martes, 30 de abril de 2013

O Concello homenaxea a Manuel Fernández Barreiro na súa xubilación


O alcalde Manuel Regos posa co homenaxeado, Manuel Fernández Barreiro. 
Brigada de obras, retírase logo de trinta e dous anos de servizo

Traballadores e membros do equipo do Goberno municipal do Concello de Ordes celebraron cunha comida a xubilación dun dos seus traballadores máis veteráns. Manuel Fernández Barreiro puxo punto e final a súa traxectoria laboral tras máis de trinta e dos anos de traballo na brigada de obras

O alcalde, Manuel Regos, tivo unhas palabras de agradecemento e recoñecemento “por tantos anos de esforzo e traballo”. Tamén foi o encargado de entregarlle varios agasallos, unha placa co escudo do Concello e un reloxo, tanto por parte tanto do Concello como dos seus traballadores. 

*

Noite de Tasca o venres 3 de maio en Cerceda


lunes, 29 de abril de 2013

Ordes. Terras de Trastámara, á venta nas principais librerías de Ordes

Pódese mercar en Tango (Nova 47), Chocolateiro (A. Senra 127), Arume (A. Senra 148), La Repro (A. Senra 61-63) e Paraíso (Rúa Escolar)

O libro Ordes. Terras de Trastámara, editado por Mediasiete, xa está á venda nas principais librerías e papelerías de Ordes. 

Dende hoxe mesmo pódese mercar nos seguintes establecementos a un prezo de trinta euros:

Papelería Tango (Rúa Nova 47)

Casa Vilar -Chocolateiro (Avda. Alfonso Senra 127)

La Repro (Avda. Alfonso Senra 61-63)

Papelería Arume (Avda. Alfonso Senra 148)

Librería Papelería Paraíso (Rúa Escolar-Paraíso)

*

Máis de 36 000 persoas encheron Expo Ordes



Onte repartíronse máis de sete mil quilos de champiñóns nos bares de Ordes

Un ano máis a feira multisectorial e de maquinaria agrícola Expo Ordes superou as súas expectativas e máis de 36.000 persoas se achegaron ata a carpa instalada no Campo da feira durante os tres días de celebración. 


Degustación do champiñón
Pero sen dúbida o que marcou esta xornada foi o ambente festivo e a gran cita gastronómica da XXIV Degustación do champiñón. En total foron máis de 7.000 kilos de champiñóns os que se prepararon en máis de cen establecementos hosteleiros da vila. 


Música
Foi imprescindible contar con música, que esta vez cooreu a cargo do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes, que tamén estiveron acompañados por cabezudos. Os membros da Banda de Música de Ordes tamén quiseron estar presentes e ofreceron un recital a media mañá. 

Todo Ordes convertiuse nunha gran celebración e festa que ningún quiso perderse e que durou ata ben entrada a noite.


*

domingo, 28 de abril de 2013

Nace "Ordes. Terras de Trastámara"

De esq. a der. o fotógrafo e xornalista Pablo Quinteiro; o director xeral de Administración local da Xunta de Galicia, Norberto Uzal; Manuel Regos, alcalde de Ordes; o fotógrafo Moncho Martínez Noya; e Renato A. Landeira. 

Ordes. Terras de Trastámara*

Hoxe nace un libro inédito: Ordes. Terras de Trastámara. Unhas tresecenta fotografías en trescentas follas que reflectan que somos moitisimo máis que como tantos nos queren ver: unha tira de edificios atrapallados a ambas beiras dun cacho ao norte da Nacional 550.

Nós os ordenses posuímos unha terra privilexiada que agora amosamos ao mundo con orgullo: Terras tras o Tambre –Trastámara− asentada en planas amesetadas, penechairas polas que discorren os afluentes do frío Cabrón, que desauga no Lengüelle inmortalizado por Eduardo Pondal no seu milagre de Queixumes dos Pinos:

Rio Langüelle, rio Langüelle,
Ben se vé q’és da montaña;
Ou feo fillo das brétomas,
E das uces desleiradas.

Ordes u Órdenes, como se lle identificou durante tantos anos, podería ter a orixe do seu nome no hidronímico -ord ou –urd, o que fai referencia á auga. Os ordenses, segundo o investigador Edelmiro Bascuas, vemos sendo os ribeiregos dun río, do hoxe río Cabrón. Coma os de Ordesa (Huesca), do lago Urdiceto, de Ordizia, en Guipúscoa, á beira do río Oria. O Ordunte (Burgos), Urdanta (A Rioxa), Orduña (Burgos) e Ordino (Andorra). Tamén en Laracha  existiu unha villa Ordini documentada no ano 990, e en Guitiriz (Lugo), un monte coñecido como Ordinum.

