domingo, 27 de abril de 2014

Pepe Blanco, a favor do partido xudicial de Ordes

José Blanco, esta tarde en Ordes, acompañado de Francisco Caamaño, Manuel Mirás e Xesús Pedreira.
O exministro e candidato socialista ao Parlamento Europeo estivo acompañado por Francisco Caamaño, Manuel Mirás e Xesús Pedreira

O exministro de Fomento e candidato socialista ao Parlamento Europeo, o lugués José Blanco, estivo esta tarde en Ordes visitando Expo Ordes e a Degustación do Champiñón acompañado polo tamén exministro e deputado autonómico Francisco Caamaño, do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e do secretario xeral do Socialistas de Ordes, Xesús Pedreira.  

No expositor do PsdG-PSOE de Ordes, os exministros eo alcalde tiveron ocasión de asinar en contra da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que contempla, entre outros, a desaparición do partido xudicial de Ordes.

TVG
A visita dos exministros e do alcalde de Oroso a Ordes foi cuberta polos servizos informativos da TVG, e pode verse a través deste enlace


*

Expo Ordes celebra a súa segunda xornada dedicada aos empresarios e autónomos

Manuel Regos xunto ao deputado Miguel Prado e varios alcaldes da Comarca de Ordes, onte en Expo Ordes.
Regos: "Queremos presentar o asociacionismo e cooperativismo de productos autóctonos como unha alternativa con futuro"

Hoxe se celebra a XXV Degustación do Champiñón

Tras una xornada inaugural adicada especialmente aos empresarios e autónomos do municipio, o Concello de Ordes celebrou onte aa segunda xornada da XXV Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola Expo Ordes 2014. 

Previamente, ao mediodía, todos os alcaldes da zona e o deputado Miguel Prado acompañados do presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, visitaron o posto do organismo supramunicipal. 

Entre moitos outros aspectos falouse das distintas e variadas potencialidades e solucións que ofrece o cooperativismo como modelo empresarial na actualidade. 


Degustación do Champiñón
As portas volverán abrirse hoxe domingo a partir das 10:00 horas. A XXV Degustación do Champiñón será o máis destacado e para elo todo tipo de establecementos hostaleiros da zona repartirán de balde tapas e racións elaboradas con este producto. 

En total estímanse que serán arredor de 7.000 quilos os que se preparen para ser degustados ao longo de todo o día por veciños e visitantes. 


A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Queremos que este ano Expo Ordes serva para promocionar os productos da terra, o que é noso propiamente así como unha oportunidade e inspiración de posibles negocios para os que se animen a emprender unha iniciativa. 

De aí que queiramos presentar o asociacionismo e cooperativismo de productos autóctonos como unha alternativa con futuro

*

A Corporación de Ordes rexeita as reformas xudiciais de Gallardón

A proposta foi respaldada por todos os grupos agás o PP que aposta por unha "modificación" da lei

Quedou rexeitada a proposta de creación dun viveiro de empresas no Centro Comarcal

A Corporación Municipal do Concello de Ordes aprobou o pasado xoves a proposta presentada polo Goberno local, na que se lle insta ao Goberno de España a manter o partido xudicial de Ordes

Así, solicítaselle a retirada do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial baseada na existencia dun único tribunal de instancia de ámbito provincial, así como na transferencia a Galicia da competencia sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial

Tamén se lle reclama ao Goberno da Xunta de Galicia a creación dun grupo de traballo para a definición dun modelo adecuado ás particularidades sociais, territoriais e demográficas da Comunidade. 

Tan só o PP se abstivo á hora das votacións alegando que “non é preciso a retirada do anteproxecto de lei senón unha modificación dela co fin de posibilitar a modernización do sistema”.

Pensións e IVE das perruquerías
O PSOE viu prosperar todas as súas mocións. Solicitábase o restablecemento da revalorización das pensións públicas según o establecido no Pacto de  Toledo antes da súa modificación en base á lei 23/2013 de 23 de decembro reguladora do Factor de Sustentabilidade e do índice de Revalorización do Sistema de Pensións da Seguridade Social. 

