presentará no próximo pleno unha proposición de cara á obtención dun indulto por parte do Ministerio de Xustiza para Manuel Rodríguez Cores e Carmen Martínez Ríos, veciños do lugar de Queis, en Santa Cruz de Montaos. 

Os feitos de delito trasládanse ao ano 2007, cando  Manuel Rodríguez  foi condenado a once meses de prisión por un delito de malos tratos no ámbito familiar e cinco meses por malos tratos de subtipo agravado, con atenuante moi cualificada de embriaguez

Sobre él tamén pesou a pena de localización permanente por unha falta de ameazas. Tamén se lle impuso a prohibición de aproximarse e comunicarse coa súa esposa polo tempo dun ano e seis meses. 

No caso de Carmen Martínez foi condenada como autora dun delito de lesións de menor entidade, concurrendo a agravante de parentesco, a pena de prisión de cinco meses. Tamén se lle prohibiu aproximarse e comunicarse co seu marido durante seis meses.

Pena suspendida
En ambos casos a pena foi suspendida polo que ambos deron por suposto que tamén quedaba extinguida a obriga de alonxamento e comunicación. Asi que decidiron continuar coa súa convivencia, meses máis tarde e tras un periodo de separación. 

Todo elo unha vez que Manuel mostrou resultados satisfactorios tras someterse a un tratamento para superar a súa adición ao alcol, co que tamén desapareceron a súas conductas agresivas.

Tras ser dunciados por membros da Garda Civil por quebrantamento de condena os seus letrados agotaron todos os recursos posibles, polo que solicitaron un indulto ao Ministerio de Xustiza, de aí que tamén lle soliciten o seu apoio á Corporación Municipal de Ordes.

Manuel Regos Boquete.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Agardamos que esta proposta sexa ratificada e apoiada polas demais forzas políticas xa que se trata dun caso excepcional que está a causar unha gran alarma social pola gravidade que suporía a execución da sentenza"

A execución da sentenza suporía un revés insuperable para estes veciños de avanzada idade e que xa teñen superados os seus problemas de convivencia e adicións

*

martes, 19 de marzo de 2013

Este xoves poderás doar sangue ás portas do IES nº 1 de Ordes


A unidade móbil de extracción de sangue estará operativa de 10:00 a 14:00 horas


Este próximo xoves, a unidade móbil de extracción de sangue situarase diante do IES Nº1 de Ordes, ubicado na rúa Mestre Nicolás del Río s/n. 

Así ofréceselle a posibilidade a aqueles estudantes a partir de 16 anos de doar sangue sen ter que desprazarse do seu centro de estudos. 

Co fin de facilitar a doazón o horario de atención ao público coincidirá co das clases, e será de 10:00 a 14:30 horas.

*

lunes, 18 de marzo de 2013

Remata o prazo de inscrición do programa de conciliación en Semana Santa


Ata este mércores poderán recibirse solicitudes na Casa do Concello

O vindeiro mércores  rematará  o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación da vida familiar e laboral ‘Conciliar en Semana Santa será fácil e divertido’ organizado polo Concello de Ordes. O programa se desenvolverá durante os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril.

Para anotarse basta con estar matriculado en Educación Infantil ou Primaria nalgún dos centros ubicados no municipio. A matrícula pódese formalizar na mema Casa do Concello adxuntando á ficha de inscrición unha fotocopia do DNI ou do libro de familia, unha copia da tarxeta sanitaria, e un xustificante médico no caso de que o menor padeza algunha doenza. 

Cabe ter en conta que as prazas son limitadas, polo que iranse asignando por rigurosa orden de solicitude.

*

Os socialistas de Ordes piden un fondo social para axudar ás familias máis necesitadas de Ordes


Instarán ao alcalde a axudar ás familias que se atopan nunha situación de emerxencia social

Xesús Pedreira: "Cando menos, cinco familias de Ordes están expostas ao desafiuzamento, e mesmo algunhas delas xa recibiron a notificación"

O PSdG-PSOE de Ordes anunciou hoxe que presentará no pleno do vindeiro xoves unha moción para pedirlle ao alcalde e presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, que estableza unha ordenanza que permita crear un Regulamento de Emerxencia Social para os municipios que, como o caso de Ordes, teñan mancomunados os servizos sociais

A petición dos socialistas ordense xorde despois de que o Departamento de Intervención do Concello de Ordes se opuxera á proposta presentada polo voceiro socialista, Xesús Pedreira, no pleno do pasado mes de febreiro e que solicitaba a exención de taxas e a posta en marcha de axudas para aquelas familias ordenses que se atopan ao borde da pobreza

“Como o señor Interventor explicou que estas peticións non poderían contemplarse na normativa municipal, agora pedimos que se estableza unha ordenanza que regule os casos de emerxencia social”, explica Pedreira Mirás.