Posuímos unha terra pisada por milleiros de peregrinos chegados do norte de Europa dende fai séculos no seu encontro co Apóstolo. Terras habitadas xa dende 4 000 anos antes de Cristo.

Zona oceánica, chuviosa e húmida, plantamos cara ao Atlántico e os seus frontes cargados de auga. O normal é que chova máis de dez días ao mes, e quince nos meses de inverno.

De Ordes deixou constancia por escrito Ramón Otero Pedrayo, Alejandro Pérez Lugín, José María Castroviejo e frai Martí Sarmiento.

Durante a Idade Media pertenceron estas terras ao poderoso condado dos Trastámara, donos das terras intimamente vinculadas á estirpe real de Castela.

Xa en época moderna sería Poulo a poboación que centraría o protagonismo da zona. Por esta hoxe parroquia ordense discorría o chamado Antigo Camiño Real, construído en 1761 sobre a vía romana que unía Braga con Astorga pola costa pasando por Brigantium –Betanzos− e Lucus Augusta –Lugo−, as tres capitais conventuais da Gallaecia.

Logo do fin do Imperio, a vía pasou a ser administrada polo pobo como camiño carreteiro ata que a tradición xacobina recuperouna como vía de acceso até Compostela.

Na Casa dos Maldonado, no lugar de Calle, pasou unha noite o príncipe Filipe, despois rei Filipe ii, o 25 de xuño de 1554, antes de embarcar na Coruña con direción a Inglaterra para casar con María Tudor. A un lateral da porta, na xamba esquerda, unha inscrición onde se lee:

En esta casa poso el rei D. Fhelipe ii  a 25 de ivnio de 1554.

Arriba no dintel aparece un escudo tallado que serviría de modelo para o actual escudo municipal: un castelo con torre e tres flores de lis.

Outro ilustre peregrino do Camiño inglés sería o gran duque Cosme III de Médicis, quen tamén fixo noite en Poulo o 6 de marzo de 1669. En xuño de 1755 sería frei Martín Sarmiento quen habería de describir puntillosamente a zona no seu libro de viaxes:

Caga boi na fonte feligresía de Santa María de Órdenes. Ponte Pereira, Poulo, cuatro leguas de Santiago. Mediodía.

Ponte das Táboas. Buscás. Cabeza de Lobo, una legua horrorosa desde Poulo. Aquí dejé a la izquierda el camino real de La Coruña, al principio de la Cuesta de Rabo de Egoa, y tomé a la derecha el camino de Betanzos y de Zarandones. 

Ata abril de 1834 non pasaría Santa María de Órdenes a ser capital do seu partido xudicial, e un par de anos máis tarde, o 6 de xuño de 1836, nacía o moderno municipio de Ordes. Poucos anos antes, na sobremesa da cea do 22 de setembro de 1815 era detido no caserón do Mesón de Deus, tamén chamado de Viqueira, en Merelle, o xeneral Juan Díaz Porlier levantado contra o rei Fernando VII. De alí foi levado á Coruña, onde morrería aforcado na hoxe praza de España, antes praza da Forca, da capital herculina.

Así, a vila de Ordes medraría en torno ao núcleo central parroquial e aos pés da rúa Real, que era pouco máis que un regato de adoquís que desembocaba, uns trescentos metros máis arriba, na carretera de La Coruña.

Unha monumental cacicada, froito da viciada e subdesenvolvida política da época, mudou en 1923 o nome orixinal do Novo Camiño Real, logo Rúa Real, polo que actualmente soporta: Avenida de Alfonso Senra. Sinistro político de nula vinculación coa nosa terra, beneficiado polos Trampetas –caciques- que chamaba Pardo Bazán, da nosa comarca. 

Ao final da Guerra Civil, entre 1939 e 1941, o Plan Xeral de Obras Públicas do ministro Alfonso Peña posibilitou a construción da estrada nacional 550. Arranca dende a hoxe avenida do alcalde Alfonso Molina até a mesma fronteira de Tui con Portugal, atravesando en canal a nosa vila. A vella rúa Real convertíase así en parte do seu trazado.