Tamén  se instou á reconsideración da aplicación do tipo xeral do IVE no 21% aos servizos de perruquería, volvendo ao tipo reducido do 10%. Por último, e de xeito unánime, decidiuse instar á S.A de Xestión do Plan Xacobeo a retomar o proxecto para construir un albergue na Casa Reitoral do Outeiro, na parroquia de Poulo.

Aforro enerxético
No caso do BNG non se lle aceptou a solicitude de crear unha auditoría para o aforro enerxético no alumeado público, xa que tal e como explicou a tenente de alcalde,  Silvia Marín, “as medidas levadas a cabo ata o de agora supuxeron que a pesar de do incremento nos costes do subministro no se pague máis” ademais tamén se aclarou que “unha auditoría deste tipo só a poden realizar empresas especializadas e habería que saber antes de nada o custo que suporía para as arcas municipais”. 

Viveiro de empresas
Tamén se rexeitou a proposta da creación dun viveiro de empresas no Centro Comarcal, en gran medida debido a que “dende o Concello xa se está habilitando a segunda pranta da praza de abastos para a creación dun centro de emprendemento”. 

Neste aspecto tamén se puntualizou que ata o de agora “todavía se están retirando arquivos e material depositado neste inmoble e que non pertence ao Concello, polo que aínda non se pode acceder e dispoñer de él”. 

Terrazas
No relativo á proposta do BNG de modificar a ordenanza municipal reguladora das terrazas e outras ocupacións de dominio público abriuse a posibilidade de debatilo “máis adiante en comisión” xa que a actual “foi consensuada recentemente entre todos os grupos políticos e é preferible deixar que esté vixente un pouco máis de tempo co fin de concretar detalladamente os defectos que poida presentar”.

Escola infantil
Tras as aclaracións realizadas polo interventor municipal en relación ás facturas da Escola Infantil Sorrisos, rexeitouse a creación dunha comisión para a súa investigación. 

Tal e como se explicou “ao Concello de Ordes non se lle cargou ningunha factura indebida, xa que as informacións aparecidas recentemente na prensa en base ás gravacións efectuadas polo Servizo de Vixianza Aduaneira aluden a “asuntos internos da empresa concesionaria que non nos atinxen”. 

A tenente de alcalde tamén puxo a disposición de todos as facturas existentes e explicou que “a de Ordes é das xestións máis transparentes porque todo se leva a cabo dende o Concello e a contabilidade está baseada polos servizos que se prestan a cada alumno”. 

Sinalización horizontal
Os populares tamén instaron ao Concello a revisar e reparar con urxencia a sinalización horizontal da vila, moción que prosperou.

Servizo de augas

No apartado de rogos tamén se deu conta do informe realizado a petición do alcalde á empresa Espina & Delfín, responsable do subministro de auga potable. Nel concrétase que o pasado día 8 prodúxose a rotura dunha tubería do suministro xeral. 

Unha situación que propiciou a aparición de aire nas conduccións, o que á hora do seu restablecemento  provocou a movemento de sólidos e outras partículas depositadas no fondo de ditas conduccións. 

No informe tamén se precisa a rotura provocada o pasado día 23 dunha tubería ubicada preto dos depósitos de distribución de auga potable. Por todo elo acordáronse medidas baseadas no vaciado e purga continuada dos puntos críticos da rede de suministro, aumentar o control rutinario dos parámetros físicos e químicos da auga destinada a consumo, ademais da atención personalizada aos posibles clientes afectados pola ata turbidez.

*

O PSOE recolle sinaturas en Expo Ordes na defensa do partido xudicial de Ordes

Pedreira: "“Esperamos contar co apoio da gran maioría desas 36.000 persoas que se agarda que visiten a vila durante esta fin de semana"

O PSOE de Ordes está a organizar unha recollida de sinaturas na defensa do partido xudicial ordense durante a celebración de Expo Ordes 2014.