Desafiuzamentos
Vencellada a esta moción, os socialistas ordenses tamén pedirán no pleno que Ordes subscriba o Convenio para o Fondo Social de Vivendas para Afectados por Desafiuzamentos, asinado pola FEMP, o Goberno de Epaña e entidades financeiras españolas. 

Un convenio que permitirá a creación dun fondo social de 6.000 vivendas destinadas ao aluguer, achegadas polas entidades financeiras, e ás que poderán acceder persoas que fosen desaloxadas da súa primeira vivenda dende o 1 de xaneiro de 2008 e que se atopen en situación especial de vulnerabilidade social.

Xesús Pedreira Mirás.
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“O Concello ten a obriga de axudar ás familias en situacións máis desfavorecidas e, se non podemos establecer exencións fiscais, si que podemos regular actuacións de emerxencia social que permitan dispensar unha atención básica a aquelas familias máis desfavorecidas de Ordes”.

“Se unha familia de Ordes se atopa nunha situación de emerxencia social e non pode pagar o recibo do lixo ou o recibo da auga, con este regulamento que propoñemos serán os Servizos Sociais quen actúen de  inmediato, pagando de xeito urxente esa taxa cos cartos procedentes dun Fondo de Emerxencia Social”. 

“Dende o grupo municipal socialista temos información de, cando menos, cinco familias de Ordes que están expostas ao desafiuzamento, e mesmo algunhas delas xa recibiron a notificación do mesmo. Por iso é importante que o Concello de Ordes se adhira a este convenio”.

*

domingo, 17 de marzo de 2013

Laura Seara: "Con Rajoy temos un 39 % máis de paro feminino"

De esq. a der. Laura Seara, María Viqueira, Xesús Pedreira e Antonio Morán.

A deputada socialista no Congreso criticou en Ordes a reforma laboral do Goberno central "polo dano que fixo sobre as mulleres"

A deputada socialista no Congreso e ex-secretaria de Estado de Igualdade Laura Seara denunciou o pasado venres que “a crise económica destruíu o dobre de postos de traballo entre as mulleres que entre os homes. 

Fálase moito de que a crise afecta sobre todo á construción para que pareza que é fundamentalmente masculino, pero os datos amosan que con Rajoy temos un 39% máis de paro feminino. Pero, como a crise é tan dura, este debate queda diluído na sociedade e nos medios de comunicación”.

Unha denuncia que Seara realizou nunha charla-coloquio sobre a situación actual da muller organizada pola Agrupación Socialista de Ordes. O Museo do Traxe ordense quedou pequeno para albergar ao máis de medio cento de veciños e veciñas que acudiron ao coloquio presidido polo secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira; moderado por Antonio Morán, secretario local de Políticas Sociais do PSOE de Ordes; e que contou coa participación de María Viqueira, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade no Concello de Cerceda. 

Entre os asistentes á xornada tamén estaban a primeira tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín; e o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez.


Recortes 
Laura Seara asegurou que “o noso gran desafío en oito anos de Goberno socialista foi a política de igualdade no ámbito do emprego” e denunciou que “nun ano e tres meses do Goberno de Rajoy as cousas cambiaron”. 

Así, a deputada socialista denunciou que “a lei de Igualdade de 2007 revolucionou o mercado laboral, pero hoxe estase a incumprir. Sacamos unha lei contra a violencia de xénero, e agora se reduciu nun 30% o orzamento para estas políticas. 

A lei de Dependencia estase desmantelando e vanlle dar o tiro de graza”. Ademais, lamentou que “estase deixando esmorecer as organizacións de mulleres, culturais, xuvenís... e con elas esmorece unha parte da democracia”.

Formación e mercado laboral
Finalmente, Seara denunciou o “divorcio radical entre a formación e o mercado laboral. A fenda salarial en Europa é do 17% e en España chega ao 24%. É dicir, unha muller ten que traballar 52 días máis para cobrar o mesmo ca un home no mesmo posto de traballo”. 

A deputada socialista lamentou que o PP deixara sen efecto o plan de inspección laboral posto en marcha polo Goberno Zapatero pois “a desigualdade non vai nos fixos, senón que se fai por detrás a través de incentivos, produtividade, etc”. Así mesmo, criticou especialmente a Reforma Laboral do PP, polo dano que fixo sobre as mulleres.

*