Á N-550 chamárona ‘a cidade galega que non figura nos mapas’, e Ordes en boa medida contribuíu a esta fama compartida con outras localidades irmás do seu trazado, tales como Carral, O Milladoiro ou Caldas de Reis. Non resulta disparatado dicir que a ambas marxes dos 180 quilómetros da N-550, agloméranse maís de 600 000 persoas.

Pero sería a partires dos anos 50, coa proliferación do tráfico rodado, cando a vila de Ordes despega, gañándose a súa fama como principal apeadeiro na viaxe entre as dúas cidades provinciais. Un traxecto dunhas dúas horas de duración que convidaba a moitos a facer pausa a, máis ou menos, metade de camiño; esa sorte tocoulle a Ordes. O Nogallás, El Túnel, o Vasco, Chocolatería Francisco Vilar ou os xa desaparecidos bares Liñares, Juanito ou Moar, deron boa conta durante longas décadas do filón que supoñía a estrada. 

Os populares queiques, receita xenuinamente ordense, foron creados nos años 60 á mesma beira da N-550 por Lolita Iglesias logo das modificacións persoais que faría á receita do pan doce porteño que un tío seu emigrado na Arxentina lle ensinara.

Logo está o agro e a nosa comarca de Ordes: unha mesma cousa. Nun xantar no Nogallás de Josefa e Manolito entre o presidente Fernández Albor e o xornalista veciño de Mesía Augusto Assía, debatiuse o nome do primeiro conselleiro de Agricultura do Goberno autonómico: Jaime Rey de Roa.

Non era nada raro ver a aquel veterano xornalista internacional que tivo trato persoal con Adolf Hitler, Charles de Gaulle e Dwight Eisenhower, falamos de Assía-Felipe Fernández-Armesto e da súa dona, María Victoria Fernández-España, Totora, a primeira muller vicepresidenta do Congreso dos Deputados. Non era extraño, dicía, velos comendo nunha das campechanas mesas do bar Juanito, falando co seu patrón e a súa dona, Carmiña, de caza, vacas, vacunas e pensos. 

O peculiar feísmo galego da segunda metade do século xx deixouse notar moito en Ordes. Como á metade do pobo, onde hoxe está o entorno do bar Orellas, existía unha igrexa románica, dedicada ao culto á virxe de Lurdes, e un cemiterio que o bárbaro urbanismo demoleu en 1974. Ben sabedes quenes foron os resposables deste disparate.

De interese arquitectónico resultan as igrexas románicas de San Xiao de Poulo en Outeiro de Arriba, e de San Paio de Buscás. A primeira, de planta única e bóveda rectangular, está aos pés do antigo Camiño Real a Compostela. Chégase a ela a través dunha bucólica ruta de sendeirismo duns nove quilómetros, de grande interese paisaxístico. En outono e con frío, resulta delicioso.

Xa logo chegaría a movida de Ordes dos anos 90, cuxa orixe pode deberse a un cóctel del baby boom de finais dos 60 e primeira metade dos 70 en España; a elevada taxa de natalidade rexistrada en Ordes durante os años 1975 e 1976, bastante por riba da media galega; o crecemento económico dos primeiros anos 90 unido ao retorno de numerosos grupos familiares orixinarios de Ordes e emigrados a Arxentina, Brasil, México e Venezuela nos años 40 e 50, e a Alemaña, Países Baixos, Francia e Suíza, nos 60 e 70; e dende logo, a estratéxica ubicación da vila de Ordes, punto central dunha gota de diamante formada polas poboacións de Carballo, A Coruña, Betanzos e Santiago de Compostela.

Todo isto converteu a zona e á súa comarca nun núcleo vivo de louzanía. A recente entrada de España na Unión Europea e o éxito das reformas democráticas catapultaron a toda unha xeración de xoves hacia o entusiasmo. O éxito internacional de España no ano 1992 fixo que a Galicia se entregara no Xacobeo 93. Ordes viviría a súa explosión como principal centro de ocio nocturno provincial. O Campo da Feira contaba cunha novidosa discoteca, Elepé 45, posible tras a reforma dunha antiga sala de festas chamada Órdenes 2000.