 Os socialistas dispoñen dun espazo na feira multisectorial ordense para que todos os que a visiten teñan a oportunidade de amosar o seu rexeitamento á Lei de Demarcación e de Planta Xudicial, que contempla a desaparición de partidos xudiciais como os de Ordes e a súa concentración nas capitais de provincia, neste caso na Coruña.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
“Esperamos contar co apoio da gran maioría desas 36.000 persoas que se agarda que visiten Expo Ordes durante esta fin de semana, coincidindo coa celebración da Festa do Champiñón

“É importante que todos os veciños, tanto de Ordes coma do resto da comarca, asinen este manifesto para amosar que non están dispostos a ter que desprazárense a máis de 40 quilómetros para recoller un simple certificado”


"A reforma proposta por Gallardón non suporá aforro ningún para a Administración e, pola contra, só dificultará aínda máis o acceso á Xustiza dos veciños e veciñas de Ordes"

"A proposta do señor Gallardón é totalmente anacrónica, mentres nos Concellos nos esforzamos por achegar máis a Administración ao cidadán a través de procedementos telemáticos, o ministro de Xustiza semella que só quere afastar a Xustiza da veciñanza

*

miércoles, 23 de abril de 2014

A biblioteca de Ordes celebrou o Día do Libro con monicreques


Pensada especialmente para os máis novos

A biblioteca municipal de Ordes conmemorou durante a tarde de hoxe o Día do Libro. Unha xornada que estivo especialmente pensada para os nenos do municipio, xa que a partir das 18.30 horas, e de balde, todos os que así o desexaron puideron desfrutar do espectáculo de monicreques ‘A casiña de chocolate’.

Non será a única cita prevista para esta semana xa que como é habitual, o último venres de cada mes terá lugar unha nova entrega das Tardes de contos e lendas. Nesta ocasión ofrecerase o relato ‘Conto contigo’. Novamente a hora do encontro está posta para as 18:30 horas.

*


Os infantís do AC Órdenes disputarán en Madrid o campionato de España de hóquey

O equipo infantil do A.C. Órdenes de hóckey.
Terá lugar os vindeiros 9, 10 e 11 de maio 

O Concello de Ordes expresa hoxe públicamente as felicitacións a equipo infantil do AC Órdenes pola súa recente clasificación no Campionato de España de Hóquey, que se disputará os vindeiros 9, 10 e 11 de maio en Alcobendas (Madrid). 

Un novo logro acadado esta pasada fin de semana tras alzarse coa victoria por 3 a 1 no partido xogado contra o Bulling, no campionato Sector Norte que tivo lugar en Oviedo e no que concurriron seis equipos entre os que figuraban as outras equipacións galegas do Liceo e do Dominicos.

*

O PP de Ordes reclama investigar as presuntas facturas falsas da escola infantil

Martínez Sanjurjo: “Os veciños teñen dereito a saber a verdade, e unha nova negativa sería interpretada como unha admisión de culpabilidade por parte do alcalde”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes reclamará no pleno de mañá, a constitución dunha comisión de investigación en relación coas facturas presuntamente falsas que a empresa concesionaria da escola infantil municipal tería presentado para cadrar as contas do exercicio de 2010.

O importe facturado de maneira irregular tería ascendido, supostamete, a 20.000 euros, segundo a información publicada recentemente tomando como base investigacións do Servizo de Vixiancia Aduaneira (SVA) nun procedemento no que está imputada a tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín.

Martínez Sanjurjo confía que que tanto o alcalde como a súa número dous cambien de actitude e “permitan que os veciños de Ordes podan coñecer a verdade, porque ata o de agora se esforzaron -e hai que recoñecer con éxito-, en ocultar todos os aspectos cuestionables da súa xestión”.

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes 

“Os veciños teñen dereito a saber a verdade, e unha nova negativa sería interpretada como unha admisión de culpabilidade por parte do alcalde, que como responsable de canto sucede no Concello, ten a obriga de dar a cara e ofrecer unhas explicacións que polo de agora, non ten facilitado”

"Ao solicitar a comisión de investigación non prexulgamos a ningúen: se o Concello xestionou con neglixencia deberá responder política e xudicialmente; e se a mala praxis foi só da empresa haberá que actuar en consecuencia. Pero o que está claro é que hai que actuar”

*