Dende os primeiros cacharros, como aqui lle chaman, do Orellas, Carpe Diem, Arcos, Kronos, O’Priorato, a piscina do Muíño, Doniña ou Bambú, a movida continuaba no Bruxas para seguir polo Papaluz, Desórdenes, Tahití, Manisero, e rematar a velada bailando en Elepé 45 o «Y digo Deportivo vamos a ganar esta partido…» acompañados das imaxes dos goles do ‘super-Dépor’ de Bebeto en pantalla xigante…

Todo isto e moito máis é Ordes. Cidade do mundo, aberta, acolledora co forasteiro, moi independente. Somos tamén os ordenses protestones e cabezotas. Gústanos a vida tranquila, a cercanía con Santiago e A Coruña que nos permite escoller entre unha segunda patria, e por riba de todo, somos moi ben dados a saír para fóra. Ordenses dos tres mundos: Galicia, América e Morte. Non houbo no mundo centro de recepción de emigrantes que non fora desembarcado por un ordense.

Agora nace este libro dedicado a todos nós, os ordenses. Aos ordenses de Ordes, aos ordenses de Santiago, da Coruña, de Vigo, de Francia, de Suíza, de Holanda, da Alemaña, dos Estados Unidos, de México, de Venezuela, do Brasil, do Uruguai, da Arxentina. Tamén aos ordenses de Cuba, onde moitos, chegados analfabetos e voltos analfabetos, trouxeron as máns negras, calosas e laceradas de traballar, agarrando fortuna.

Despídome xa agradecendo de novo a vosa presenza, nunha xornada ademais moi especial, dedicada á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, esas outras terras que tamén comparten esa dignidade de pertencer ao Tras-Tamaris.

Quero despedirme ademais insistindo na necesidade de reforzar a nosa autoestima e o noso orgullo pola nosa terra, propoñendo ademais de que no caso de que a fusión de concellos prospere e o actual concello de Ordes poida integrarse con outros municipios veciños, ese novo gran concello que nacerá, leve por nome o que históricamente nos corresponde: o de concello de Trastámara.

Moitas grazas, veciños e veciñas de Trastámara.

Ordes, 26 de abril do 2013.

* Transcripción do texto leído por Renato A. Landeira na presentación de Ordes. Terras de Trastámara.

*

viernes, 26 de abril de 2013

Mañá se presenta 'Ordes. Terras de Trastámara', editado por Mediasiete

Asinado por Renato A. Landeira (coordinación da obra e textos) e Pablo Quinteiro (fotografías)

Será nos baixos da Alameda de Ordes ás 13:00 horas

A sala de conferencias dos baixos da Alameda acollerá mañá a presentación do libro Ordes. Terras de Trastámara, editado por Mediasiete, empresa titular deste blog Ordessiete e do xornal compostelán Santiagosiete

O libro está asinado por Renato A. Landeira (coordinación da obra e textos) e Pablo Quinteiro (fotografías). 

Ao longo das case 300 páxinas que compoñen a obra ofrécese un percorrido comparativo entre o Ordes de hoxe en día e o Ordes histórico. Aspectos e puntos de interese cultural, económico, turístico, arquitectónico, deportivo, industrial, festivo, etc, están representados na obra que sae á venta a un prezo de trinta euros.

Presentación Ordes. Terras de Trastámara. 
Lugar: Sala de conferencias dos baixos da Alameda. Ordes
Día e hora: Sábado 27 de abril. 13:00 horas.
Presenta: Renato A. Landeira
________________

Ordes. Terras de Trastámara.
Coordinación da obra e textos: Renato A. Landeira
Fotografías: Pablo Quinteiro, Ramón Martínez Noya.
Edita: Mediasiete Publicaciones, S.A., 2013.
Páxinas: 280
Prezo: 30 euros
Pedidos: 981 938444 / 619135217 / administracion@santiagosiete.es

*

Os concelleiros de Ordes dimitirán se resultaran imputados

O salón de plenos, cheo de público durante a celebración do pleno municipal de onte.


No pleno celebrado onte tamén se acordou por unanimidade a axilización e a dotación de medios na arbitraxe no caso das preferentes bancarias

Derradeiro pleno de Gonzalo Castro e Montse Rei como concelleiros do BNG

O pleno municipal de Ordes acordou onte por unanimidade a dimisión de calquera concelleiro que sexa imputado nun proceso xudicial por motivos relacionados coa súa actividade política

Unha proposta lanzada dende a bancada do BNG e coa que “se pretende transmitir unha mensaxe de tranquilidade a todos os veciños e veciñas de Ordes nunha época na que a imaxe e concepción dos políticos e da súa labor é moi negativa”, según palabras do voceiro do BNG, Gonzalo Castro.

Copago
Outra moción aprobada foi a relacionada co copago dos comedores escolares. Dende o BNG e o PSOE criticáronse enérxicamente as axudas e subvencións aportadas aos centros escolares concertados (240 millóns de euros), sobre todo no caso daqueles que segregan o alumnado por sexos (3 millóns de euros). Ínstanlle á Xunta a eliminación deste copago e a ampliar este tipo de apoio ás familias con fillos escolarizados en educación Infantil e Primaria con poucos recursos. 

Tamén a que se vele polo dereito á educación en igualdade de condicións e á eliminación das tasas de servizo de comedor previstas para o vindeiro curso “por ser un novo machazo ás clases medias traballadoras”, argumentou Xesús Pedreira

Finalmente a iniciativa prosperou cos votos a favor de todas as forzas políticas agás o PP, que considera “que estas medidas contribuen a salvagardar unha ensinanza de calidade e igualitaria para todos os nenos e nenas, xa que o pago vai en consonancia coas posibilidades de cada fogar”.

Pistas rurais
En relación co estado e pistas rurais aprobouse cos votos de todos os partidos menos UXO a moción presentada polo BNG e PP. Nesta demándase a creación dun inventario do estado dos viais para elaborar un plan de traballo por parte do Concello, onde se especificarían tanto cuantía como as datas de execución.  

De non estar solventados todos os problemas antes do 30 de setembro o Concello estudiará a fórmula para poder aplicar unha compensación dun 20% no imposto de vehículos de tracción mecánica, medida esta solicitada polos nacionalistas. Según palabras do alcalde “as pistas que están en mal estado son as da concentración parcelaria e hai que ter en conta os meses de inverno e auga que levamos soportado. 

Mantivemos xuntanzas cos madeiristas para tratar de buscar solucións e comprometéronse a arranxalas unha vez que rematen a súa labor”. Con respecto á compensación económica, o alcalde, Manuel Regos asegurou “que os informes dos técnicos a rexeitan por cuestións legais entre outras, así que nós non podemos apoiar este punto”.

Preferentes
A primeira das mocións do PSOE foi aprobada por todos os partidos. Ésta atendía ó caso das preferentes instándolle á Xunta de Galicia a que se dote dos medios necesarios ao sistema de arbitraxe para axilizar o procedemento, facer públicos os criterios de inclusión ou exclusión na arbitraxe, a prestación de asesoramento xurídico aos afectados e, por último, a retirada do sistema de quitas.

Fondo de Emerxencia
Os socialistas tamén solicitaron a creación dun fondo de emerxencia dotado con 1.000 millóns de euros, xa que o 21% da población española vive por baixo do umbral da pobreza. Unha medida que posibilitaría aos concellos que os seus servizos sociais poidesen atender a todos os usuarios con axudas destinadas a productos de primeira necesidade ou gastos relacionados coa vivenda. Ademais, según os socialistas con este investimento acadaríanse uns 30.000 novos empregos

Por parte do portavoz do PP, José Luis Martínez Sanjurjo, especificouse que a cifra aportada na moción “non solucionaría nada xa que repartir eses cartos entre os aproximadamente 10 millóns de pobres supón 100 euros por persoa. E con iso non se consegue nada”. Precisou o voceiro popular. Finalmente os votos a favor por parte do equipo de goberno local e dos concelleiros de CIDGA, BNG e PSOE supuso a aprobación do texto.

O alcalde Manuel Regos (esq.), despídese de Gonzalo Castro e Montse Rei logo da súa renuncia.
Renuncia
Na sesión de onte, e por motivos persoais, formalizaron a súa renuncia os concelleiros do BNG Gonzalo Casto e Montse Rei. Para os dous houbo palabras de ánimo e recoñecemento por parte de todas as forzas políticas, recoñecendo a labor realizada durante estes últimos anos. Pola súa banda Castro asegurou que seguirá “traballando por Ordes. Un lugar que me volveu a acoller cos brazos abertos e co que manteño firmemente o meu compromiso”. 

Castro tamén tivo palabras de ánimo para Ramiro Recouso e Pablo Vidal, quenes a partir do vindeiro mes ocuparán os dous escanos baleiros dende onte.

O público congregado no salón de plenos aplaude na despedida de Gonzalo Castro e Montse Rei.

*

jueves, 25 de abril de 2013

O PSOE de Ordes pedirá un arranxo na Castiñeira e preguntará polo marcador da cidade deportiva


Pedreira preguntará ao Concello por que os propietarios de contadores de auga se lles está facturando un canon de mantemento por parte da concesionaria 

O PSOE de Ordes reiterará no pleno de hoxe xoves a súa petición de arranxo da pista que vai da Castiñeira a Ponte de Pereira, petición realizada dende a Agrupación Socialista hai xa máis dun ano e sen que o Concello tivera feito nada. 

“Nestes momentos a pista esta intransitable debido a auga e os tractores que se utilizaron para quitar madeira na zona da Castiñeira”, explica o voceiro socialista Xesús Pedreira, quen esixe que se arranxe esta pista “porque é un vial moi utilizado polos veciños da zona”.

Así mesmo, os socialistas preguntaranlle mañá ao alcalde polo destino do marcador electrónico do campo de herba artificial do complexo deportivo de Vista Alegre construído pola Deputación da Coruña baixo o mandato do socialista Salvador Fernández Moreda. 

“Desmontouse hai tempo e non se volveu a saber del. Non se sabe se está avariado, se se vai repoñer...”, apunta Pedreira Mirás. Ademais, o voceiro socialista esixirá un informe por escrito sobre “por que aos propietarios dos contadores de auga de Ordes se lle está facturando por parte da concesionaria do servizo de abastecemento de auga potable un canon de mantemento, cando este é de propiedade privada”.

Comedores escolares 
Por outra banda, os socialistas denunciarán no pleno que o repagamento dos comedores escolares establecido pola Xunta de Galicia prexudicará especialmente aos preto de catrocentos escolares ordenses que estudan tanto no Mesón do Vento coma na Vila de Ordes. 

O voceiro municipal socialista acusa ao PP de “querer facer negocio cun servizo público, o que suporá un prexuízo especial para as familias de Ordes, sobre todo aquelas afectadas tanto polo desemprego como pola dramática situación do rural, onde a caída dos prezos dos produtos é brutal e repercute moi desfavorablemente na economía das familias”.

Por iso, os socialistas instarán aos grupos municipais a rexeitar o repagamento dos comedores escolares para o vindeiro curso por ser un novo machadazo ás clases medias. “Se a Consellería transfire 0,85 euros por rapaz e o gasto polo xantar non chega aos dous euros, por que se lles van a cobrar ás familias un mínimo de 3,5 euros

Parece que queren facer negocio cun servizo básico para a cidadanía”, sinala Xesús Pedreira. Esta medida suporá, por exemplo, que o ano que vén unha familia ordense con dous fillas teña que pagar 198 euros este mes polo uso do comedor. Ademais, os socialistas ordenses pregúntanse pola solución se lles vai ofrecer a aqueles rapaces cuxas familias non poidan asumir esta nova taxa e opten por levar o xantar dende a casa.

Preferentes e pobreza 
Por outra banda, os socialistas ordenses tamén presentarán unha moción a prol de que todos os aforradores afectados polas preferentes, subordinadas e outros híbridos financeiros recuperan a totalidade dos cartos. 

Por iso, os socialistas pedirán o apoio do pleno municipal para instar á Xunta a que dote dos medios humanos e materiais necesarios o sistema de arbitraxe establecido no Instituto Galego de Consumo para axilizar os procedementos; que faga públicos os criterios de inclusión e exclusión na arbitraxe para transparentar a súa concesión; que preste asesoramento xurídico a todas aquelas persoas que así o requiran e que posúan participacións preferentes e obrigas subordinadas para poder demandar xudicialmente ás entidades financeiras; e soliciten da Comisión Europea da Competencia e do Goberno de España que retiren a esixencia de quitas para as persoas afectadas por esta comercialización indebida.

Finalmente, os socialistas pedirán que o Concello de Ordes manifeste ou seu total acordo da creación dun Fondo de Emerxencia contra a Pobreza, por un importe de 1.000 millóns de euros, que suporía a creación ou mantemento de 30.000 empregos e beneficiaría a máis de 500.000 familias. 

*

miércoles, 24 de abril de 2013

Orde do día do pleno de mañá


Expo Ordes abre este venres as súas portas


Dende o venres ata o domingo, Ordes convértese na capital do norte da provincia

Manuel Regos: "“Dende fai anos Expo Ordes preséntase como a mellor opción para dar a coñecer as últimas novidades e as posibilidades de negocio"

O Concello de Ordes ultima detalles para acoller esta fin de semana unha nova edición da Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola Expo Ordes e da XXIV Degustación de champiñóns. En total participarán máis de 120 empresas, firmas comerciais, institucións e asociacións que contarán cun stand e zona de exposición propia.

O programa arrancará o venres 26 de abril coa inauguración do recinto feiral a partir das 21:00 horas. A xornada estará especialmente adicada aos empresarios e autónomos do municipio. 

 As portas volverán a abrirse ao público o sábado a partir das 10:00 horas nun día onde se prestará especial atención á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e tamén á diversidade funcional. Ese mesmo día presentarase oficialmente a nova web da Mancomunidade (www.mancomunidadedeordes.org). 

Máis de 7.000 quilos de champiñóns
O domingo non só será a última xornada da feira senón que tamén  é o día escollido levar a cabo a degustación gratuíta de champiñóns polos establecementos da zona. Máis de 7.000 quilos repartiranse entre todos os bares e restaurantes para que, unha vez preparados según a receita de cada un, poidan ser servidos gratuitamente con cada consumición.

Como en calquera festa que se prece a música non pode faltar para acentuar o ambente festivo. Neste caso o grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes e banda de Música de Ordes serán os responsables desta labor.

Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Dende fai anos Expo Ordes preséntase como a mellor opción para dar a coñecer as últimas novidades e as posibilidades de negocio dos máis diversos e variados sectores. Maquinaria, automoción, electrónica, deportes, ocio, agricultura, inxeniería, alimentación, transporte, Administración, etc.”

“Sensibles coa situación dos máis desfavorecidos e necesitados esta feira multisectorial pretende facilitar o contato entre o público e diversas asociacións de discapacitados para que den a coñecer a súa labor, os seus logros e avances e as súas necesidades”.

“Con esta cita dende o Concello de Ordes pretendemos rendirlle unha máis que merecida homenaxe aos nosos empresarios e autónomos, adicándolle unha xornada onde eles mesmos e a labor que realizan día a día son os verdadeiros protagonistas"

"Nos últimos anos temos a ben adicarlle unha xornada à Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, que cada vez máis supón unha realidade de tipo administrativo capaz de aunar esforzos que ofrecen solucións para moitas das problemáticas coas que se atopa a nosa comarca nestes tempos de recortes e de escased de recursos”.

“Entre outras cosas Ordes é sinónimo de celebración, diversión e de excelencias gastronómicas. De ahí que cada mes de abril os establecementos hosteleiros da vila  consideren a Degustación de champiñóns como unha excusa para apretar o lume dos seus fogóns e demostrar o bo facer de cociñeiros e cociñeiras”

*

Euloxio R. Ruibal xa ten a súa rúa en Ordes

Manuel Regos e Euloxio R. Ruibal, descobren a placa co nome do dramaturgo e cineasta ordense.

Ruibal: "Que este novo vial se converta nun espazo de alegría e convivencia onde reine a alegría dunha bocarrúa a outra"

Dende onte, o dramaturgo e académico Euloxio Rodríguez Ruibal xa ten unha rúa co seu nome na vila de Ordes. A última hora deste Día Internacional do Libro o recoñecido escritor nacido na parroquia de Buscás descubría a placa na que ata o de agora se coñecía como a 'rúa tras o campo da feira', moi próxima ao colexio Campomaior.

Previamente ao acto inaugural Euloxio Ruibal mantivo un contacto con xentes de todas as idades na biblioteca municipal. Co gallo do Día Internacional do Libro ofreceu unha sesión de contacontos na que os asistentes tiveron ocasión de participar, poñéndolle voz a algunhas das perxonaxes que aparecen en distintos títulos da súa obra.

No acto, o alcalde, Manuel Regos, agradeceulle tanto a súa labor literaria “como o ser un representante de Ordes que pasea con honra o nome destas terras alá a onde vai”.

Euloxio R. Ruibal xunto a súa nai e Manuel Regos, alcalde de Ordes.
As frases de Euloxio R. Ruibal, escritor e académico
“Ter un libro significa ter o universo nas mans. O libro é un invento glorioso do ser humano capaz de medir a súa intelixencia e imaxinación

"Que este novo vial se converta nun espazo de alegría e convivencia. Un lugar de paso, unión, relación e  diálogo no que poidan brincar e desenvolverse nenos e grandes e onde reine a alegría dunha bocarrúa a outra”


martes, 23 de abril de 2013

O contrato da gardería municipal de Ordes, investigado na operación Pokémon


O portavoz do BNG, Gonzalo Castro propón que se algún concelleiro resultara imputado, "dimita de xeito inmediato" 

O BNG de Ordes informou esta tarde que a xuiza Pilar de Lara, titular do xulgado de instrucción nº 1 de Lugo, ven de requerir ao alcalde de Ordes o expediente de adxudicación da gardería municipal e as facturas remitidas ao Concello pola empresa concesionaria Sermasa.

Gonzalo Castro lembrou que “hai medio ano denunciamos prácticas éticamente cuestionábeis na garderia municipal, como a contratación da compañeira sentimental dun concelleiro do Goberno”.

"Manto de sospeita"
Castro salientou que “coa apertura desta investigación xudicial existe un manto de sospeita sobre a xestión do Goberno municipal, polo que o alcalde e os concelleiros do goberno deberían apoiar o acordo plenario que propoñemos, que supón o compromiso ético de asumir a súa responsabilidade política e dimitir no caso de que se produza algunha imputación xudicial”.

Castro salientou que “Ordes precisa dunha rexeneración ética e democrática, e os seus cargos públicos deben asumir este compromiso de forma clara e rotunda”.

Moción do BNG de Ordes

GONZALO-HENRIQUE CASTRO PRADO, Portavoz Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, ao abeiro do disposto no artigo 97 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades locais, presenta a seguinte MOCIÓN polo compromiso ético dos membros da Corporación Municipal.



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo puido saber o BNG, a xestión do alcalde o e o goberno municipal de Ordes está a ser investigada dentro do marco da operación “Pokemon”, como o confirma o feito de que a xuiza Pilar de Lara, titular do xulgado de instrucción nº 1 de Lugo, acabe de requerir ao alcalde de Ordes o expediente de adxudicación da gardería municipal e as facturas remitidas ao Concello pola empresa concesionaria “Sermasa”.
Hai medio ano, desde o BNG, xa denunciamos prácticas éticamente cuestionábeis na garderia municipal, como a contratación da compañeira sentimental dun concelleiro do goberno.
Situacións como esta non contribuen a restaurar a confianza da cidadanía nas institucións, unha confianza que se atopa baixo mínimos cando asistimos a continuos escándalos con imputacións masivas por delictos relacionados con prácticas de corrupción, mentres vemos que só en contadas ocasións se asumen as responsabilidades políticas que todo cargo público debe ter coa ética no desempeño das actividades propias do seu cargo.
Non se trata de prexulgar ningún feito, non se trata de ir contra ninguén, debemos respectar o traballo da xustiza, sen xuizos paralelos, e poñendo por riba de calqueira outra consideración a presunción de inocencia, principio fundamental nun Estado de Dereito; mais o certo é que coa apertura desta investigación xudicial existe un manto de sospeita sobre a xestión do goberno municipal, polo que todos os membros da Corporación Municipal deberíamos despexar calquera dúbida apoiando un acordo plenario que supoña o compromiso ético de asumir a nosa responsabilidade política e dimitir no caso de que se produza algunha imputación xudicial relacionada con actividades propias do noso cargo.
Este compromiso ético ten ainda maior relevancia e necesidade, se temos en conta que existen informacións que indican que nos próximos meses se producirán máis actuacións xudiciais relacionadas coa xestión do alcalde e o goberno municipal. É indiscutíbel que Ordes precisa dunha rexeneración ética e democrática, e os seus cargos públicos deben asumir este compromiso de forma clara e rotunda.
Este compromiso coa ética, a transparencia e a honestidade, asumímolo desde o BNG, os concelleiros que hoxe abandonaremos a nosa condición de cargos públicos, pero tamén o asumen e se fai extensivo aos que nos sucederán nesta responsabilidade, agardamos que este compromiso poida ser adoptado por unanimidade pola Corporación Municipal, porque hai que enviar unha mensaxe clara aos veciños de que nada hai que esconder con respecto á xestión municipal de Ordes, que temos a conciencia tranquila e que asumimos o compromiso ético de dimitir se se produce unha imputación delictiva por actuacións relacionadas coa actividade propia do noso cargo. Os veciños precisan volver a confiar nas institucións, poñamos o noso grao de area para que así sexa.
ACORDO
Todos os membros do Pleno da Corporación Municipal asumen o compromiso ético de dimitir de xeito inmediato do seu cargo de concelleiro/a, se son imputados nun proceso penal por actividades relacionadas co exercicio do seu cargo.

Ordes, a 24 de abril de 2013.



*